O Concello de Carral abrirá o vindeiro 13 de xullo ás 9:00 horas o prazo de inscrición para os cursos de natación correspondentes ao mes de agosto, unha actividade que cada verán reúne a decenas de nenos e nenas no Complexo Deportivo Municipal.
A oferta inclúe un total de 70 prazas destinadas a rapaces e rapazas de entre 3 e 15 anos, que terán preferencia se están empadroados no municipio ou matriculados nalgún dos centros educativos da localidade. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 21 de xullo ás 14:00 horas, ou ata completar as prazas dispoñibles.
Os cursos desenvolveranse entre o 3 e o 31 de agosto, de luns a venres, en sesións de 45 minutos de duración, distribuídas en tres grupos horarios entre as 11:45 e as 14:00 horas. A organización dos grupos realizarase en función das idades dos participantes e dos niveis de aprendizaxe, co obxectivo de adaptar a formación ás necesidades de cada alumno.
As clases estarán impartidas por persoal especializado e permitirán tanto a iniciación á natación como a mellora das habilidades acuáticas dos participantes nun entorno seguro e supervisado.
As inscricións poderán formalizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Carral ou de forma presencial no Rexistro Municipal. O prezo da actividade será de 28 euros por participante.
Desde o Concello destacan a boa acollida que estes cursos teñen cada verán, consolidándose como unha das actividades deportivas máis demandadas durante o período estival e contribuíndo á promoción dos hábitos saudables e da aprendizaxe deportiva entre a poboación máis nova.















