Carral acolleu este venres, 16 de outubro, unha das actividades do proxecto ‘Camiño á Afouteza: experiencias colectivas de resiliencia no Camiño Inglés’, unha iniciativa impulsada por Gaia Inclusiva que promove o benestar, o crecemento persoal e o empoderamento das mulleres a través de experiencias compartidas vinculadas ao Camiño de Santiago.

A actividade contou coa asistencia do alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e dos concelleiros Isabel López, Óscar Bodelo e Cristina Casal, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Baixo o título ‘Dar: facer pan, facer comunidade’, a xornada xirou arredor da tradición panadeira de Carral, un dos elementos representativos da identidade local. A través dun obradoiro práctico e participativo, as 15 mulleres que forman parte do proxecto elaboraron pan e outros produtos en pequenos grupos, compartindo coñecementos e experiencias nun ambiente de colaboración.

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, destacou a importancia de vincular iniciativas coma esta co patrimonio e coas tradicións locais. “A tradición panadeira forma parte da identidade de Carral e representa un saber que se foi transmitindo de xeración en xeración. É importante que siga presente en propostas que permitan coñecela, compartila e achegala a persoas con experiencias e traxectorias diferentes”, sinalou.

A actividade incluíu tamén unha degustación e un espazo de conversa arredor da mesa, no que participou Mari Carmen Fernández, da panadería Pedro Fernández, que compartiu a súa experiencia e os seus coñecementos sobre un oficio estreitamente ligado á historia e á tradición do municipio.

A proposta permitiu relacionar a elaboración artesanal do pan con valores como a convivencia, o coidado e o apoio mutuo, ao tempo que puxo de relevo a importancia de preservar e transmitir os saberes tradicionais. O encontro ofreceu ás participantes un espazo para conversar, aprender e establecer vínculos a partir de experiencias e intereses comúns.

O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do programa O Teu Xacobeo 2026. A iniciativa comprende cinco experiencias colectivas en diferentes localidades vinculadas ao Camiño Inglés, e a de Carral é a terceira delas.

A área de Cultura do Concello de Carral organizará o vindeiro sábado 31 de outubro unha programación especial con motivo do Magosto-Samaín, que terá lugar no Campo da Feira de Carral a partir das 17:30 horas.

A proposta combinará actividades lúdicas para a cativada e as familias con música en directo e tradición. Desde o Concello anímase a veciños e veciñas a participar nesta celebración e a acudir disfrazada para gozar dunha tarde chea de diversión e ambiente festivo.

A programación incluirá diferentes obradoiros, entre os que se atopan un de arañas elaboradas con castañas, outro de tatuaxes e un de maquillaxe. Estas actividades permitirán que as persoas máis pequenas desfruten dunha celebración na que se mesturan elementos propios do outono coa temática do Samaín.

A música tamén terá un papel destacado na xornada coa actuación do Dúo Reflejos, prevista a partir das 19:00 horas. Máis tarde, ás 20:30 horas, celebrarase un espectáculo de conxuro da queimada, que achegará á celebración un dos rituais máis tradicionais da cultura galega.

Ademais, haberá castañas para todas as persoas asistentes e disporase dunha carpa para acoller a celebración.

A área de Cultura do Concello de Carral poñerá en marcha a próxima semana unha nova edición do ciclo Teatro de Outono, unha programación cultural que ofrecerá oito espectáculos entre o 2 de outubro e o 20 de novembro no Local Xente Nova de Tabeaio.


A programación arrincará o 2 de outubro, ás 20.30 horas, con ‘Os dous de sempre’, de Mofa e Befa (Producións Teatrais Excéntricas), un espectáculo de comedia inspirado na obra de Castelao.


O ciclo continuará o 9 de outubro con ‘Cabaré climático’, de Vasrir, unha comedia musical. O 16 de outubro, Malasombra Producións presentará ‘O proceso’, unha proposta de comedia. A programación proseguirá o 23 de outubro con ‘Top manta’, de Fulano, Mengano e Citano, tamén de carácter cómico.


O 30 de outubro, Empatía Teatro levará a escena ‘Esas cousas marabillosas’, unha comedia dramática. Xa en novembro, o ciclo continuará o 6 de novembro con ‘Dúo vaguidades’, de Artefeito Producións; o 13 de novembro, Cinema Sticado presentará ‘Oh, Mammi Blue’; e, finalmente, o 20 de novembro, Galeatro e Xarope Tulú pecharán o ciclo con ‘Berenguela na gaiola’. Estas tres últimas propostas son, así mesmo, espectáculos de comedia.

Todas as funcións comezarán ás 20.30 horas e celebraranse no Local Xente Nova de Tabeaio. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade.


Desde o Concello rógase ao público que acuda con puntualidade, xa que, unha vez iniciadas as funcións, non se permitirá o acceso á sala.


