O Concello involucrará aos veciños, veciñas e comerciantes na ambientación do municipio durante as festas de Nadal. Farao co lanzamento do seu concurso de decoración de fachadas, balcóns, xanelas e xardíns en vivendas e comercios. Tal e como explica a concelleira de Turismo e Comercio, Isabel López, o obxectivo “é facer partícipe á cidadanía e ao tecido comercial na ambientación do concello durante estas datas sinaladas”.

O concurso contará con varias categorías: unha para casas (fachadas e xardíns de vivendas unifamiliares), outra para apartamentos, pisos, áticos e dúplex (podendo decorarse as fachadas, balcóns e/ou a porta de entrada da vivenda ou os corredores) e unha última para comercios (para decorar escaparates e o interior do establecemento).

En cada apartado un primeiro premio (cesta con produtos de Nadal valorada en 95 euros), un segundo (cesta con produtos de Nadal valorada en 80 euros) e un terceiro (cesta con produtos de Nadal valorada en 60 euros).

Un xurado encargarase de analizar as propostas participantes e entregar os galardóns teniendo en cuenta os seguintes aspectos: creatividade, orixinalidade, a elaboración propia, o uso da iluminación como foco de atracción e de materiais reciclables.

O certame está aberto á participación de calquera propietario ou arrendatario de vivendas ou negocios no municipio (tanto no ámbito urbano como no rural). As persoas interesadas deberán inscribirse desde mañá, venres 5 de decembro, ata o 15 de decembro utilizando a ficha de participación dispoñible na páxina web municipal e entregándoa, xunto cunha copia do DNI, no rexistro municipal e na sede electrónica.

Podes consultar as bases do concurso aquí.

O Concello de Carral organiza o “Concurso de decoración de vivendas e comercios polo Nadal 2025”, unha iniciativa promovida desde a concellería de Cultura, Turismo e Comercio que ten coma fin recoñecer a creatividade das veciñas e veciños do nosos municipio ao tempo que se fomenta o espírito de Nadal e se embelece o noso municipio.

Prazo de presentación solicitude.

  • Desde o día seguinte da publicación das bases no BOP da Coruña ata o 15 de decembro (incluido).

Lugar de presentación.

  • Telemáticamente na sede electrónica do concello de Carral (dirección web)
  • No rexistro municipal (Casa do Concello).

Documentación.

  • Anexo I
  • Copia D.N.I
  • Copia D.N.I. da persoa representante se procede

Prazo presentación fotografías e/ou video.

  • Do 16 ó 18 de decembro.
  • Enviar 4 fotografías e/ou 1 vídeo a omix@carral.es.
  • Indicar no correo electrónico o nome do/a participante.
  • OMIX Carral (Local interxeracional. R/ Alcalde Juan Seijas, nº8, baixo) ou Casa da Cultura (r/ Paleo 17)
  • Teléfono e whatsapp 674.793.475 ou 981.67.25.80
  • Correo electrónico: omix@carrales ou casadacultura@carral.es

O Concello volverá estimular o consumo no tecido hostaleiro do municipio co lanzamento dunha nova edición de Tapeando Carral. O certame celebrarase entre o 5 e o 8 de decembro, coincidindo cos festivos e como antesala ás festas de Nadal e contará coa participación de 11 establecementos: Boca Grande, Bar Tropezón, Casa Adolfo, Do Pincho Panadería & Docería, Vinoteca Taberna XXI, Restaurante Terra, Taberna Lume e Ferro, Casa Roel, O’ Lareiras, A Parola e Costa da Égoa. Así, nesta convocatoria contarase con representación de negocios do núcleo urbano, pero tamén das parroquias de Tabeaio, Sergude, Cañás e Beira.

A concelleira de Cultura, Turismo e Comercio, Isabel López, confía en alcanzar e mesmo superar “as cifras de asistencia das edicións anteriores e, sobre todo, en que esta iniciativa sirva para seguir dando a coñecer a ampla oferta hostaleira que temos no municipio”.

Premios

Como en edicións anteriores, haberá premios para os establecementos e tamén para o público. Os hostaleiros poderán optar aos galardóns de tapa máis popular, elixida polos propios clientes, e ao de mellor tapa, outorgado por un xurado profesional que terá en conta aspectos como os seguintes: presentación, sabor, orixinalidade, emprego de produtos locais e tamén de tempada, orixinalidade do prato, servizo e orixinalidade do nome do prato.

En canto aos do público, haberá sorteos de agasallos para os clientes en función do número de selos que consigan reunir. A persoa participante terá que cubrir o cupón cos diferentes selos e depositalo nas urnas que estarán situadas nos establecementos. Haberá un primeiro premio que se sorteará entre as persoas que teñan o 100% de selos, un segundo para as que teñan o 75% e un terceiro para as que conten cun 50% de distintivos. O gañador/a de o primeiro premio recibirá, por exemplo, o seu peso en cervexa e haberá outros agasallos como experiencias e produtos gastronómicos.

