,

CARRAL MODERNIZA O EQUIPAMENTO DO COMPLEXO DEPORTIVO PARA CONSOLIDALO COMO REFERENTE NA COMARCA

Carral dispoñerá, proximamente, dunhas instalacións deportivas de “primeiro nivel”. Así o confirman tanto o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, como o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, avanzando a intención do Concello por renovar o equipamento do Complexo Deportivo. Para logralo, destinaranse 124.938,91 euros financiados con cargo ao remanente de tesourería. Esta actuación supoñerá o último paso dun proxecto de modernización que permitirá ofrecer unhas instalacións máis completas, modernas e adaptadas ao crecente número de usuarios e usuarias.

O concelleiro de Deportes destaca que o investimento permitirá a Carral “dispoñer dunhas instalacións para a práctica deportiva á altura do crecente interese existente en Carral e, sobre todo, do elevado número de usuarios e usuarias do Complexo”.

A actuación responde á necesidade de renovar unha maquinaria que presentaba un importante desgaste tras anos de uso intensivo. A contía destinarase para dotar o ximnasio de novas cintas de correr, bicicletas estáticas e de ciclo indoor, máquinas elípticas, remos, prensas, bancos de musculación, unha estación multifunción, equipamento de peso libre e material para adestramento funcional.

A compra do equipamento levarase a cabo despois de que o Concello aprobase en xullo unha modificación de crédito para dedicar uns 800.000 euros do remanente de tesourería a diferentes investimentos estratéxicos, entre elas a mellora do Complexo Deportivo.

Broche final

A adquisición do equipamento poñerá o broche a un ambicioso proxecto de renovación concluído en xullo. Os traballos supuxeron a ampliación do ximnasio en preto de 100 metros cadrados, a creación dunha nova sala para actividades dirixidas de 150 metros cadrados e a reorganización dos espazos para optimizar a súa funcionalidade. Así mesmo, renovouse integramente o sistema de iluminación mediante tecnoloxía LED, executáronse traballos de pintura e instalación de nova sinalización e vinilos e mellorouse a imaxe xeral do recinto.