,

CARRAL INICIA AS OBRAS NO CEIP DE TABEAIO COA VISTA POSTA EN CONTINUAR MELLORANDO OS CENTROS DE ENSINANZA

O Concello continúa avanzando para mellorar as dependencias educativas do municipio. Trátase dun compromiso que quedou referendado, esta semana, co inicio de dous proxectos: as obras na Galiña Azul e o proxecto para substituír a carpintaría exterior e acondicionar o interior do CEIP de Tabeaio. Este último arrincou nos últimos días e permitirá dar resposta “ás demandas que a comunidade educativa leva tempo trasladando”, tal e como sinalaron o concelleiro de Obras, Óscar Bodelo, e a concelleira de Educación, Cristina Casal, durante unha visita ao colexio para comprobar o inicio destes labores. Os traballos suporán, non só unha mellora das instalacións en si, senón que tamén contribuirán a incrementar a eficiencia enerxética do edificio e a garantir un maior confort para o alumnado e o profesorado.

Para lograr estes obxectivos, o Concello renovará la carpintaría exterior que, na actualidade, é de aluminio sen rotura de ponte térmica, constando dun acristalamento sinxelo e caixón de persiana de madeira. A maiores, substituiranse as portas e executarase un falso teito novo a base de ferros de cartón xeso con illamento de la de roca. As intervencións incluirán, ademais, a instalación da nova iluminación.

As actuacións, que contan cun prazo de execución dun mes, puxéronse en marcha en agosto para evitar interferencias na actividade lectiva do centro. O proxecto execútase cun orzamento de 41.135,60 euros con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.