A Concellería de Cultura publica o seu informe sobre os resultados da programación cultural do ano 2025. Desde hai unha década este departamento ten implantado un sistema de seguimento das actividades que levan a cabo co fin de valorar a consecución de obxectivos e a evolución das programacións, ao tempo que redifinir, se é necesario, as liñas de actuación. O traballo está asinado polo técnico de Cultura, Carlos Lorenzo, e nel, ademais das conclusións que se derivan dos datos recollidos, formula propostas para mellorar a oferta e actividade cultural no municipio.

O informe de avaliación da programación cultural de Carral para o ano 2025 destaca un balance moi positivo cun crecemento na participación e unha excelente valoración por parte dos profesionais do sector. As principais conclusións que poden resultar de maior interese para a veciñanza son as seguintes:

  • Aumento da participación veciñal: No ano 2025 rexistrouse un total de 4.667 asistentes ás actividades, o que supón un incremento do 14% (581 persoas máis) con respecto ao exercicio anterior.
  • Éxito de programas específicos:
    • As artes escénicas (teatro, monicreques, monólogos e maxia) continúan a ser a categoría preferida, con máis propostas e público.
    • O ciclo Músicas e Danzas Íntimas experimentou un crecemento excepcional (un 957% máis que en 2024) tras o seu traslado ao Campo da Feira e a inclusión de danza contemporánea.
    • O Premio de Poesía Concello de Carral acadou un record histórico de participación con 100 obras presentadas.
  • A Biblioteca como motor cultural: Os servizos de préstamo da biblioteca seguen a medrar de xeito constante, acadando duplicar as cifras totais de 2019. Ademais, as actividades de animación á lectura para nenos de 0 a 8 anos foron a segunda categoría con máis oferta e seguimento.
  • Valoración da calidade: O 84% dos profesionais (artistas e técnicos) que traballaron en Carral consideran que o departamento de Cultura funciona mellor que na maioría dos concellos de Galicia. Valoran especialmente o trato recibido, a profesionalidade do persoal e a organización das actividades.
  • Espazos e densidade de oferta: A Biblioteca e o Local Xente Nova son os centros neurálxicos da cultura, acollendo case a metade da programación. O outono (especialmente outubro) mantense como a época con maior volume de actividades.
  • Necesidades de futuro e melloras: Como principal eiva, o informe sinala a necesidade urxente de mellorar os espazos escénicos, mencionando especificamente a demanda de construír un teatro para ofrecer mellores condicións tanto ao público como aos artistas.

Para o futuro, o informe propón estratexias para motivar a participación da mocidade, atender mellor aos colectivos inmigrantes e manter o rigor orzamentario que permite que o concello asuma o 69% do gasto con fondos propios.

Para a descarga do informe prema en INFORME DE AVALIACIÓN CULTURA CARRAL 2025

Cartel 5º ciclo cine documental galego de Carral
Cartel 5º ciclo cine documental galego de Carral

A Casa da Cultura acollerá o 5º Ciclo de Cine Documental Galego que organiza a concellería de Cultura con tres sesións de gran interese e atractivo. Todas comezarán ás 20:00 h.

A primeira das producións é Crónicas dun non, un documental que conta a historia do movemento da insubmisión, no que moitos mozos desde 1989 se negaron a realizar o Servizo Militar Obrigatorio e a Prestación Social Sustitutoria. O filme conta a historia da insubmisión en Galicia a través da experiencia persoal do seu director, Fernando Rodríguez Gómez “Peñaño”, que foi detido en 1989  pola súa negativa a incorporarse ao Servizo Militar, permaneceu en prisión preventiva, foi xulgado e condenado a un ano de cadea. É o relato dun tempo e dunha loita colectiva, cargada de inxenuidade, amor e tenacidade.

Crónicas dun non proxectarase o xoves 9 de abril e haberá un coloquio co seu director.

