CARRAL REMATA AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DE CUNETAS E CANALIZACIÓN DE PLUVIAIS EN SOAVILA
O Concello de Carral finalizou as obras de construción de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila, na parroquia de Cañás. A actuación, financiada a través do Plan de Obras e Servizos POS+ADICIONAL 4/2025, supuxo un investimento final de 61.170 euros.
Os traballos permitiron mellorar o sistema de recollida e evacuación das augas pluviais neste tramo, mediante a execución de novas cunetas de formigón e a instalación de canalizacións de PVC. Así mesmo, leváronse a cabo labores de limpeza e acondicionamento das cunetas existentes.
A intervención contribúe a mellorar a drenaxe da vía e as condicións de seguridade para peóns e vehículos, dando continuidade ás actuacións realizadas nesta zona.
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, destacou que “con esta actuación damos continuidade á mellora das infraestruturas viarias nas parroquias e, neste caso, conseguimos mellorar de maneira notable a evacuación das augas pluviais e as condicións de seguridade neste tramo de Soavila. Seguiremos traballando para atender as necesidades dos diferentes núcleos e mellorar os servizos e espazos públicos do municipio”.





