,

CARRAL IMPULSARÁ A HOSTALARÍA LOCAL COA NOVA RUTA GASTRONÓMICA ENTRE MIGAS E TOSTAS

Carral poñerá en marcha o próximo mes de xuño Entre migas e tostas, unha nova iniciativa gastronómica destinada a promocionar o tecido hostaleiro local e poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos do municipio: o pan de Carral.

A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou que o obxectivo do programa é continuar apoiando o sector hostaleiro mediante propostas que axuden a dinamizar a actividade económica e atraer público. “Tal e como xa facemos co concurso Tapeando Carral, queremos seguir traballando na posta en marcha de programas que impulsen e dean a coñecer o bo facer do noso tecido hostaleiro apostando, para iso, por un produto 100% local como é o pan de Carral”, sinalou.

Polo momento, a iniciativa conta xa con máis dunha decena de establecementos adheridos. A ruta gastronómico celebrarase o sábado 6 e o domingo 7 de xuño, xornadas durante as que veciños e visitantes poderán percorrer os locais participantes e degustar distintas propostas elaboradas co pan de Carral como ingrediente principal. Cada consumición terá un prezo único de 5 euros, incluíndo a tosta e a bebida.

Os responsables dos establecementos interesados en participar poden poñerse en contacto co Concello de Carral a través do teléfono 981 613 520 e preguntar pola técnico de Educación.