Un semana despois, o 16 de abril, preséntase Onde máis doe de Manane Rodríguez. Este filme trata sobre a violencia vicaria. Despois de ameazar durante anos á súa exparella, MM asasina a golpes de pa ao seu fillo de 11 anos. Un ano máis tarde, un xurado popular condénao por asasinato (matar facendo uso pleno das súas facultades mentais e determina que o crime contra o neno non buscaba outra cousa que castigar á nai. Que move a unha persoa en pleno uso das súas facultades para matar a un fillo? Por que o feito de que unha muller non se someta e intente actuar pola súa conta pode alentar un castigo tan brutal?.

Manane Rodríguez estará presente na sesión para presentar o documentar e manter unha conversas co público asistente.

A terceira e última sesión do ciclo será o xoves 23 de abril con Basal, que é un docudisco que retrata a vida da cantautora Ugia Pedreira coñecida como A Pedreira, xunto a súa filla Lúa Awel, que ten parálise cerebral e unha relación “curiosa, expléndida e excelsa” coa música. O relato abarca desde as sesións de Feldenkrais en Donostia ata a participación de Lúa na gravación do álbum tamén chamado Basal. O documental é un relato íntimo, cargado de tenrura e paisaxes sonoras e visuais rotundas.

Este documental preséntase grazas á Deputación da Coruña.

A entrada a todas as sesións é de balde con límite na capacidade da sala.

Carral, con este ciclo consolidado na súa programación cultural municipal, estase a converter nun dos poucos puntos nos que é posible ver este tipo de producións que carecen de circuítos estables para amosalas ao público. Ademais gaña interese nun tempo no que o cine documental, tanto con longametraxes como con curtas, está sumando un gran auxe e espazo no número total de producións cinematográficas en todo o mundo.

Esta programación de cine galego documental conta coa colaboración da Rede de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.

Visto que se vai a celebrar a XXI edición da Festa do Pan durante os días 9 e 10 de maio de 2026.


Visto que é necesario o uso de dominio público para o exercicio da venda ambulante e para a realización de espectáculos públicos e actividades recreativas.


Tendo en conta a Ordenanza reguladora da taxa por instalación de casetas de venda, espectáculos ou atraccións situados en terreos de uso público, así como industria da rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica cuxo texto modificado por acordo do Pleno do Concello de Carral, foi publicado no BOP no19 do mércores 29 de xaneiro de 2025.

Tendo en conta as especialidades do evento organizado polo Concello de Carral


Vista a lexislación relativa á venda ambulante vixente de aplicación.


Vista a Lei 10/2017 de 27 de decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento, tendo en conta o contido do Decreto 226/2022 de 22 de decembro polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e das actividades recreativas e se constitue o Rexistro de empresas e establecementos.


Vista a Ordenanza municipal reguladora dos procedementos de intervención administrativa nos actos do uso do solo e do subsolo e no exercicio de actividades de apertura de establecementos publicada no BOP no82 de 11/04/1997.


PRIMEIRO.- Abrir un prazo do 1 ao 27 de abril de 2026 para a presentación de solicitudes.


SEGUNDO.- Estas solicitudes se presentarán acompañadas das declaracións responsables que se adxuntan aprobadas mediante decreto n.o 186/2024 de data 16 de maio de 2024:

  • Declaración responsable para a montaxe e posta en funcionamento de instalacións portátiles ou desmontables, atraccións itinerantes de feira, escena rios e carpas.
  • Declaración responsable para a montaxe de posto de venda, casetas de feira, postos de comida e ”Foodtrucks”, quioscos ou pequenas carpas.
    Publicados na https://sede.carral.es/sxc/gl/sobrelasede/impresos_generales/ e dispoñibles nas oficinas do Concello.

TERCEIRO.- Que polos departamentos administrativos tramitadores das solicitudes se teña en conta o criterio de data e número de rexistro de entrada para o reparto e para a colocación e ubicación dos postos e actividades na festa do pan tendo en conta os espacios dispoñibles marcados nos planos 1 e 2 que se adxuntan.

