A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA, OBXECTIVO DAS OBRAS NA CASA DO CONCELLO
Carral iniciou, esta semana, o proxecto para mellorar a eficiencia enerxética na Casa do Concello, unhas actuacións coas que se prevé rebaixar o consumo enerxético e as emisións de CO2 do edificio municipal nun 43%. As obras executaranse cun orzamento de 149.993,23 euros dos que o 80% procede dunha subvención de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (actual Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes) e cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
O alcalde, Javier Gestal, incide en que se trata dun proxecto co que se alcanzará un dobre obxectivo: “dunha banda, conseguiremos rebaixar as emisións de CO2, pero estas melloras terán, ademais, unha repercusión positiva nas arcas municipais, permitíndonos conseguir un grande aforro económico”.
O Concello resultou beneficiario da axuda autonómica en virtude dunha orde do 16 de xaneiro de 2024 de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes sobre a convocatoria de subvencións de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais.
Esta liña de subvencións está cofinanciada no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 e ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60%, computándose como cofinanciamento nacional, polo 40% restante, un 20% de fondos propios da Comunidade Autónoma e un 20% como contribución pública dos concellos beneficiarios.
Encádrase na estratexia do programa, os principais retos e as respostas estratéxicas, da maneira seguinte:
- Obxectivo político 2, que busca unha Europa máis verde, hipocarbónica e en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente promovendo, entre outras medidas, unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sostible. Dentro deste obxectivo, as medidas de fomento reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.
- Obxectivo específico RSO2.1. Fomentar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
- Actuación 2.1.01. Mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas.
- Ámbitos de intervención: 044 Renovación da eficiencia enerxética ou medidas de eficiencia enerxética relativas a infraestruturas públicas, proxectos de demostración e medidas de apoio: impútase a este campo de intervención o 47,25% do importe total da convocatoria (2.520.000,00 euros).
045 Renovación da eficiencia enerxética ou medidas de eficiencia enerxética relativas a infraestruturas públicas, proxectos de demostración e medidas de apoio que cumpran os criterios de eficiencia enerxética: impútase a este campo de intervención o 52,75% do importe total da convocatoria (2.813.334,00 euros).







