,

CARRAL VIVIRÁ 24 HORAS DE EXALTACIÓN DE SU PRODUCTO ESTRELLA EN LA XXII FESTA DO PAN

O Concello e a Asociación de Panadeiros ultiman os preparativos para celebrar a Festa do Pan, que terá lugar o sábado, 9 de maio, e o domingo, día 10. A cita gastronómica alcanza a súa vixésimo segunda edición coa premisa de seguir sendo un referente na comarca, apoiándose nunha programación completa que superará as 24 horas de actividade e cun claro fío condutor: a exaltación do pan, un dos produtos estrela do municipio.


O Concello acolleu hoxe a presentación oficial do evento, que correu a cargo do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, da concelleira de Comercio, Isabel López, e de varios representantes da Asociación de Panadeiros. Ao acto asistiron tamén os concelleiros Óscar Bodelo, Francisco Bello, Cristina Casal e Patricia López e, ademais, os autores do cartel da XXII edición: os alumnos e alumnas de 4ºA do CEIPP Vicente Otero Valcárcel.


Durante a súa intervención, o rexedor agradeceu a implicación das panaderías participantes, ás que definiu como “unha peza esencial en Carral, posto que eles e elas son os responsables de que o noso pan sexa un dos máis famosos de Galicia”. Así mesmo, destacou “o esforzo adicional que realizarán esta semana”, ao sumar ao seu traballo diario a preparación da festa.


Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Isabel López, subliñou que esta edición contará con “unha programación completa na que procuramos ofrecer actividade para todas as franxas de idade” e animou á cidadanía para “continuar espallando a nosa Festa do Pan para que siga medrando en cifras de asistencia”.


Como avanzou a concelleira, ao longo da fin de semana non faltarán o posto de exaltación e venda do bocadillo cardiosaludable (feito a base de pan, aceite, tomate e xamón), os talleres de elaboración de bolos para os máis pequenos, o teatro ou a música.


Tanto o alcalde como a edil se mostraron confiados en alcanzar e mesmo superar as cifras de asistencia e venda da última edición, cando se despacharon uns 6.000 bocadillos.


Programación completa

A Comisión de Festas de Carral organiza o venres, 8 de maio, unha Gran Foliada para quentar motores para a Festa do Pan. Ese día, de 18.00 a 20.00 horas, haberá xogos populares infantís e, a partir das 20.00 horas, levarase a cabo unha foliada que contará coa participación de diversos grupos populares.


O sábado, 9 de maio, o evento arrincará ás 12.00 horas cunha infinidade de propostas: desde o punto de exposición e venda de pan e do bocadillo cardiosaludable da Asociación de Panadeiros e os talleres de elaboración de pan e xoguetes de madeira ata a feira medieval con postos de artesanía de coiro, téxtil, bixutería, etc. A animación musical comezará ás 12.30 horas coa actuación do grupo Gaeloc Medieval, que repetirá ás 13.30 horas. Ás 14.00 horas terá lugar a sesión vermú co Dúo D’Vicio.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, a charanga Noroeste percorrerá o Campo da Feira e as rúas do municipio. Ás 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra teatral O toxo na praza da Capela, cunha segunda función prevista ás 18.00 horas.


Durante a tarde continuarán os talleres infantís de pan e madeira, xunto co expositor Pan en 3D, que ofrecerá unha visita virtual e inmersiva a un obradoiro. Ás 17.30 horas actuará novamente Gaeloc Medieval, mentres que ás 18.30 horas terá lugar un espectáculo de zancudos e malabaristas acompañado por este mesmo grupo, que volverá subir ao escenario ás 20.00 horas. A xornada do sábado finalizará a partir das 21.00 horas coa sesión nocturna a cargo do Dúo D’Vicio e o grupo América de Vigo.


Xornada de peche
O domingo, 10 de maio, a actividade comezará ás 11.00 horas coa reapertura da exposición e venda de pan, o bocadillo cardiosaludable, a feira medieval, os expositores de asociacións e centros educativos, e talleres de pan e pulseiras de coiro. Ás 11.30 horas actuará Gaeloc Medieval, seguido do expositor Pan en 3D ás 12.00 horas.


Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, coa actuación da Coral Polifónica Aires de Carral e o acompañamento do Grupo de Música Tradicional Arnela. A programación continuará ás 13.30 horas cunha nova actuación de Gaeloc Medieval e ás 14.00 horas coa sesión vermú a cargo da Orquesta Acordes.


Pola tarde, ás 16.00 horas, a charanga Sorcha Show Band animará o Campo da Feira, seguida ás 16.30 horas por outra actuación itinerante de Gaeloc Medieval polas rúas, xunto coa continuidade dos talleres e o expositor Pan en 3D. Ás 17.00 horas terá lugar o espectáculo ‘Rufina e Benito’, no que se repartirán anacos de Carral entre o público asistente para que poida degustar esta delicia carralesa.


A xornada proseguirá con novas actuacións de Gaeloc Medieval ás 18.00 horas e da charanga Sorcha ás 18.30 horas. A XXII Festa do Pan despedirase a partir das 20.00 horas coa sesión musical nocturna a cargo da Orquesta Acordes.