O Concello organiza, outro ano máis, unha nova edición do seu concurso Tapeando Carral, unha iniciativa coa que o goberno local busca un claro obxectivo: impulsar o consumo no tecido hostaleiro e dar a coñecer a ampla oferta do municipio antes da campaña do Nadal. 

A iniciativa levarase a cabo entre o xoves, 5 de decembro, e o domingo, día 8, e contará coa participación de 10 locais que farán as delicias do público asistente. 

O goberno local confía en que o certame acade unhas cifras de participación similares ás das edicións anteriores: “esperamos que a veciñanza volva a desfrutar deste certame e teña a mesma afluencia que nos últimos anos sendo esta medida, unha vez máis, un revulsivo para promover o consumo nos establecementos, dándolle así máis vida á nosa vila”. 

Nesta ocasión, o certame municipal contará coa participación dos seguintes negocios: Boca Grande, Pizzería Centro, Bar Tropezón, Bar Adolfo, Vinoteca A Taberna XXI, Dopincho, Terra, O Lareiras, A Parola e Costa da Egoa.

O concurso levarase a cabo entre o xoves, 5 de decembro, e o domingo, día 8. O xoves, as elaboracións dos participantes poderán degustarse desde 20:00 horas e o domingo, estarán dispoñibles de 12:30 a 15.30 horas. O venres e sábado, o público poderá probar as receitas en xornada de mañá en tarde, entre as 12.30 e as 15.30 horas e as 20.00 e as 23.00 horas. 

Como en anteriores edicións, haberá premios tanto para os locais participantes como para os propios comensais. Por unha banda, os establecementos poderán optar ao premio á Tapa Máis Popular (elixida polos propios clientes) e ao de Mellor Tapa (neste caso, será un xurado profesional o que outorgue o galardón). 

Pola outra, unha vez que o cliente acade un número mínimo de selos diferentes terá a posibilidade de facerse tamén con agasallos e recompensas. Neste caso, a persoa terá que cumprir o cupón cos diferentes selos e depositalo nas furnas que estarán situadas nos negocios.

Haberá un primeiro premio para as persoas participantes que teñan o 100% dos selos cumprimentados, un segundo premio para as persoas que teñan polo menos o 75% dos selos e un terceiro premio para as persoas participantes que teñan como mínimo o 50% dos selos. O sorteo terá lugar o 20 de decembro, ás 20:00 h.

O concurso, organizado polo Concello de Carral, realízase en colaboración coas empresas Estrella Galicia, Exclusivas Rivas Suárez, Jamones y Embutidos Elote e Bodegas As Laxas. 

Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña

No día de onte, a delegada territorial da Xunta de Galicia en A Coruña, Belén Docampo, xunto a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático, Pilar Arias, visitaron o Concello de Carral, acompañadas polo alcalde, Javier Gestal, onde supervisaron a actuación realizada nos distintos puntos polos cales discorre a Ruta da Auga.

O goberno local obtivo esta axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) destinada aos estudos e investimentos vinculadas á conservación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, así como á sensibilización ecolóxica na Rede de Reservas de Biosfera de Galicia.

Esta actuación, baixo o marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia, ten o obxectivo de sinalizar este roteiro, de 9,3 km de lonxitude, para dar valor á conservación e recuperación das zonas naturais do municipio, que nesta ocasión afectan as parroquias de San Vicente e Cañás, na contorna do río Barcés.

Entre as funcións ambientais desta actuación destacan a sensibilización do espazo natural das persoas visitantes, o fomento do lecer responsable coa natureza, a axuda ao mantemento e conservación das especies e os seus hábitats ou axudar a coñecer os valores naturais e culturais máis relevantes do río Barcés no Concello de Carral.

A instalación destes elementos realizarase en dous tramos, un nesta anualidade 2024 na que se instalarán catro mesas informativas con códigos QR e outra durante o próximo ano, con diversas pezas informativas.

O Concello de Carral abrirá o prazo o luns 11 de novembro de 2024 para solicitar subvencións para entidades non lucrativas con sede social en Carral.

O obxecto desta convocatoria é a promoción e impulso de actividades culturais e as festas parroquiais, coa finalidade, no eido cultural, de fomentar un uso activo e creativo do lecer, contribuír á conciliación da vida familiar, fomentar as tradicións e o patrimonio cultural local, promover a difusión e a posta en valor de todas as manifestacións da cultura popular galega. E no eido do medio ambiente o obxecto é a protección, concienciación e divulgación ambiental a través de fomento da participación en medio ambiente, colaborar con actividades medioambientais no ámbito educativo, fomentar a participación da mocidade na dinámica medioambiental, fomentar a reforestación con árbores autóctonos e o coidado e mantemento dos terreos cedidos en custodia polo Concello de Carral.

O prazo estará aberto do 11 ao 22 de novembro de 2024. A tramitación das solicitudes debe realizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Carral.

