,

CARRAL ACOLLE O XOVES 29 DE OUTUBRO A FORMACIÓN E ENTREGA DE COMPOSTEIROS DA CAMPAÑA DO CONSORCIO AS MARIÑAS

O Concello de Carral e o Consorcio As Mariñas celebrarán o xoves 29 de outubro as sesións de formación e entrega de material da nova campaña de compostaxe doméstica «Aproveita os teus residuos orgánicos, COMPOSTA!». Para achegar a campaña a distintas zonas do municipio, haberá dúas sesións en lugares diferentes: ás 12:00 horas no local social de San Vicente e ás 17:00 horas no local social de Barcia.

As sesións son gratuítas e ensinan a compostar paso a paso: que residuos se poden botar no composteiro, como manter o equilibrio entre restos húmidos e secos, e cando e como usar o compost. Ao remate, as persoas participantes recibirán o composteiro e o material para comezar a compostar na casa.

As persoas que xa se anotaron recibirán unha chamada do equipo da campaña para confirmar a súa asistencia. Quen aínda non o fixese pode anotarse en http://consorcioam.rsu.gal/ para axilizar a entrega de material, aínda que tamén pode acudir á sesión sen inscrición previa e anotarse alí mesmo.

Carral forma parte dos oito concellos do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), onde a campaña desenvolverá 36 accións de formación e sensibilización. A campaña diríxese tamén aos máis de 3.000 fogares que xa teñen composteiro no territorio, que recibirán unha chamada dos mestres composteiros para resolver dúbidas.

O obxectivo do Consorcio é aumentar un 5 % os fogares que compostan activamente e producir arredor de 27.375 kg máis de compost ao ano.