O Concello de Carral celebrará, no mes de marzo, un curso básico de Uso de teléfono móbil para adultos. As sesións levaranse a cabo os luns deste mes e en diferentes franxas horarias en cada parroquia.


As clases empezarán o luns, 10 de marzo, e concluirán o día 31. En canto ao horario, as sesións formativas levaranse a cabo no edificio social Toñito Espiñeira, no caso de Carral, e nos locais sociais das parroquias. Con respecto ao horario, as sesións formativas tanto en Carral como en San Vicente celebraranse de 9.30 a 10.30 horas. En Cañás, a formación será de 11.00 a 12.00 horas, en Barcia terá lugar de 12.30 a 13.30 horas. En canto a Tabeaio, as clases desenvolveranse de 11.00 a 12.00 horas.

As persoas interesadas en participar poderán apuntarse chamando ao teléfono 678 338 872.

Coa preestrea de Julio Camba: o home que non quería ser nada, comeza a cuarta edición de Cine Documental Galego.

En catro sesións que terán lugar na Casa da Cultura presentaranse cinco producións galegas con temáticas diversas, pasando por biografías, a concienciación medioambiental ou a memoria histórica. En todas as sesións contarase cos directores ou directoras das películas para manter un coloquio cos espectadores. Abre o ciclo o 20 de febreiro Julio Camba: o home que non quería ser nada, de Aser Álvarez. Este documental biográfico de carácter creativo é unha viaxe para descubrir a Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884 – Madrid, 1962), un dos xornalistas españois máis populares do século XX. Transcorre durante o seu último baño na habitación 383 do Hotel Palace de Madrid, onde pasou os trece últimos anos da súa vida. Viaxaremos a través da súa memoria, dos testemuños dos seus biógrafos e amigos e as lecturas dos seus artigos nalgunhas das cidades do mundo nas que traballou como correspondente: Lisboa, París, Londres, Berlín, Roma ou Nova York.

O 27 de febreiro será unha sesión con dúas proxeccións. Na pel da Memoria fala de Mariví Villaverde, filla de alcalde republicano, que con 14 años vese obrigada a exiliarse por culpa do golpe de estado. Este relato reflexiona sobre a importancia da memoria histórica a través das vivencias da súa protagonista. Pola súa banda Dores recolle as historias de catro persoas que, dunha forma ou outra, foron testemuñas ou recollen os testemuños das consecuencias da represión franquista en Galicia. Coral Piñeiro, directora das dúas curtametraxes, estará presente para comentalas co público asistente.

Ignacio Benedeti presentará a súa película Spitsbergen: o gardián do Ártico o xoves 6 de marzo. O director viaxou a bordo do buque rompexeos Malmó para gravar as consecuencias que a actividade humana descontrolada provocan no Ártico. Esta longametraxe de 81 minutos proxectarase en película celuloide de 16 mm.

Ese programa remata o 13 de marzo co documental Os espazos en branco, de Bruno Arias, que resultou premiado nos Mestre Mateo do 2024. Bruno leva moito tempo cunha espiña cravada: non lembra case nada de quen máis lle influíu na súa vida. A súa tía Xela (Arias) morreu cando el tiña 5 anos e só lle quedan dela as memorias doutras persoas. É por iso que, dezaoito anos despois, Bruno decide transitar as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.

Todas as proxeccións comezarán ás 20:00 h, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala de audiovisuais da Casa da Cultura.

Este ciclo de cine galego documental conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O Concello de Carral ven de convocar unha nova edición do Premio de Poesía Concello de Carral. Neste ano 2025 o certame suma xa as 28 edicións, mantendo sempre a intención de seguir colaborando a fornecer o sistema literario galego, a difundir a poesía entre a poboación de Carral, a descubrir novos valores da nosa literatura ou a consolidar poetas  que xa contan con obra publicada. Durante estas 28 anos o premio de Carral consolidouse coma un dos máis importantes de Galicia, o cal lle foi recoñecido pola Deputación de Ourense que lle concedeu un dos seus premios Rodolfo Prada 2024 a iniciativas galegas de xestión cultural.

