,

CARRAL ABRE O LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN DOS CURSOS DE NATACIÓN E DO VIII TORNEO DE PÁDEL

O Concello continúa ofrecendo unha ampla variedade de actividades deportivas durante os meses de verán. A oferta inclúe propostas para veciños e veciñas de todas as idades e pertencentes a distintas disciplinas. O Concello abrirá o luns, 14 de xullo, o prazo de inscrición para os seus cursos de natación de agosto e para o VIII Torneo de Pádel. Trátase de dúas iniciativas xa consolidadas e que reúnen, edición tras edición, a un gran número de persoas participantes.

Por unha banda, os cursos de natación de agosto contarán con 70 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos, tendo preferencia aquelas persoas empadroadas no municipio. Os rapaces e rapazas estarán divididos en tres quendas en función das idades, comezando en primeiro lugar as clases para os máis maiores e rematando coas dos máis pequenos e pequenas. As sesións impartiranse entre as 11.45 e as 14.00 horas e terán unha duración de 45 minutos.

A inscrición poderá realizarse a través da sede electrónica ou, presencialmente, no rexistro municipal do Concello.

Torneo de Pádel

En canto ao VIII Torneo de Pádel, o Concello abrirá tamén o luns, día 14, o prazo de inscrición. As parellas que se anoten estarán divididas en función das idades, tendo un torneo escolar para aquelas entre 10 e 14 anos e un de adultos para as maiores de 15 anos.

O torneo de adultos consta de dúas categorías: a A, dirixida a xogadores/as dun nivel medio/alto, e a B, destinada ás parellas de nivel medio.

O torneo dará comezo o vindeiro 31 de xullo e prolongarase ata o 14 de setembro. Nas primeiras semanas disputarase unha fase de liguiña por grupos, da cal sairán as clasificacións para o cadro eliminatorio. Os partidos celebraranse en horario de tarde-noite, podendo modificarse os horarios sempre que haxa acordo entre as parellas enfrontadas.

O obxectivo desta competición é o fomento do deporte entre a poboación adulta, así como posibilitar a práctica de novas modalidades deportivas ás persoas habitantes de Carral. Por iso, a participación no torneo terá carácter gratuíto.

As persoas que necesiten máis información ou desexen tramitar a súa inscrición, poden facelo ata o 24 de xullo no Complexo Deportivo de Carral, no 678 338 847 ou a través do formulario web.