Esta programación conta coa participación da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural e Outono das Artes, e enmárcase na aposta do Concello de Carral por achegar ao municipio unha oferta cultural diversa.

CONSULTA TODA A PROGRAMACIÓN

A LI Festa da Empanada de Carral e do Folclore Galego xa ten data: será o xoves, 3 de setembro, a partir das 18.30 horas. Así o confirma a concelleira de Cultura, Turismo e Comercio, Isabel López, avanzando que a cita servirá “non só para enxalzar un dos produtos estrela e que mellor fala da nosa gastronomía local, senón tamén para dar a coñecer o talento de varias agrupacións de música tradicional”.

A partir das 18.30 horas, as persoas asistentes poderán degustar as diferentes variedades de empanada elaboradas por Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández e Panadería Carral Rosmar. A oferta incluirá desde recheos clásicos, como atún e bacallau, ata propostas como polo, polbo e zamburiñas, entre outras.

A gastronomía compartirá protagonismo coa música tradicional durante toda a tarde. Entre as 18.30 e as 20.30 horas, catro agrupacións ofrecerán diferentes actuacións no Campo da Feira.

O programa arrancará ás 18.30 horas con O Rueiro de Tabeaio. Ás 19.00 horas será a quenda das Cantareiras das Encrobas, mentres que Xodó actuará ás 19.45 horas. O Grupo de Música Tradicional Arnela será o encargado de pechar as actuacións ás 20.30 horas.

Deste xeito, a LI Festa da Empanada preséntase como unha proposta que combina gastronomía, música e tradición, co obxectivo de manter viva unha celebración xa consolidada no calendario cultural de Carral e reivindicar tanto a gastronomía local como o patrimonio musical galego.

A celebración está organizada polo Concello de Carral, en colaboración coa Deputación da Coruña, Aceites Abril e Estrella Galicia.

No remate do curso escolar, entregáronse os premios dos concursos escolar e xuvenil de poesía que se organizan co Premio Concello de Carral. Nesta novena edición dos certames que tiveron lugar no CEIP Vicente Otero e no IES Carral participaron case 70 alumnos e alumnas. Os poemas gañadores escribíronos:

  • Concurso Escolar (CEIP Vicente Otero):
    • Nerea Vázquez Nogueira (5º A)
    • Uxía Budiño Prego (5º A)
    • Santiago Gandica Zambrano (6º C)
  • Concurso Xuvenil (IES Carral):
    • Adriana Pito Tubío (1º A)
    • Carlos Manuel García Penelas (1º A)
    • Mara Barcia López (1º A)

Todo o alumnado participante nos certames recibiu da man da concelleira de Cultura, Isabel López, agasallos cedidos pola Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia.

Os concursos escolar e xuvenil de poesía organízase para alumnado de 5º e 6º de Primeira e alumnado da ESO de Carral, como actividade posterior ao obradoiro de poesía que o departamento de Cultura organiza nos centros educativos de municipio, animando así a escrita lírica e a lectura de poemas entre a mocidade.

El Música, cinema, circo, contacontos, danza e clown volverán ser protagonistas durante os meses de verán en Carral coa sexta edición de CultuRúa. Como parte deste programa municipal, que arrincará esta mesma semana, ofreceranse seis espectáculos ao aire libre dirixidos a públicos de todas as idades durante os meses de xuño, xullo e agosto.

A programación comezará este xoves, 18 de xuño, ás 18.00 horas no Campo da Feira coa compañía Chuches Amil e o espectáculo Chuches Amil Eléctrico, unha proposta musical pensada para público familiar. O concerto, liderado por Fran Amil, busca achegar á infancia o patrimonio cultural galego a través de cancións que promoven valores como o respecto, a solidariedade e a non violencia.

A seguinte cita será o xoves 25 de xuño, tamén no Campo da Feira ás 18.00 horas, coa compañía Zirko Txosko e o seu espectáculo de circo contemporáneo Távole. A función está inspirada nos problemas da sociedade actual e, a través da linguaxe universal circense, as personaxes protagonistas chegarán á conclusión de que as solucións aos problemas contemporáneos pasan pola convivencia, a comunicación e o respecto.

A terceira semana estará dedicada ao cinema. O xoves, 2 de xullo, ás 22.30 horas, a pista polideportiva de Tabeaio acollerá a proxección de Rondallas, un filme que relata como un pobo decide recuperar a ilusión tras un tráxico naufraxio. Para logralo, volven poñer en marcha a rondalla, unha agrupación de música tradicional na que participan desde os nenos e nenas ata os máis maiores.

A programación continuará o xoves, 30 de xullo, no Campo da Feira (18.00 horas) coa proposta O camiño do afiador, do Mago Teto. O espectáculo rende homenaxe aos antigos afiadores galegos e á súa relación co Camiño de Santiago, a través dunha posta en escena arredor dunha auténtica roda de afiar dos anos 30.

