,

CARRAL FINALIZA A REHABILITACIÓN DA PISTA POLIDEPORTIVA DO CANEDO CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE 48.000 EUROS

O Concello de Carral finalizou esta semana as obras de rehabilitación da pista polideportiva do Local Social do Canedo, unha actuación que contou cun orzamento de 47.605,66 euros, IVE incluído.

Os traballos centráronse na renovación do pavimento e na mellora das condicións da instalación para a práctica deportiva. Para iso, acondicionouse a superficie existente e construíuse un novo chan de formigón, cun acabado adecuado para o uso deportivo.

A intervención incluíu tamén a instalación dun sistema de recollida de augas pluviais para facilitar a evacuación da auga de choiva. Esta actuación permite mellorar a drenaxe da pista e contribuír á súa conservación e mantemento.

En canto ao equipamento, pintáronse as liñas de xogo e instaláronse dúas porterías regulamentarias de fútbol sala, así como canastras fixas de baloncesto. Deste xeito, a pista dispón dos elementos necesarios para a práctica de ambas as disciplinas deportivas.

A rehabilitación permite contar cunha superficie renovada e co equipamento adecuado para o desenvolvemento de actividades deportivas e recreativas na contorna do Local Social do Canedo. O orzamento total da obra ascendeu a 47.605,66 euros e foi financiada a través do POS+2026 da Deputación da Coruña.