CARRAL INICIA AS OBRAS PARA MELLORAR A SEGURIDADE VIARIA NO QUENLLO, CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 225.000 EUROS
O Concello de Carral iniciou este mércores as obras de mellora da seguridade viaria na estrada municipal do Quenllo, unha actuación que conta cun orzamento de 225.222,52 euros, IVE incluído, e que está financiada a través do POS+2026 da Deputación da Coruña.
Os traballos teñen como obxectivo mellorar as condicións de circulación e aumentar a seguridade en distintos tramos desta vía. Para iso, renovarase o firme nas zonas previstas, ampliarase o espazo dispoñible na estrada onde sexa necesario e incorporaranse elementos para facilitar a evacuación da auga de choiva e mellorar a sinalización.
Nos primeiros 550 metros do percorrido construiranse cunetas de seguridade a ambos os dous lados da estrada, que axudarán a recoller e canalizar a auga. Tamén se instalarán elementos para moderar a velocidade ao comezo e ao cabo da zona habitada, co fin de adaptar a circulación ás características da contorna.
Na zona de monte, as obras permitirán aproveitar o espazo dispoñible para ampliar a plataforma da estrada e mellorar as condicións de paso. A actuación inclúe a renovación do pavimento nos tramos previstos, así como a instalación de nova sinalización horizontal e elementos de balizamento para facilitar a circulación.
Con motivo do inicio dos traballos, o Concello recomenda ás persoas que circulen polo Quenllo que extremen as precaucións, respecten a sinalización provisional e sigan as indicacións que se establezan para regular o tráfico mentres duren as obras.





