CARRAL AUNARÁ GASTRONOMÍA E MÚSICA TRADICIONAL NA LI FESTA DA EMPANADA E DO FOLCLORE GALEGO
A LI Festa da Empanada de Carral e do Folclore Galego xa ten data: será o xoves, 3 de setembro, a partir das 18.30 horas. Así o confirma a concelleira de Cultura, Turismo e Comercio, Isabel López, avanzando que a cita servirá “non só para enxalzar un dos produtos estrela e que mellor fala da nosa gastronomía local, senón tamén para dar a coñecer o talento de varias agrupacións de música tradicional”.
A partir das 18.30 horas, as persoas asistentes poderán degustar as diferentes variedades de empanada elaboradas por Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández e Panadería Carral Rosmar. A oferta incluirá desde recheos clásicos, como atún e bacallau, ata propostas como polo, polbo e zamburiñas, entre outras.
A gastronomía compartirá protagonismo coa música tradicional durante toda a tarde. Entre as 18.30 e as 20.30 horas, catro agrupacións ofrecerán diferentes actuacións no Campo da Feira.
O programa arrancará ás 18.30 horas con O Rueiro de Tabeaio. Ás 19.00 horas será a quenda das Cantareiras das Encrobas, mentres que Xodó actuará ás 19.45 horas. O Grupo de Música Tradicional Arnela será o encargado de pechar as actuacións ás 20.30 horas.
Deste xeito, a LI Festa da Empanada preséntase como unha proposta que combina gastronomía, música e tradición, co obxectivo de manter viva unha celebración xa consolidada no calendario cultural de Carral e reivindicar tanto a gastronomía local como o patrimonio musical galego.
A celebración está organizada polo Concello de Carral, en colaboración coa Deputación da Coruña, Aceites Abril e Estrella Galicia.