CUARTO.- Publicar este DECRETO no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na web municipal Carral, asinado dixitalmente na data que figura á marxe

Asdo.: María José Couto López


Técnico en Medio Ambiente

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, elevará ao pleno do xoves os orzamentos de Carral do 2026. O documento do exercicio ascende a 6.921-901,26 euros, o que supón un crecemento de preto do 10% respecto ao último (de 6.321.018,87 euros). Trátase, como avanza o rexedor, dos orzamentos máis “altos da historia do municipio”. Con todo, a cifra total non é a única que despunta, senón que a esta hai que sumar tamén o dato relativo ao capítulo de investimentos, que sobe un 38,43% en comparación co orzamento de 2024, chegando a 1.437.523,64 euros. Todo isto mantendo unha forte aposta pola área de Servizos Sociais, cuxo gasto total é de 1.121.964,44 euros.

A confección do documento foi unha das pedras angulares do traballo do goberno local nos últimos meses: “era unha das prioridades que me marquei cando accedín á Alcaldía, porque un concello en pleno crecemento non pode permitirse carecer dun orzamento municipal axustado ás necesidades da veciñanza”. Como explica, “o último aprobárase no ano 2024, polo que o noso labor non foi de actualización, senón que se baseou en deseñar unha proposta ambiciosa, pensando no futuro de Carral”.

Investimentos

O apartado de investimentos chega ata 1.437.523,64 euros, e nel inclúense numerosas actuacións de reforzo das condicións de seguridade viaria como as seguintes: mellora do firme do camiño entre A Barciela e Balbén, a obra na rúa O Quenllo, a construción de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila ou as actuacións para acondicionar a infraestrutura viaria no polígono. A estas hai que sumar outros investimentos para dispoñer e mellorar espazos de encontro veciñal: adquisición de terreos e instalación dunha pista multideportiva en San Vicente de Vigo, infraestrutura verde para a conexión coa área recreativa do río Brexa e a mellora e actualización da contorna de Costa dá Égoa.

Axudas

Outro dos capítulos que experimentou unha subida considerable é o de transferencias correntes. Así, con respecto ao documento aprobado en 2024, o apartado viuse aumentado nun 13%. Neste caso, o Concello consigna 256.878,50 euros na proposta de 2026 fronte aos 227.329,19 do de 2024 para asumir as subvencións por bolsas de estudo, a asociacións e entidades e de emerxencias sociais. O capítulo de gastos correntes subiu tamén un 5,01% (2.790.219,94 euros), unha contía coa que o goberno local busca recoller os créditos suficientes para cumprir coas obrigacións do Concello e para poder licitar, ademais, contratos en precario como o do servizo de limpeza viaria e xardinería e a prestación da iluminación pública.

Asimismo, este apartado rexistra un aumento tamén debido ao incremento dos servizos asistenciais prestados desde os Servizos Sociais. O documento económico foi acordado cos dous concelleiros non adscritos, Francisco Bello e Mercedes Caridad.

A Concellería de Cultura mantén desde hai anos unha estratexia de avaliación da súa programación anual, tendo especial atención nalgunhas das súas propostas. O programa Teatro de Outono é un dos máis importantes e no que conta coa participación dos espectadores que atenden enquisas postas á súa disposición na sala ao remate de cada función ou de xeito “en liña”. Para a análise da edición do ano 2025 o departamento de Cultura contou con 244 enquisas atendidas, o que lle ofrece un nivel aceptable de fiabilidade dos resultados.

O informe aborda múltiples aspectos, tanto das obras exhibidas como dos hábitos de consumo teatral do público. Carlos Lorenzo, técnico municipal de Cultura e responsable do informe, presenta no documento unha serie de conclusións que servirán para o mellor deseño de vindeiras programacións. Algúns dos datos a salientar son que as obras Neura (De Ste Xeito Producións) e Cortello de amor (Amorodio Teatro) foron as mellor valoradas polo público; os espectadores proceden fundamentalmente de Tabeaio e Carral con moi pouca asistencia desde as parroquias rurais; as mulleres seguen a ser maioritarias na asistencia ás funcións e sobre todo persoas de mediana idade; o medio máis eficaz para comunicar a programación é o whatsapp Novas Carral; unha gran maioría indica que nos últimos anos ten aumentado o seu interese polo teatro e puntúan entre alto e moi alto a calidade do ciclo teatral de Carral.