Nas bases da actual convocatoria están recollidos todos os aspectos que atinxen á presentación de obras e que se resumen en:

  • Premio: 3500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior
  • Obras orixinais e inéditas en galego cun mínimo de 500 versos
  • Prazo aberto para a presentación de obras ata o 31 de marzo

O premio entregarase nun acto que terá lugar o 30 de maio, no que tamén se presentará a edición do libro gañador o ano pasado, A pel do exilio de Silvia Penas.

Para levar a cabo o certame o Concello de Carral conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Bases do 28º Premio de Poesía Concello de Carral

Acceso á plataforma para a presentación de obras

O Concello de Carral celebrará o domingo, 2 de marzo, a súa festa de Entroido. As persoas interesadas poden consultar xa as bases do concurso de disfraces e o formulario de inscrición.

As inscricións poderán realizarse unha vez que se publique no Boletín Oficial da Provincia o extracto das bases.

Manterémosvos informados!

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Os Reis Magos repiten, un ano máis, a súa cita en Carral, ofrecendo un percorrido por distintas parroquias do municipio. As Súas Maxestades chegarán este domingo, 5 de xaneiro, e sairán coa cabalgata, se as condicións meteorolóxicas o permiten, a partir das 15:30 horas para cumprir os desexos dos máis pequenos e pequenas.

Itinerario con horarios aproximados:

O Xalo – 15:30 h – Local Urbanización

Cabrois – 15:45 – Parque

Quembre – 16:00 h – Local Social

Tabeiao – 16:20 – Campo da Festa

Barcia – 16:30 – Local Social

Gosende – 16:50  – Cruce

A Cabra – 17:00 – Cruce

Sergude – 17:15 – Local Social

O Canedo – 17:30 – Local Social

San Vicente – 17:45 – Local Social

As Travesas – 18:00 – Casa Avelina

Cañás – 18:15 – Local Social

Veira – 18:30 – Local Social

Carral – 19:00 e chegada ao pavillón do Espiño

O percorrido polas parroquias estará condicionado á previsión meteorolóxica. No caso de cancelarse daremos aviso a través das canles habituais do Concello.

Tamén, a partir das 18:00 horas, haberá festa infantil, inchables, animación e xogos no pavillón do Espiño para amenizar a chegada das Súas Maxestades, que teñen prevista a entrada no recinto sobre as 19:00 h. Ademais todas as persoas asistentes poderán gozar do tradicional roscón de Reis e chocolate. Toda a rapazada que o desexe poderá levar as súas cartas ao pavillón para entregarllas aos Reis Magos e que atendan os seus desexos.

Aínda non tes a túa carta para os Reis Magos? 

A rapazada que o desexe poderá acudir ao rexistro do Concello a recoller a súa carta (en horario de mañá ata as 15:00 h, agás 31 de decembro e 1 de xaneiro) ou DESCARGALA AQUÍ e imprimila directamente na casa.

O Buzón Real está xa instalado diante do Concello durante todo o día para que a rapazada de Carral poida entregar a súas cartas de Reis.

DESCARGA A CARTA

CONSULTA O LISTADO DEFINITIVO

O trofeo ao mellor xogador local recaeu sobre Xosé Manuel Zapata Pérez (5º na clasificación xeral).

Dentro da programación municipal de Nadal, o Concello de Carral organizou este domingo 22 de decembro a 23ª edición do Torneo de Xadrez de Nadal.

Esta competición, clásica destas datas festivas, disputouse no pavillón municipal de Espiño reunindo a un total de 56 inscritos. Os participantes dividíronse en 4 categorías (sub-10, sub-14, absoluto e mellor local). A competición iniciouse ao redor ás 16.00 h e constou de 7 roldas de 10 min. por xogador cun incremento de 3 segundos. A sétima e última partida terminou ás 19.50 h, tras a cal Rodrigo Pena Barbeito (Club Ajedrez Magic de Extremadura) proclamouse campión absoluto do torneo. O xogador do club extremeño, fíxose co título de campión na categoría absoluta nunha apertada última rolda, xusto por diante do cercedense Guillermo Ambroa Barbeito e Roberto Blandón Pao (Club Xadrez Sigrás).

O xogador do Club de Xadrez Magic de Estremadura, fíxose co título de campión na categoría absoluta nunha apertada última rolda.