O 4 de agosto será a quenda de Paty Lesta co contacontos Os rizos de Lía, tamén no Campo da Feira ás 18.00 horas. A historia acompaña a Lía nunha viaxe chea de emocións, aprendizaxes e descubrimentos, traballando valores como a amizade, a autoestima e o respecto pola identidade.

O peche desta edición chegará o 6 de agosto, ás 18.00 horas, coas pezas The Exposure, de Tanit Cobas, e Dance Join, de Marta Alonso. Na primeira,  desvelarase ao público o mundo interior dos e das bailarinas, descubríndolle que pensan durante a danza, como son as súas conversas ou quen son. Pola outra banda, en Dance join haberá catro artistas sobre o escenario que loitarán por manterse á altura das expectativas en canto á multitarefa, a hiperprodutividade e o éxito.

A programación está organizada polo Concello de Carral en colaboración coa Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, e coa Xunta de Galicia por medio do programa Cultura no Camiño.

As persoas interesadas poderán obter información detallada sobre as distintas actividades no apartado web específico do programa CultuRúa 2026.

Baldo Ramos e Sara Plaza recibiron, esta tarde, o galardón que os acredita como gañadores da 29º edición do Premio de Poesía Concello de Carral. Os autores levaron o galardón pola súa obra Porcelana e chumbo, que foi elixida entre os 77 traballos presentados. A cita, á que asistiron o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, serviu tamén para presentar Especies invasoras, o poemario co que Branca Trigo acadou o premio no 2025.

Ao acto acudiron tamén a concelleira de Cultura, Isabel López, e os concelleiros e concelleiras do goberno local e da corporación municipal. O técnico de Cultura e secretario do xurado desta edición, Carlos Lorenzo, foi o condutor do evento.

Durante a súa intervención, o rexedor aproveitou a súa intervención para felicitar aos vencedores, e destacou a traxectoria deste certame poético “que é toda unha referencia a nivel autonómico”. Fernández Mouriño avanzou que “o Concello organizará unha programación especial con numerosas actividades para seguir achegando este xénero literario a toda a poboación” no 2027, cando o Premio de Poesía chegará á súa 30ª edición.

Ademais da presentación das obras, no acto interviñeron tamén a poeta e membro do xurado deste ano, Miriam Ferradás, e o escritor e director de Edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Bello. Así mesmo, o evento incluíu unha actuación musical a cargo de Francisco Castro.

no acto tamén interveñen a poeta Miriam Ferradás como membro do xurado deste ano e Miguel Anxo Fernán Vello, escritor e director de Edicións Espiral Maior.

Decisión unánime

Porcelana e chumbo foi escollida de xeito unánime polo xurado da vixésimo novena edición. Das 77 obras presentadas ao concurso, o tribunal da convocatoria concedeu o galardón a este poemario destacando que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Así mesmo, púxose en valor a madurez expresiva, a densidade poética e as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo.

Baldo Ramos (Celanova, 1971), que xa obtivera o galardón na 5ª edición, é autor dunha vintena de libros entre os que despuntan os seguintes títulos: A árbore da cegueira (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (2018), Palabras sen ninguén (2019), Porque te quero (2020) ou No interior do abandono (2020).

Sara Plaza (Bustarviejo, 1972) é unha escritora, tradutora e ilustradora española en lingua galega. Malia que non naceu en Galicia, entrou en contacto coa lingua galega a través de xornais dixitais, programas culturais da TVG e portais na rede e gañou, no 2020, a XXXIII edición do premio de poesía Pérez Parallé coa obra Todos os pasos fan ruído.

A primeira ruta Entre migas e tostas cultivou un grande interese entre o tecido hostaleiro do municipio. Tanto, que a edición inaugural da actividade contará coa participación de 13 establecementos de todo o municipio que ofrecerán, o 6 e 7 de xuño, as súas mellores elaboracións a base de pan de Carral.

A concelleira de Comercio, Isabel López, agradece a implicación dos negocios participantes, “sobre todo, tendo en conta que para eles vai supor un esforzo adicional”. A edil confía en que a iniciativa atraia ao público e contribúa a “continuar impulsando a rede hostaleira local e, por suposto, o pan de Carral”. Ademais, López anima a veciños, veciñas e visitantes a se achegaren a Carral para degustar estas deliciosas tostas, destacando que “en Carral temos calidade de primeira”.