O informe, que é de doada lectura e que conta os datos de xeito moi gráfico, pódese consultar e descargar premendo neste link.

O Concello de Carral, a través da súa Concellería de Cultura, presenta unha nova programación dedicada aos máis pequenos da familia. PAPEQUES ESCENA é unha serie de espectáculos de teatro, música, danza, monicreques e narración oral que terá lugar durante catro venres consecutivos no Local Xente Nova en Tabeaio.

A programación, que comeza o 27 de febreiro, está formada polos espectáculos Comenoites (Os Náufragos Teatro), Canta miña pedra, canta (Charo Pita e Xoán Curiel), Güela güela (Galitoons / Chisco Casteleiro) e O arcón de Noa (Amarelo Cía.).

Esta é unha nova oferta que se pretende fixar no calendario cultural municipal e que é posible grazas ao programa Dinamiz-ARTj do Instituto de la Transición Justa O.A. a través da Fundación Ciudad de la Energía-CIUDEN, F.S.P., que para esta primeira edición achega tres dos catro espectáculos. Con este tipo de propostas, a Concellería de Cultura busca facilitar o achegamento dos nenos e nenas a espectáculos escénicos especialmente concibidos para estas idades, a espazos culturais menos frecuentes aprendendo a desfrutar do traballo en vivo e directo de artistas entendendo que o fan en colectividade, o que supón a adquisición de hábitos e comportamentos que enriquecerán o seu desenvolvemento social e educativo.

As datas, horarios e detalles de cada espectáculo pódense consultar premendo neste vencello.

O Concello de Carral convoca unha nova edición do seu certame de poesía, un dos máis prestixiosos da literatura galega.

A obra gañadora será publicada en Edicións Espiral Maior e o seu autor ou autora recibirá un premio económico de 3.500 €. Os poemarios deberán estar escritos en galego, deberán ser orixinais e inéditos e ter unha unha extensión mínima de 500 versos.

O prazo límite para presentar as obras é o 20 de marzo de 2026. O xuri tomará a decisión da obra gañadora no mes de maio e o acto de entrega do premio, que ademais é o de presentación do libro Especies invasoras de Branca Trigo, que foi a vencedora na edición do pasado ano, será o venres 5 de xuño, no que será obrigatoria a presenza da persoa gañadora.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia colabora no desenvolvemento do concurso.

As dúbídas pódense consultar en cultura@carral.es ou no teléno 981 672 580. As bases están dispoñibles premendo neste vencello.

O Concello de Carral celebrará o Entroido o vindeiro domingo 15 de febreiro de 2026 cunha variada programación festiva que terá lugar no Campo da Feira. O evento virará en torno ao tradicional desfile e concurso de disfraces, unha iniciativa que busca estimular e fomentar a participación veciñal.


A xornada comezará ás 17:00 horas co desfile das persoas participantes nos diferentes concursos. O percorrido partirá desde a rúa Víctor Velasco e discorrerá pola rúa Manuel Ferrol, rúa Paraíso, avenida dúas Mártires, rúa Víctor Velasco, rúa Belvís de Paleo e rúa de Paleo, finalizando no Campo da Feira, onde se desenvolverá o resto da programación.


O concurso contará con catro modalidades de disfraces: infantil, dirixida a nenos e nenas de 0 a 11 anos; individual ou parellas, a partir de 12 anos; comparsas, formadas por máis de cinco integrantes; e comparsas con carroza, con máis de dez participantes.


No Concurso Infantil de Disfraces premiaranse os cinco mellores disfraces con agasallos. Na modalidade de disfraces individuais ou por parellas outorgaranse catro premios económicos, cunha dotación de 150 euros para o primeiro premio, 100 euros para o segundo, 75 euros para o terceiro e 50 euros para o cuarto clasificado.


