Carral organizará este verán seis funcións ao aire libre de distintos xéneros dentro de CultuRúa
El Música, cinema, circo, contacontos, danza e clown volverán ser protagonistas durante os meses de verán en Carral coa sexta edición de CultuRúa. Como parte deste programa municipal, que arrincará esta mesma semana, ofreceranse seis espectáculos ao aire libre dirixidos a públicos de todas as idades durante os meses de xuño, xullo e agosto.
A programación comezará este xoves, 18 de xuño, ás 18.00 horas no Campo da Feira coa compañía Chuches Amil e o espectáculo Chuches Amil Eléctrico, unha proposta musical pensada para público familiar. O concerto, liderado por Fran Amil, busca achegar á infancia o patrimonio cultural galego a través de cancións que promoven valores como o respecto, a solidariedade e a non violencia.
A seguinte cita será o xoves 25 de xuño, tamén no Campo da Feira ás 18.00 horas, coa compañía Zirko Txosko e o seu espectáculo de circo contemporáneo Távole. A función está inspirada nos problemas da sociedade actual e, a través da linguaxe universal circense, as personaxes protagonistas chegarán á conclusión de que as solucións aos problemas contemporáneos pasan pola convivencia, a comunicación e o respecto.
A terceira semana estará dedicada ao cinema. O xoves, 2 de xullo, ás 22.30 horas, a pista polideportiva de Tabeaio acollerá a proxección de Rondallas, un filme que relata como un pobo decide recuperar a ilusión tras un tráxico naufraxio. Para logralo, volven poñer en marcha a rondalla, unha agrupación de música tradicional na que participan desde os nenos e nenas ata os máis maiores.
A programación continuará o xoves, 30 de xullo, no Campo da Feira (18.00 horas) coa proposta O camiño do afiador, do Mago Teto. O espectáculo rende homenaxe aos antigos afiadores galegos e á súa relación co Camiño de Santiago, a través dunha posta en escena arredor dunha auténtica roda de afiar dos anos 30.
O 4 de agosto será a quenda de Paty Lesta co contacontos Os rizos de Lía, tamén no Campo da Feira ás 18.00 horas. A historia acompaña a Lía nunha viaxe chea de emocións, aprendizaxes e descubrimentos, traballando valores como a amizade, a autoestima e o respecto pola identidade.
O peche desta edición chegará o 6 de agosto, ás 18.00 horas, coas pezas The Exposure, de Tanit Cobas, e Dance Join, de Marta Alonso. Na primeira, desvelarase ao público o mundo interior dos e das bailarinas, descubríndolle que pensan durante a danza, como son as súas conversas ou quen son. Pola outra banda, en Dance join haberá catro artistas sobre o escenario que loitarán por manterse á altura das expectativas en canto á multitarefa, a hiperprodutividade e o éxito.
A programación está organizada polo Concello de Carral en colaboración coa Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, e coa Xunta de Galicia por medio do programa Cultura no Camiño.
As persoas interesadas poderán obter información detallada sobre as distintas actividades no apartado web específico do programa CultuRúa 2026.





