Carral impulsa ‘Carral en equipo’, un programa para apoiar o deporte local e visibilizar o feminino
O Concello de Carral pon en marcha o programa ‘Carral en Equipo’, unha iniciativa de dinamización social e deportiva que ten como finalidade promover o coñecemento, a visibilidade e a posta en valor das distintas disciplinas deportivas máis numerosas existentes no municipio. A través desta proposta, búscase fomentar a implicación activa da veciñanza, incentivando a asistencia como público a competicións de relevancia nas que participan clubs e entidades deportivas locais.
O programa contribúe tamén a reforzar o tecido asociativo deportivo, fortalecendo o sentimento de pertenza e a identidade colectiva arredor do deporte de base e competitivo, ao tempo que promove a participación interxeracional e o apoio aos equipos de Carral. Neste sentido, ‘Carral en Equipo’ pretende consolidar unha comunidade máis cohesionada arredor da actividade deportiva.
Un dos aspectos centrais da iniciativa é a súa aposta polo deporte feminino, xa que os desprazamentos programados están vinculados a competicións protagonizadas por equipos ou disciplinas maioritariamente femininas. O obxectivo é avanzar na igualdade e incrementar a visibilidade destas disciplinas, contribuíndo así a un maior recoñecemento do deporte feminino.
Neste marco, o Concello organizará viaxes gratuítas en autobús, cun número limitado de prazas, para facilitar que veciños e veciñas poidan asistir como público a diferentes citas deportivas. O programa arrinca o vindeiro 18 de abril en Nigrán (Pontevedra), cun desprazamento para apoiar ao Club de Ximnasia Rítmica de Carral nun torneo galego.
Ademais, están previstas outras dúas saídas: o 3 de maio a Gondomar (Pontevedra), para acompañar á UD Carral Feminino, e o 5 de xullo ao Carballiño (Ourense), para apoiar ao Club Patinaxe Alquimia Carral.
As inscricións para cada unha das viaxes realizaranse nos días previos no Complexo Deportivo, a través do correo complexo.deportivo@carral.es ou do teléfono 678 33 88 47, ata completar as prazas dispoñibles.