No Concurso de Disfraces de Comparsas premiaranse as tres mellores agrupacións con 300 euros para o primeiro premio, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro. Pola súa banda, o Concurso de Comparsas con Carroza repartirá cinco premios económicos, sendo o primeiro de 500 euros, o segundo de 400 euros, o terceiro de 300 euros, o cuarto de 200 euros e o quinto de 100 euros. A entrega de premios está prevista para as 20:00 horas no Campo da Feira.


O prazo de inscrición para poder participar abrirase ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria na páxina web do Concello de Carral e finalizará ás 14:00 horas do xoves 12 de febreiro de 2026. A inscrición para o concurso infantil poderá realizarse na Casa da Cultura, de forma presencial, por teléfono no 981 672 580 ou por correo electrónico en casadacultura@carral.es, en horario de 09:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.


Para as modalidades con premios económicos, a inscrición deberá formalizarse a través da Sede electrónica do Concello de Carral mediante unha Solicitude Xeral, anexando o Anexo I debidamente cuberto e asinado.


Para finalizar, a celebración do Entroido en Carral pecharase ás 21:30 horas coa actuación musical de Somoza Trío, que poñerá o broche a unha xornada festiva pensada para todos os públicos.

BASES CONCURSOS DE ENTROIDO CARRAL 2026

Estimular o consumo no tecido económico e promover os recursos turísticos do municipio. Eses son os dous obxectivos de Volve a Carral no Nadal, unha campaña coa que o Concello repartirá 2.000 euros en premios entre a clientela dos establecementos comerciais e hostaleiros adheridos. A concelleira de Comercio, Isabel López Pérez, confía en que a iniciativa sirva “para impulsar e dar a coñecer a ampla variedade de locais que temos tanto en Carral como nas parroquias, así como para estimular o consumo nos mesmos durante as festas”.

A iniciativa estará dispoñible ata o 12 de xaneiro. Ata esa data, as persoas que fagan as súas compras nos establecementos adheridos recibirán un rasca. O consumo mínimo para recibir estes boletos está marcado en 20 euros para todos os tipos de negocio (excepto no caso de bazares, mercerías, farmacias e hostalería, nos que se fixa un mínimo de 5 euros).

En caso de resultar agraciada, a persoa deberá entregar o rasca premiado no Concello, xunto co ticket de compra, ata o 30 de xaneiro. Concederanse dous galardóns de 300 euros, catro de 200 e seis valorados en 100 euros que deberán consumirse, preferiblemente, nos establecementos rexistrados en Volve a Carral no Nadal ou no resto de negocios do municipio.

O Concello involucrará aos veciños, veciñas e comerciantes na ambientación do municipio durante as festas de Nadal. Farao co lanzamento do seu concurso de decoración de fachadas, balcóns, xanelas e xardíns en vivendas e comercios. Tal e como explica a concelleira de Turismo e Comercio, Isabel López, o obxectivo “é facer partícipe á cidadanía e ao tecido comercial na ambientación do concello durante estas datas sinaladas”.

O concurso contará con varias categorías: unha para casas (fachadas e xardíns de vivendas unifamiliares), outra para apartamentos, pisos, áticos e dúplex (podendo decorarse as fachadas, balcóns e/ou a porta de entrada da vivenda ou os corredores) e unha última para comercios (para decorar escaparates e o interior do establecemento).

En cada apartado un primeiro premio (cesta con produtos de Nadal valorada en 95 euros), un segundo (cesta con produtos de Nadal valorada en 80 euros) e un terceiro (cesta con produtos de Nadal valorada en 60 euros).

Un xurado encargarase de analizar as propostas participantes e entregar os galardóns teniendo en cuenta os seguintes aspectos: creatividade, orixinalidade, a elaboración propia, o uso da iluminación como foco de atracción e de materiais reciclables.

O certame está aberto á participación de calquera propietario ou arrendatario de vivendas ou negocios no municipio (tanto no ámbito urbano como no rural). As persoas interesadas deberán inscribirse desde mañá, venres 5 de decembro, ata o 15 de decembro utilizando a ficha de participación dispoñible na páxina web municipal e entregándoa, xunto cunha copia do DNI, no rexistro municipal e na sede electrónica.

Podes consultar as bases do concurso aquí.