Carral avanza na segunda fase do PXGS e defende a prioridade da depuradora do Quenllo nun encontro con Augas de Galicia
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, participou esta mañá de martes, 27 de xaneiro, nun encontro de traballo convocado por Augas de Galicia con varios concellos, celebrado nas instalacións da Universidade da Coruña (UDC).
Á reunión asistiu o director xeral de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, así como representantes municipais, entre eles o concelleiro Óscar Bodelo, a concelleira Rocío Rabuñal e a técnica municipal de Medio Ambiente, María Couto.
No marco deste encontro, o executivo carralés trasladou a Augas de Galicia a necesidade de avanzar na segunda fase do Plan Xeral Galego de Saneamento (PXGS), así como a situación da depuradora do Quenllo, unha infraestrutura que levaba preto de seis anos sen recibir o mantemento idóneo.
Durante a reunión, desde o Concello de Carral incidiuse na urxencia de acometer actuacións que permitan garantir o correcto funcionamento da depuradora e mellorar o servizo de saneamento no municipio, poñendo de manifesto a importancia de priorizar esta actuación.
O alcalde destacou “a importancia da colaboración entre administracións para dar resposta a problemas estruturais que afectan directamente á calidade de vida da veciñanza” e remarcou que a depuradora do Quenllo “é unha actuación prioritaria que require unha solución áxil e eficaz”.
Fernández Mouriño subliñou ademais que a participación de Carral nestes encontros de traballo resulta fundamental para “defender os intereses do municipio e seguir avanzando na planificación e execución de actuacións en materia de saneamento”, reiterando o compromiso do goberno municipal de continuar traballando de maneira coordinada con Augas de Galicia para alcanzar melloras reais e sostibles para Carral.




