,

CARRAL XA TEN DATA PARA CELEBRAR A SÚA XXI FESTA DO PAN: SERÁ OS DÍAS 10 E 11 DE MAIO

O Concello e a Asociación de Panadeiros de Carral xa teñen data para a celebración dunha das citas gastronómicas con máis renome e historia da comarca: a Festa do Pan. A vinte e unha edición terá lugar o sábado, 10 de maio, e o domingo, día 11. Serán dous días de programación nos que o pan será o gran protagonista, pero nos que haberá tempo tamén para degustacións, obradoiros para os máis pequenos, música, feira medieval e espectáculos, entre outras propostas.

A venda do bocadillo cardiosaudable será unha das atraccións principais do evento. Como é habitual, durante a celebración habilitarase un punto de venda no que o público asistente poderá degustar esta receita a base de pan, aceite, tomate e xamón. Outra das actividades estrela que tampouco faltará na Festa do Pan serán os talleres infantís de elaboración, onde os nenos e nenas aprenden a facer os bolos.

A vixésimo primeira edición levarase a cabo baixo o lema O pan de Carral, unha obra de arte sen igual, unha mensaxe coa que a organización busca poñer en valor o proceso artesanal que hai detrás desta receita tradicional. O alumnado do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel encargouse do deseño do cartel, no que o bolo é o elemento central.