A iniciativa está organizada polo Concello e conta coa colaboración de Estrela Galicia, Coca-Cola, Jamones y Embutidos Elote e Bodegas de Viño, que proporcionarán os galardóns do público.

O Concello volverá achegar a paixón pola música, o teatro, o cine e a lectura aos nenos e nenas. Todo grazas á nova edición de Papeques, un programa que arrincará este sábado, 29 de novembro, e que se prolongará ata o 18 de decembro. En total, serán seis as actividades que se levarán a cabo, cada unha cun rango de idade específico.

A primeira proposta terá lugar este sábado, 29 de novembro, ás 18.00 horas no Edificio Social Toñito Espiñeira. Ese día, Pakolas aterrará no municipio con A Ramona pequena vai á lúa (para maiores de 2 anos). Na función, unha máquina do tempo leva a Ramona á súa infancia, cando era unha nena movida por constantes inquedanzas e cunha mente esperta e imaxinativa.

A seguinte actividade será o xoves, 4 de decembro, ás 18.00 horas coa proxección de Una familia de superhéroes na Casa da Cultura (para maiores de 4 anos). O filme relata a historia de Hedvig e de como a súa vida dá un xiro cando ten a oportunidade de asumir o papel de supeheroína da cidade e substituír ao seu pai. O único problema é que é torpe, algo preguiceira, non está en forma e gústalle máis xogar aos videoxogos que asumir o papel de salvadora. Pero cando o seu pai elixe o curmán Adrián para que sexa o próximo superheroe, Hedvig dáse conta de que ten que reaccionar.

Teatro dos Gazafelhos, de Monstros no Camiño, tomará a remuda o venres, 5 de decembro, ás 18.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio. A función, dirixida para maiores de 6 anos, conta a historia de tres investigadores de Europa do leste que viaxaron polo camiño de Santiago para desmontar os mitos dos seres ou fenómenos locais. Ao longo da representación, os protagonistas farán un simposio para amosar os resultados da súa aventura.

Kyoki, de Elefante Elegante, será a seguinte proposta de Papeques. A función escolar terá lugar o xoves, 11 de decembro, ás 12.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio. Trátase dun espectáculo sen palabras que aborda temáticas como o esquecemento, da vellez e da soidade.

Pérez & Fernández levarán ao municipio Nanai da China o venres, 12 de decembro, ás 18.00 horas ao Xente Nova de Tabeaio (maiores de 5 anos). A obra conta a historia de Nanai, unha nena que naceu nunha noite sen lúa. Os seus veciños e veciñas rexéitana desde o seu nacemento e por pura superstición.

A última proposta do calendario será un contacontos que correrá a cargo de Trinketrinke Teatro e o seu Familia diversas (xoves, 18 de decembro, ás 18.00 horas na biblioteca da Casa da Cultura). Os Ratos de Lonxetodo volven á instalación municipal para descubrir coas nenas e nenos que as familias non sempre son iguais pero que sempre son o mellor que temos. A actividade está pensada para cativos e cativas de entre 4 e 8 anos.

Papeques está organizado pola Concellería de Cultura de Carral en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e con Dinamiz-ARTj, do Instituto para a Transición Xusta a través da Fundación Ciudad da Enerxía-CIUDEN.

Máis información en https://carral.es/papeques-2025/.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, propoñerá destinar o POS+Adicional (2ª fase) da Deputación da Coruña ao proxecto de humanización dunha parcela situada nas inmediacións da igrexa de San Vicente de Vigo. Farao nun pleno extraordinario que se celebrará hoxe, xoves 13 de novembro, ás 20.00 horas. Tal e como avanza o rexedor, a contía provincial destinarase á creación dun aparcamento na contorna e á dotación dun espazo libre cunha zona verde axardinada que se integrará á área de xogos existente. As intervencións realizaranse nun terreo cedido no ano 2019 tras o convenio asinado entre o actual rexedor e o Arcebispado de Santiago.

Grazas ao acordo alcanzado co Arcebispado, o Concello puido construír ese mesmo ano un parque infantil na zona. Agora, o primeiro edil prevé completar os servizos da contorna coa dotación dunha nova zona de estacionamento e de espazo para uso recreativo e esparexemento veciñal.

Para lograr estes obxectivos, o proxecto municipal incluirá a xeración de dúas plataformas. A inferior usarase como aparcamento, facilitando o acceso e a estancia de vehículos sen interferir coas áreas peonís. A superior concibirase como un espazo libre con zonas axardinadas. Dada a amplitude e configuración de ambas as áreas, o espazo poderá acoller festas patronais e outros eventos. O orzamento ascende aos 96.000 euros (IVE incluído).

Coincidindo coa Feira de Carral, o venres, 13 de novembro, instalarase un posto informativo do Consorcio As Mariñas no Campo da Feira.

Este estará atendido por técnicos ambientais que informarán e concienciarán á cidadanía sobre a importancia de xestionar correctamente os biorresiduos e os aceites de cociña usados.