En canto á categoría sub-14 o triunfador foi Andrés Blanco Rodríguez (Club Xadrez Arteixo e 4º na xeral). A segunda posición da categoría foi para Mario Graña Vázquez (de Carral), pechando o pódium Rafael Soto Flrian (Club Xadrez Arteixo).

Por último, en canto á categoría sub-10, o campión foi Roi Bello (Carballo). A segunda recaeu en Mario García (Carballo) e finalmente a terceira posición foi para Brais García (Carral).

En canto ao trofeo ao mellor xogador local recaeu sobre Xosé Manuel Zapata Pérez.

Terminada a rolda de partidas, ao redor das 20.00, foron entregados os premios da man do alcalde de Carral, Fº. Javier Gestal Pouse, quen destacou a altísima participación de xogadores nas categorías máis novas do evento (uns dos principais obxectivos do torneo), chegando a alcanzar o 65 % do total de rexistrados.

O Concello de Carral fixo entrega hoxe, na Casa do Concello, dos premios do Concurso ‘Tapeando Carral’ 2024.

O Velo de volandeira do Pacífico, do local Terra, proclamouse vencedor por partida dobre ao facerse co galardón ao mellor petisco tanto na votación popular como na de xurado. Os premios para o establecemento gañador consistiu en trofeos e agasallos proporcionados por diferentes entidades colaboradoras. 

O certame tivo lugar do 5 ao 8 de decembro e no reconto da votación do público, a receita proposta por Terra obtivo un total de 90 votos, seguido polos 67 que acadou O bebedeiro sen fin, do Pincho, e os 59 da Filloa Rechea, do Bar Tropezón. 

O podio do xurado profesional mantivo a mesma orde sendo o petisco de Terra o máis votado, 78 votos; o do Pincho, con 74; e o do Bar Tropezón, con 72.

En canto ao público participante, o primeiro premio recibiu o seu peso en cervexa, 1 pack de chorizo e lacón de Vilalba e visita e comida en Bodegas As Laxas. O segundo e o terceiro premio tamén foron cortesía de Estrella Galicia, Jamones y Embutidos Elote e Exclusivas Rivas Suárez, entidades colaboradoras do certame. 

Desde o Concello celebran o éxito acadado nesta edición do Tapeando Carral, e sinalan a importancia destas iniciativas para “impulsar o consumo nos establecementos hostaleiros da vila e dar a coñecer a magnífica oferta gastronómica do municipio”.

O alcalde, Javier Gestal, e a concelleira de Comercio e Turismo, Natalia Patiño, foron as autoridades encargadas de entregar os premios ás persoas gañadoras en cada categoría, ás que felicitaron polo seu enorme talento e por participar nesta iniciativa.

O edificio social Toñito Espiñeira de Carral acollerá, desde hoxe e ata o 21 de xaneiro, a exposición ‘Nós tamén fomos emigrantes’, da colección Afundación. 

No día de hoxe tivo lugar a visita de presentación da mostra, á que acudiron o alcalde de Carral, Javier Gestal; así como Vanessa Sende Cardoso, da Área de Cultura de Afundación; José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador Institucional ABANCA; Begoña Caamaño Ferrio, directora de zona ABANCA e Jose Freire Cofreces, director da oficina del ABANCA de Carral.

Esta exposición recolle unha escolma de imaxes dos arquivos da Axencia EFE que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. A exposición estará aberta de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 h. O 24 e 30 de decembro permanecerá pechada. 

As persoas que visiten esta selección fotográfica poderán visualizar as circunstancias vitais das pasadas xeracións, que abandonaron a súa terra na procura dun futuro mellor.

Ademais, desde a organización animan a doar alimentos no momento da entrada, un xesto solidario para axudar ás persoas que máis o necesitan. Esta iniciativa de Obra Social ABANCA ofrece acceso a eventos culturais a cambio da contribución solidaria de alimentos non perecedoiros ou produtos de primeira necesidade.

A mostra que agora chega a Carral englóbase dentro de CORRENTE CULTURAL, a aposta de ABANCA e Afundación para espallar cultura por toda Galicia. O proxecto nace coma un contedor de arte que vai rotando polos concellos, e contando coas colaboración municipais, para construír canda eles unha rede de calidade. As iniciativas do ciclo contan cunha coidada produción e cunha querenza pola tradición galega.