CARRAL INVOLUCRA AOS VECIÑOS E COMERCIOS NA AMBIENTACIÓN DE NADAL CUN CONCURSO DE DECORACIÓN
O Concello involucrará aos veciños, veciñas e comerciantes na ambientación do municipio durante as festas de Nadal. Farao co lanzamento do seu concurso de decoración de fachadas, balcóns, xanelas e xardíns en vivendas e comercios. Tal e como explica a concelleira de Turismo e Comercio, Isabel López, o obxectivo “é facer partícipe á cidadanía e ao tecido comercial na ambientación do concello durante estas datas sinaladas”.
O concurso contará con varias categorías: unha para casas (fachadas e xardíns de vivendas unifamiliares), outra para apartamentos, pisos, áticos e dúplex (podendo decorarse as fachadas, balcóns e/ou a porta de entrada da vivenda ou os corredores) e unha última para comercios (para decorar escaparates e o interior do establecemento).
En cada apartado un primeiro premio (cesta con produtos de Nadal valorada en 95 euros), un segundo (cesta con produtos de Nadal valorada en 80 euros) e un terceiro (cesta con produtos de Nadal valorada en 60 euros).
Un xurado encargarase de analizar as propostas participantes e entregar os galardóns teniendo en cuenta os seguintes aspectos: creatividade, orixinalidade, a elaboración propia, o uso da iluminación como foco de atracción e de materiais reciclables.
O certame está aberto á participación de calquera propietario ou arrendatario de vivendas ou negocios no municipio (tanto no ámbito urbano como no rural). As persoas interesadas deberán inscribirse desde mañá, venres 5 de decembro, ata o 15 de decembro utilizando a ficha de participación dispoñible na páxina web municipal e entregándoa, xunto cunha copia do DNI, no rexistro municipal e na sede electrónica.
Podes consultar as bases do concurso aquí.




