CARRAL RECIBE 16 NOVOS COMPOSTEIROS NA CAMPAÑA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA DO CONSORCIO AS MARIÑAS
O Concello de Carral e o Consorcio As Mariñas celebraron onte, xoves 29 de outubro, as sesións de formación e entrega de material da campaña de compostaxe doméstica «Aproveita os teus residuos orgánicos, COMPOSTA!». Entregáronse 16 composteiros: 7 na sesión do mediodía no Local Social de San Vicente, con 7 asistentes, e 9 na da tarde no Local Social de Barcia, con 8 asistentes.
Nas sesións, os mestres composteiros explicaron paso a paso como compostar na casa: que restos se poden botar no composteiro, como manter o equilibrio entre restos húmidos e secos e cando e como usar o compost. Ao remate, cada familia levou de balde o seu composteiro cun aireador, un termómetro, unha peneira e a guía de compostaxe doméstica, e contará con asesoramento continuado.
As sesións estiveron abertas a calquera veciña ou veciño dos concellos do Consorcio As Mariñas, sexa cal sexa o concello de residencia, e non foi necesario estar inscrito previamente. Quen non puido acudir pode solicitar o seu composteiro en consorcioam.rsu.gal. Nas próximas semanas, os mestres composteiros farán ademais o seguimento das familias que xa compostan no concello, con chamadas e visitas á casa cando o precisen.
A campaña desenvolveuse nos oito concellos do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), co obxectivo de aumentar un 5 % os fogares que compostan activamente e producir arredor de 27.375 kg máis de compost ao ano.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FEDER Galicia 2021-2027.





