ARRANCAN EN BEIRA LOS TRABAJOS PARA LOCALIZAR UNA DE LAS FOSAS DE LA REPRESIÓN FRANQUISTA

O cemiterio de Beira será, ata o 17 de xullo, obxecto dunha intervención arqueolóxica para determinar a localización dunha das fosas onde foron enterradas vítimas da represión franquista. O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e a deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, participaron na xornada de inicio destes traballos, que contan co financiamento do ente provincial e serán coordinados polo grupo de investigación Histagra (USC-CISPAC). Ao arranque asistiu tamén o presidente de Cultura Aberta Carral, Lois Anxo Ferreiro.

Durante a súa intervención, o rexedor sinalou a importancia deste tipo de proxectos, “que permiten seguir avanzando no coñecemento da nosa historia e preservar a memoria de Carral, sempre desde o máximo respecto ás vítimas e aos seus familiares”.

A realización desta cata chega despois dunha investigación histórica que permitiu saber máis sobre a represión exercida na zona, así como sobre a evolución e transformación do espazo do cemiterio desde o ano 1936. Ata o momento, tal e como se reflicte no estudo, está documentado o asasinato e enterramento de como mínimo 18 persoas en varias fosas localizadas na parroquia. Con todo, como se indica, a cifra de vítimas podería ser superior. A elaboración desta investigación correu a cargo de Histagra en colaboración con Cultura Aberta de Carral.

Segundo o estudo, o camposanto conta con dúas fosas. Unha delas atópase parcialmente destruída, mentres que a outra non está localizada. O proxecto engloba, non só a propia investigación e cata arqueolóxica, senón tamén a divulgación social e académica destes traballos. En función dos resultados obtidos, iniciaríase unha segunda fase na que se abriría a fosa e examinaríanse os restos achados.

Esta intervención está encadrada dentro do convenio subscribido entre a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. Alén da actuación de Carral, o programa incluirá labores arqueolóxicos e forenses similares en Serantes (Ferrol) e Boisaca (Santiago de Compostela). O acordo conta cun investimento de 150.000 euros procedentes de fondos provinciais.