Carral aposta pola seguridade viaria e investirá 225.000 euros para mellorar a estrada do Quenllo
O Concello de Carral publicou a licitación dun novo proxecto de mellora da seguridade viaria, neste caso na estrada do Quenllo. O obxectivo desta proposta é a restauración do pavimento, a ampliación do ancho da plataforma e o uso de cunetas de seguridade. A obra, financiada polo Plan Único da Deputación da Coruña, conta cun orzamento de 225.222,52 euros.
Esta estrada conta cun importante fluxo de tráfico, ao estar preto do Polígono Industrial Os Capelos. Por iso, a calzada, demasiado pequena de partida, sufriu unha deterioración notable co paso do tempo.
Nos primeiros 550 metros realizaranse cunetas de seguridade en ambas as marxes, con anchos variables. Este tramo estará acoutado por lombos de asno para garantir unha velocidade adecuada xa que é unha zona habitada. Na zona de monte aproveitarase o sobreancho existente para realizar a ampliación da plataforma, chegando a un ancho total de 6 metros. Unha vez a estrada estea terminada, implementarase a sinalización pertinente. Na zona de monte, con pouca iluminación, dispoñeranse captafaros.
“A mellora da rede de camiños municipais é un investimento moi necesario, e aos poucos imos chegando a todas as zonas que o necesitan”, comenta Fernández Mouriño, alcalde de Carral.