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e o concelleiro, Óscar Bodelo, mantiveron onte unha reunión co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para renovar a súa tramitación. Como avanza o rexedor, o de onte non será o único encontro, senón que se realizarán outros dous nas próximas semanas cun claro obxectivo: proceder á aprobación provisional deste documento.

O alcalde valorará xunto ao persoal municipal e á empresa redactora se as modificacións introducidas nos últimos anos requiren dunha nova exposición pública antes de promover a aprobación provisional.

Retomar o Plan Xeral foi un dos obxectivos que Fernández Mouriño se marcou cando recuperou a Alcaldía: “pois é un asunto que está pendente dende hai varios anos”. A intención do primeiro edil é continuar avanzando na súa tramitación, entendendo que del depende “o futuro e o crecemento de Carral”.

O teatro será protagonista nos vindeiros meses en Carral. O Concello celebrará unha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono ofrecendo nove funcións para públicos de todas as idades. As representacións comezarán esta mesma semana, coa primeira este venres, 3 de outubro. Todas terán lugar no local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas.

Teatro de Ningures será a encargada de inaugurar o programa con As gardiás ou o nó do tecelán (3 de outubro). O humilde piso de Rosa é un refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores decididas a preservar a súa independencia: Rosa (que se atopa en cadeira de rodas) e as súas compañeiras Ana, Marga e Susana. Cando a filla da primeira lle propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do que significa envellecer ben.

Unha semana despois, De Ste Xeito Producións tomará a remuda con Neura (10 de outubro). Trátase dunha comedia que aborda o tema da saúde mental a través da historia de amor e desamor de Edu e Sonia, unha relación que rematou, precisamente, a causa deses trastornos.

As damas de Ferrol de Teatro do Noroeste será a seguinte función do Ciclo de Teatro de Outono (17 de outubro). As protagonistas son Maruxa e Lurdes, dúas irmás xa maiores que contan, entre discusión e discusión, partes das súas vidas. A obra foi recoñecida cos premios Luisa Villalta da Deputación da Coruña por proxectos pola igualdade.

Verdeveras Expresións Artísticas chegará ao municipio con As formas do amor (24 de outubro). Na peza cóntase a historia dun deses amores inesquecibles que marcan un antes e un despois na vida.

Tolóptica, de Código Azul, será a seguinte representación do programa (31 de outubro). Os protagonistas son Leo e Brais, dous empresarios da óptica Tolóptica. Estes asisten á 24ª convención da compañía, na cal van entregar os premios ao mellor vendedor de primeira clase da empresa, entre outros.

Programación de novembro

A programación de novembro arrincará da man do grupo Butacazero e de O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada (7 de novembro). A actriz Esther F. Carrodeguas abordará con sinceridade crúa e humor irónico a súa relación co seu corpo, marcada pola gordofobia da sociedade.

Cortello de amor de Amorodio Teatro será a seguinte proposta no calendario (14 de novembro). Nela cóntase a historia de Jack e Rose, unha parella que ronda a trintena e que levan xuntos dende a adolescencia. Ambos van a un concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, e logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros da banda non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite e durmir eles dous no faiado.

Desexo, de Talia Teatro, será a antepenúltima función do ciclo, e chegará o 21 de novembro ao local social Xente Nova. Nela, a compañía aborda como na sociedade máis sexualizada da historia continúa habendo tabús arredor de cuestións como a educación sexual das novas xeracións, por exemplo.

Compañía, de Xampatito Pato, será a obra de peche do programa o 28 de novembro. Trátase dun espectáculo que fusiona o circo co mundo dos monicreques, creando imaxes e escenas que transportan ao espectador a un mundo onírico.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala. 

Toda a información en https://carral.es/teatro-de-outono-2025/

O alcalde de Carral, Javier Gestal, formalizou, esta semana, a compra dunha nova parcela de 4.304 m2 situada en Polígono número 15. A compra deste terreo, correspondente coa parcela 85 de Ponche de A Brexa, despexará o camiño para facer realidade uno dos compromisos do rexedor ao comezo do mandato: a ampliación da área recreativa de A Brexa.

Como explica o primeiro edil, trátase dun paso “fundamental para seguir incrementando o uso e os servizos desta zona”. Na actualidade, o espazo conta cun skatepark, zona de mesas e áreas verdes e acolle, anualmente, a Festa da Familia do Concello.

A adquisición posibilitará a conexión co aparcamento e, ademais, a recuperación dos elementos etnográficos asociados coa auga, como o río de San Amaro e un antigo muíño localizado nesta contorna.

O vindeiro 4 de setembro celebramos a 50ª edición da Festa da Empanada!

A partir das 17:30 horas poderemos degustar a empanada das panaderías Mercedes, Pedro Fernández, Cañás e Da Cunha, así como gozar da

música de Arnela e Faiscas da Pontagra.

Estade atentas e atentos, nos próximos días anunciaremos outras sorpresas na programación!