Carral despide a XXII Festa do Pan con máis de 5.000 bocadillos cardiosaludables vendidos

O Concello e a Asociación de Panadeiros pecharon con éxito a XXII edición da Festa do Pan. A cita volveu reunir durante toda a fin de semana a miles de persoas, superando a cifra de 5.000 bocadillos cardiosaludables vendidos entre as xornadas do sábado e o domingo.

A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou o balance de asistencia “sobre todo, tendo en conta que o tempo non acompañou”. A edil subliñou que, a pesar de as previsións meteorolóxicas adversas, “miles de persoas achegáronse ao longo da fin de semana a Carral, reforzando a importancia desta cita gastronómica para toda a comarca”.

A programación ofreceu actividades para todos os públicos e idades, aínda que as grandes protagonistas desta edición foron, sen dúbida, o posto de venda do bocadillo cardiosaludable e os talleres infantís, que esgotaron todas as prazas dispoñibles. No caso dos de elaboración de bolos, formáronse ringleiras fronte ao posto ao longo de toda a fin de semana. Doutra banda, os talleres de xoguetes de madeira (sábado) e pulseiras de coiro (domingo) reuniron a uns 100 nenos cada día.

Máis aló destas propostas, o programa incluíu tamén música, teatro e espectáculos de animación na rúa, entre outras. Esta edición destacou, ademais, por combinar tradición e innovación, incorporando propostas novas como o expositor de Pan 3D, unha das iniciativas máis rechamantes da programación. En total, unhas 200 persoas pasaron pola visita inmersiva ás diferentes panadarías da Asociación de Panadeiros de Carral.

A concelleira recoñeceu o labor dos panadeiros e panadeiras, “que son os e as responsables do éxito desta celebración”. A edil lembra que detrás destas cifras atópase “o esforzo que realizan os artesáns e artesás para manter os seus negocios e preparar unha Festa do Pan que segue crecendo edición tras edición”.