ABRIL É O MES DAS PELÍCULAS DOCUMENTAIS GALEGAS EN CARRAL

A Casa da Cultura acollerá o 5º Ciclo de Cine Documental Galego que organiza a concellería de Cultura con tres sesións de gran interese e atractivo. Todas comezarán ás 20:00 h.
A primeira das producións é Crónicas dun non, un documental que conta a historia do movemento da insubmisión, no que moitos mozos desde 1989 se negaron a realizar o Servizo Militar Obrigatorio e a Prestación Social Sustitutoria. O filme conta a historia da insubmisión en Galicia a través da experiencia persoal do seu director, Fernando Rodríguez Gómez “Peñaño”, que foi detido en 1989 pola súa negativa a incorporarse ao Servizo Militar, permaneceu en prisión preventiva, foi xulgado e condenado a un ano de cadea. É o relato dun tempo e dunha loita colectiva, cargada de inxenuidade, amor e tenacidade.
Crónicas dun non proxectarase o xoves 9 de abril e haberá un coloquio co seu director.

Un semana despois, o 16 de abril, preséntase Onde máis doe de Manane Rodríguez. Este filme trata sobre a violencia vicaria. Despois de ameazar durante anos á súa exparella, MM asasina a golpes de pa ao seu fillo de 11 anos. Un ano máis tarde, un xurado popular condénao por asasinato (matar facendo uso pleno das súas facultades mentais e determina que o crime contra o neno non buscaba outra cousa que castigar á nai. Que move a unha persoa en pleno uso das súas facultades para matar a un fillo? Por que o feito de que unha muller non se someta e intente actuar pola súa conta pode alentar un castigo tan brutal?.
Manane Rodríguez estará presente na sesión para presentar o documentar e manter unha conversas co público asistente.

A terceira e última sesión do ciclo será o xoves 23 de abril con Basal, que é un docudisco que retrata a vida da cantautora Ugia Pedreira coñecida como A Pedreira, xunto a súa filla Lúa Awel, que ten parálise cerebral e unha relación “curiosa, expléndida e excelsa” coa música. O relato abarca desde as sesións de Feldenkrais en Donostia ata a participación de Lúa na gravación do álbum tamén chamado Basal. O documental é un relato íntimo, cargado de tenrura e paisaxes sonoras e visuais rotundas.
Este documental preséntase grazas á Deputación da Coruña.
A entrada a todas as sesións é de balde con límite na capacidade da sala.
Carral, con este ciclo consolidado na súa programación cultural municipal, estase a converter nun dos poucos puntos nos que é posible ver este tipo de producións que carecen de circuítos estables para amosalas ao público. Ademais gaña interese nun tempo no que o cine documental, tanto con longametraxes como con curtas, está sumando un gran auxe e espazo no número total de producións cinematográficas en todo o mundo.
Esta programación de cine galego documental conta coa colaboración da Rede de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.