As bases que regulan esta convocatoria de subvencións están dispoñibles en https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2024/11/05/2024_0000007669.pdf

O Concello de Carral ten adxudicadas 6 prazas para a Campaña de Esquí 2025. Read more

Desde consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia informan que, por motivo da normativa de protección de datos, establécense restricións que imposibilitan o uso da pegada dixital nos puntos de información do Servizo Público de Emprego de Galicia, que desconectaranse proximamente.

Nas vindeiras datas acudirá persoal enviado pola AMTEGA para a súa retirada definitiva.

O teatro cobrará protagonismo na recentemente estreada nova estación. Da man dunha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono, o local Xente Nova de Tabeaio acollerá a representación de 12 funcións. Estas levaranse a cabo ao longo dos meses de outubro e novembro, ofrecendo propostas para os veciños e veciñas de todas as idades. A primeira levarase a cabo este venres, 4 de outubro, ás 20.30 horas.

A compañía Constraproducións será a encargada de inaugurar o programa con Apaga o candil (venres, 4 de outubro, ás 20.30 horas). A obra conta a historia do encontro entre o d’O Xestal e outro home miúdo e melancólico, a morte. Nun primeiro momento, o protagonista resístese a seguila pero, finalmente, remata por establecerse unha dinámica e amena tirapuxa entre ambos os personaxes.

Unha semana despois, Teatro do Miolo tomará o relevo con Saíndo do cerco (venres, 11 de outubro, ás 20.30 horas). Nela cóntase a historia de Suso, o novo residente dun centro asistencial de maiores que cre que a estas alturas, xa non merece a pena vivir. Todo cambia cando coñece a Amalia, que lle axudará a atopar de novo o sentido da vida.

Ao día seguinte (sábado, 12 de outubro 19.00 horas), e como parte do Festival de Galicreques, Titerefué e Titiritainas Teatro de Títeres chegará a Tabeaio con Diente de leche. Está dirixida a nenos e nenas maiores de 4 anos que descubrirán a misión do Rato Pérez: recoller os dentes de leite que as nenas e nenos deixan baixo das almofadas para convertelos en estrelas.

O auto do castromil será a seguinte representación o venres, 18 de outubro, ás 20.30 horas. Neste traballo de Producións Teatrais Excéntricas, a historia acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Mentres os viaxeiros dormen e o condutor fai o seu traballo, as maletas amotínanse e cobran vida para repasar unha curiosa historia de Galicia.

O venres, 25 de outubro, ás 20.30 horas Malasombra levará aos escenarios Testosterona, onde o director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dalgún dos seus subdirectores: unha muller ou dous homes. A obra reflexiona sobre as razóns que influirán nesa decisión.

Emotivas, de Titiritres, será a seguinte proposta do Ciclo de Teatro de Outono, encadrada tamén no Festival de Galicreques (sábado, 26 de outubro, ás 19.00 horas). Na obra, Melancolía, Irritación e Seguridade descubrirannos o que son as emocións, como nos fan sentir e o divertidas e complexas que son.

Programación de novembro

O Concello inaugurará o mes con Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana (venres, 1 de novembro, ás 20.30 horas). Nela cóntase a historia de Iphixenia, unha nini de barrio que pasa os días nun bucle de alcol e apatía. Porén, esta dinámica cambia cando coñece a un rapaz distinto dos demais e que lle fai sentir que non está soa.

Made in Galicia, de Sarabela Teatro, aterrará en Tabeaio o venres, 8 de novembro, ás 20.30 horas. Trátase dunha comedia sobre o uso do galego que mestura a divulgación, a ironía e a realidade dun xeito perfecto.

Teatro Arroutada de Carral volverá actuar no Ciclo de Teatro o venres, 15 de novembro, ás 20.30 horas. Nesta ocasión, con Chicago, na que se conta a historia de Roxie Hart, unha muller que soña con subir ao escenario do Club Onyx pero que remata no cárcere tras ser acusada de asasinar ao seu amante. Alí coñece á súa admirada Velma Kelly, unha estrela do jazz condenada tamén por matar ao marido e á irmá. As vidas de ambas as dúas mulleres acaban entrelazándose.

A Tropa do Rueiro de Tabeaio (teatro amador) tomará a remuda o 16 de novembro, ás 20.30 horas, con La profecía. Precisamente, a historia transcorre nunha vila onde hai unha profecía: o home máis rico morrerá á medianoite. Casualmente, ese é o alcalde, que recorrerá aos seus concelleiros para que lle axuden a atopar unha solución ao problema.

Roi Borballas chegará ao municipio con Solo, onde o artista reflexionará sobre os pensamentos e sensacións dun actor sen o seu público, dun pallaso cando ninguén o observa. Será o venres, 22 de novembro, ás 20.30 horas.

Crisálida, de Caramuxo Teatro, pechará a nova edición o venres, 29 de novembro, ás 20.30 horas. A función está baseada en feitos reais, descubrindo a historia dunha mercería que leva ese nome e que ten xa máis de 80 anos de existencia.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala. 

