,

Carral acolle o XXIII Certame Municipal de Ximnasia Rítmica o próximo 19 de abril

O Concello de Carral, en colaboración co Club de Ximnasia Rítmica de Carral, celebrará o próximo 19 de abril o XXIII Certame Municipal de Ximnasia Rítmica, unha actividade plenamente consolidada dentro da programación deportiva de primavera do municipio.

O evento está programado en horario de 10.00 a 14.30 horas no pavillón municipal do Colexio Vicente Otero Valcárcel. O cambio de localización débese á ocupación do ximnasio do pavillón municipal de O Espiño.

Este certame municipal de ximnasia rítmica é un evento de carácter non competitivo, concibido como unha exhibición e mostra deportiva na que participan distintas escolas e clubs de ximnasia rítmica da comarca e da provincia, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e a convivencia entre entidades.

Está prevista a participación de ao redor de 250 ximnastas pertencentes ao Club de Ximnasia Rítmica de Carral, a Escola Municipal de Ximnasia Rítmica de Carral, a Escuela de Gimnasia Rítmica de Ordes, a Escuela Municipal de Abegondo, o Colegio Obradoiro, o Club de Gimnasia Rítmica As Pontes e o Colegio Internacional Eirís

A ximnasia rítmica é unha das disciplinas deportivas con maior implantación no municipio de Carral, onde conta cun club local con máis de 60 licenzas federativas, así como cunha Escola Municipal que reúne a preto de 70 nenas rexistradas.

Ao longo das súas vinte e tres edicións, o Certame Municipal converteuse nunha cita de referencia dentro do calendario deportivo local, consolidándose como un dos eventos habituais das primaveras deportivas do municipio.