No primeiro Entre migas e tostas participarán os seguintes establecementos:

  • Casa Roel, con ‘Tosta do meu país RD’ (domingo, de 18.00 a 22.00 horas).
  • As Táboas con ‘Tosta a toda brasa’ (sábado, de 11.00 a 14.00 horas).
  • Bar A Parola con ‘Tosta do paraíso’ (sábado, de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas).
  • Bar O Tropezón con ‘Cantábrica e mediterránea’ (ambos os días de 12.30 a 15.00 horas e de 19.30 a 22.00 horas).
  • Terra e a súa ‘Tosta á italiana’ (ambos os días de 13.30 a 15.45 horas).
  • Costa da Égoa, que ofrecerá a súa ‘Tosta de tartar de salmón’ (domingo, de 12.00 a 15.30 horas).
  • Bar A Rotonda con ‘A tosta cremosa do porto’ (ambos os días de 11.00 a 15.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas).
  • Café Bar O Piolindo con ‘Tosta carrillera’ (sábado, de 12.00 a 15.00 horas).
  • Lume e Ferro con ‘Tosta Fume e Queixo’ (sábado, de 19.00 a 23.00 horas, e domingo, de 12.30 a 15.30 horas).
  • Vinoteca Século XXI e o seu ‘Tosta dos avós’ (sábado, de 12.30 a 16.00 horas e de 20.30 a 23.30 horas, e domingo, de 12.30 a 15.00 horas).
  • Lareiras e ‘Tosta do Norte’ (ambos os días de 12.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas).
  • Boca Grande con ‘A soleira’ (sábado, de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas e domingo, de 13.00 a 15.00 horas).
  • Casa Adolfo con ‘A tosta do piquillo’ (ambos de 12.00 a 15.00 horas).

As elaboracións poderán degustarse ao longo do fin de semans e n diferentes horarios fixados polos establecementos que poderán consultarse a través da páxina web municipal e das redes sociais do Concello. As persoas que acudan aos diferentes puntos do roteiro poderán degustar as tostas por un prezo de 5 euros no que se inclúe, ademais, unha consumición.

Carral poñerá en marcha o próximo mes de xuño Entre migas e tostas, unha nova iniciativa gastronómica destinada a promocionar o tecido hostaleiro local e poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos do municipio: o pan de Carral.

A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou que o obxectivo do programa é continuar apoiando o sector hostaleiro mediante propostas que axuden a dinamizar a actividade económica e atraer público. “Tal e como xa facemos co concurso Tapeando Carral, queremos seguir traballando na posta en marcha de programas que impulsen e dean a coñecer o bo facer do noso tecido hostaleiro apostando, para iso, por un produto 100% local como é o pan de Carral”, sinalou.

Polo momento, a iniciativa conta xa con máis dunha decena de establecementos adheridos. A ruta gastronómico celebrarase o sábado 6 e o domingo 7 de xuño, xornadas durante as que veciños e visitantes poderán percorrer os locais participantes e degustar distintas propostas elaboradas co pan de Carral como ingrediente principal. Cada consumición terá un prezo único de 5 euros, incluíndo a tosta e a bebida.

Os responsables dos establecementos interesados en participar poden poñerse en contacto co Concello de Carral a través do teléfono 981 613 520 e preguntar pola técnico de Educación.

O Concello e a Asociación de Panadeiros pecharon con éxito a XXII edición da Festa do Pan. A cita volveu reunir durante toda a fin de semana a miles de persoas, superando a cifra de 5.000 bocadillos cardiosaludables vendidos entre as xornadas do sábado e o domingo.

A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou o balance de asistencia “sobre todo, tendo en conta que o tempo non acompañou”. A edil subliñou que, a pesar de as previsións meteorolóxicas adversas, “miles de persoas achegáronse ao longo da fin de semana a Carral, reforzando a importancia desta cita gastronómica para toda a comarca”.

A programación ofreceu actividades para todos os públicos e idades, aínda que as grandes protagonistas desta edición foron, sen dúbida, o posto de venda do bocadillo cardiosaludable e os talleres infantís, que esgotaron todas as prazas dispoñibles. No caso dos de elaboración de bolos, formáronse ringleiras fronte ao posto ao longo de toda a fin de semana. Doutra banda, os talleres de xoguetes de madeira (sábado) e pulseiras de coiro (domingo) reuniron a uns 100 nenos cada día.

Máis aló destas propostas, o programa incluíu tamén música, teatro e espectáculos de animación na rúa, entre outras. Esta edición destacou, ademais, por combinar tradición e innovación, incorporando propostas novas como o expositor de Pan 3D, unha das iniciativas máis rechamantes da programación. En total, unhas 200 persoas pasaron pola visita inmersiva ás diferentes panadarías da Asociación de Panadeiros de Carral.

A concelleira recoñeceu o labor dos panadeiros e panadeiras, “que son os e as responsables do éxito desta celebración”. A edil lembra que detrás destas cifras atópase “o esforzo que realizan os artesáns e artesás para manter os seus negocios e preparar unha Festa do Pan que segue crecendo edición tras edición”.