Carral inaugurará, esta semana, unha nova tempada de artes escénicas coa 11ª edición das súas Noites de Monólogo. O ciclo arrincará mañá, venres 13 de setembro, cunha primeira sesión a cargo de Xan Veiga. Vero Rilo e Santi Cribeiro tomarán a remuda a vindeira semana (venres, 20 de setembro) e Marta Doviro será a encargada de pechar a onceava edición o venres, 27 de setembro.

O primeiro monólogo será Que anos aqueles , de Xan Veiga. Ao longo do mesmo, o público embarcarase nunha viaxe ao pasado para lembrar as desventuras dun galego e para rememorar, así mesmo, costumes, ditos, xogos, cantigas, etc. O obxectivo de Veiga non será outro que facer reflexionar aos asistentes sobre se as cousas para os galegos cambiaron ou non con respecto a outras épocas.

Unha semana despois, Vero Rilo e Santi Cribeiro chegarán ao municipio con Tralalareira , un espectáculo no que a tradición oral e a música se mesturarán para revelar ao público historias de vida, de tradición e desas que se contaban arredor dunha lareira.

Marta Doviro será quen peche as Noites de Monólogo con Memorias dunha rapasa da costa . Nesta actuación falaranos sobre o seu propio periplo polas distintas vilas nas que viviu. Doviro valerase da comedia para retratar o carácter das súas xentes, vivencias e ata historias reais de piratas facendo, así mesmo, un paralelismo entre a realidade de Galicia e a hollywoodiense .

Todas as actuacións levaranse a cabo no local Xente Nova de Tabeaio ás 21.00 horas. O acceso aos espectáculos é libre ata completar aforo.

As Noites de Monólogo preséntanse como un dos eventos de maior traxectoria do municipio. Así, ao longo destas 11 edicións subiron ao escenario carralés artistas de renome como Luis Zahera, Evaristo Calvo, Sergio Pazos, Pedro Brandariz, Oswaldo Digón, Cándido Pazó ou Paula Carballeira, entre outros.

Carral reivindicouse, un ano máis, como capital da empanada. Fíxoo, ademais, con récord de vendas na que é xa a 49ª edición da súa festa na honra a este produto.

As panadarías participantes, Panadaría Mercedes, Panadaría Pedro Fernández, Panadaría Cañás e Panadaría Da Cunha, puxeron o seu forno a todo funcionamento para lograr vender, ao longo desta xornada, ata 12.000 racións deste produto.

Trátase dun dos eventos máis agardados no municipio xa que a empanada é, xunto co pan, o seu produto estrela. Ademais, está consolidada como unha das citas gastronómicas de referencia en toda a comarca.

Nel, veciños e visitantes puideron gozar da degustación de diferentes variedades do produto, habendo dispoñibles racións de empanada de bonito, bacallau e polo (5 euros) e de zamburiñas, polbo e bacallau con pasas (7 euros).

Son xa corenta e nove edicións nas que as panadarías “dobran o seu traballo para poder, así, chegar a estas cifras de venda. É un evento con gran arraigo entre os nosos veciños e veciñas, pero tamén unha cita de referencia para moitas persoas que veñen de fóra para probar a empanada”, sinalou o alcalde, Javier Gestal.

Ao longo da tarde non faltou a música. O grupo de música tradicional ‘Arnela’ e ‘Embruxo Gaiteiros’ foron os encargados de amenizar a tarde dunha xornada que continuará pola noite, a partir das 22:00 horas, coas orquestras París de Noia e Zona Zero nas Festas do Socorro de Carral.

Carral reivindicouse, unha vez máis, como capital da empanada. Trátase, xunto co pan, dun dos produtos estrela do municipio. Tal é a súa importancia, que esta é a protagonista dunha das citas gastronómicas de Carral desde hai xa case cincuenta anos. O Concello deu hoxe o pistoletazo de saída da corenta e nove Festa da Empanada. No acto estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, os concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, e representantes das panadarías participantes na edición: Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.  

O evento gastronómico, un dos de maior tradición na comarca, terá lugar este xoves, 5 de setembro, a partir das 17:30 horas, e incluirá a venda e degustación deste produto e actuacións musicais.

Durante a presentación da cita, o rexedor sinalou que este evento “ten un gran arraigo, non só no municipio, senón que tamén se presenta como un evento gastronómico de referencia na comarca”. Gestal subliñou que a celebración non podería realizarse “sen o esforzo que realizan as panadarías, que teñen que dobrar o traballo para chegar ás cifras de venda”.

Nesta edición, as racións de empanada de bonito, bacallau e polo terán un prezo de 5 euros. No caso das variedades de zamburiñas, polbo e bacallau con pasas o prezo será de 7 euros. 

Ambientación musical

A cita gastronómica ofrecerá boa comida, pero tamén boa música. Así, están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: grupo de música tradicional ‘Arnela’ e ‘Embruxo Gaiteiros’.

A música continuará á noite, a partir das 22:00 horas, da man das orquestras París de Noia e Zona Zero nas Festas do Socorro de Carral.