CARRAL FINALIZA AS OBRAS DE MELLORA DO PAVIMENTO DAS BEIRARRÚAS DA AVENIDA DOS MÁRTIRES
O Concello de Carral finalizou as obras de mellora do pavimento das beirarrúas da avenida dos Mártires, nun tramo de aproximadamente 160 metros, co obxectivo de renovar os pavimentos existentes e mellorar as condicións de tránsito peonil nesta vía.
A actuación incluíu a retirada dos pavimentos deteriorados e a colocación de novos materiais adaptados ás características de cada zona. En concreto, instaláronse pezas prefabricadas de formigón nas beirarrúas e renovouse o pavimento podotáctil previsto no proxecto para facilitar a orientación das persoas con discapacidade visual.
Os traballos comprenderon tamén a reposición dos bordos de delimitación entre as beirarrúas e a calzada, así como actuacións de sinalización horizontal. Entre estas últimas atópanse o pintado dos pasos de peóns con pintura viaria reflectora branca e a sinalización dos bordos nas zonas de vaos mediante pintura amarela.
O proxecto contou cun orzamento total de 50.746,02 euros, IVE incluído, e contou coa colaboración da Xunta de Galicia, a través dunha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
A intervención desenvolveuse nun tramo da avenida dos Mártires situado na contorna das estradas N-550 e DP-0103, e contemplou a renovación dos elementos do pavimento que presentaban deterioración polo paso do tempo.





