O Concello de Carral volverá organizar este verán o seu tradicional Torneo de Tenis de
Verán, unha cita deportiva que alcanza a súa XVI edición e que supón a recuperación dunha
das competicións máis emblemáticas do calendario deportivo municipal.


A última edición do torneo celebrouse no ano 2018, coincidindo coa súa vixésimo quinta
convocatoria. Agora, en 2026, e unha vez acometidas as actuacións de mellora necesarias
para poñer a pista de tenis municipal en condicións óptimas para a práctica deportiva, o
Concello aposta por retomar esta histórica competición, moi arraigada entre os afeccionados
e afeccionadas ao tenis da localidade.


O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 4 de xullo e permanecerá activo ata o 18 de xullo.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación de maneira presencial no
Complexo Deportivo Municipal ou a través do formulario habilitado para este fin.


O torneo está dirixido a xogadores e xogadoras a partir dos 15 anos, cunha cota de inscrición
de 5 euros por participante. A competición desenvolverase entre o 20 de xullo e o 13 de
setembro, cun sistema de horarios flexible, xa que os encontros serán acordados polos
propios participantes para facilitar a súa organización.


A recuperación deste torneo chega nun momento especialmente positivo para o tenis en
Carral. Esta modalidade deportiva está a experimentar unha notable demanda, como
demostran os case vinte alumnos e alumnas inscritos na escola de verán de tenis, así
como o elevado nivel de utilización das instalacións municipais desde a súa reapertura,
rexistrándose un importante número de reservas por parte da veciñanza.


Desde o Concello de Carral destacan que a volta deste torneo responde ao interese crecente
pola práctica do tenis no municipio e ao obxectivo de seguir ampliando a oferta deportiva
local, recuperando ao mesmo tempo actividades que forman parte da historia deportiva
carralesa.

O Concello deu comezo esta semana aos cursos municipais de natación correspondentes ao mes de xullo, nos que participan un total de 54 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos.

A actividade, que se desenvolve na piscina municipal ao longo de todo o mes, forma parte da programación deportiva de verán impulsada polo Concello e ten como obxectivo favorecer a aprendizaxe da natación, mellorar as habilidades acuáticas e promover hábitos de vida saudables entre a rapazada.

O alumnado está distribuído en tres quendas en función da idade. A primeira está destinada aos participantes de maior idade, a segunda ao grupo intermedio e a terceira aos nenos e nenas máis pequenos. As clases teñen unha duración de 45 minutos e impártense en horario de mañá, entre as 11:45 e as 14:00 horas.

Dentro de cada quenda establécense, ademais, dous niveis —iniciación e perfeccionamento— co fin de adaptar as sesións ás capacidades e necesidades de cada participante. En todo momento, os grupos están atendidos por dous monitores e contan coa presenza dun socorrista, garantindo así o desenvolvemento da actividade nas máximas condicións de seguridade.

Desde o goberno local destacan a boa acollida que volven rexistrar estes cursos, unha proposta xa consolidada dentro da programación estival e que permite achegar a práctica deportiva e a aprendizaxe da natación á veciñanza máis nova.

Así mesmo, o Concello está a preparar xa os cursos de natación do mes de agosto. O prazo de inscrición abrirase o 13 de xullo ás 9:00 horas e permanecerá aberto ata as 14:00 horas do 21 de xullo. As solicitudes poderán tramitarse a través do rexistro municipal ou da sede electrónica.

Unha vez rematado o prazo de inscrición nos CURSOS DE NATACIÓN DO MES DE XULLO de 2026 que se impartirán entre o 1 e o 31 de xullo, publícanse ás LISTAS PROVISIONAIS das solicitudes admitidas, así como os diferentes GRUPOS E HORARIOS coas seguintes observacións:

  1. Os inscritos están ordenados alfabeticamente polo seu APELIDO.
  2. As prazas adxudícanse segundo a orde de inscrición tendo preferencia aqueles nenos/as empadroados ou matriculados en centros educativos en Carral.
  3. Para formalizar a inscrición é preciso facer o pago nas datas e forma establecidas previamente (do 29 ao 30 de xuño).

Máis de 600 persoas participaron, entre os meses de outubro e xuño, nas escolas deportivas municipais de Carral. O Concello está a poñer estes días o broche de ouro a nove meses de intensa actividade con clausura das escolas e, ademais, da IV Liga de Pádel, na que se enfrontaron 26 parellas.

O Concello está a pechar as diferentes actividades que integran a oferta deportiva municipal, que incluíu propostas para todas as idades como xogos predeportivos, atletismo escolar, patinaxe escolar, pádel, judo, ximnasia rítmica, ximnasia de mantemento (desenvolvida en varias parroquias), baloncesto, zumba e equitación. Entre as modalidades con maior participación destacan as clases de ximnasia de mantemento, con preto de 90 persoas rexistradas, seguidas de ximnasia rítmica, con 57 participantes; patinaxe escolar, con 40, e pádel, que reuniu a preto de 40 alumnos e alumnas.

O Concello traballa xa na próxima edición das escolas deportivas municipais. O proceso de inscrición está previsto para finais de agosto ou principios de setembro.

Liga de Pádel

A IV Liga de Pádel tamén chegou esta semana ao seu fin tras preto de catro meses de competición. Manuel Cortés e Rubén Rodríguez proclamáronse campións da categoría A, mentres que Joel Sarmiento e Diego Sarmiento conquistaron o título na categoría B, pechando unha edición na que se disputaron preto de 90 partidos desde o pasado mes de marzo.

A competición comezou cunha fase de grupos e continuou coas eliminatorias ata a celebración das finais, poñendo fin a unha edición que volveu destacar pola elevada participación e o alto nivel deportivo mostrado polas parellas participantes.

Recorda esta data, 8 de xullo. Será o día no que faremos unha excursión a Sanxenxo. Karts, tirolina, kayaks, circuitos arboreos e mais actividades de aventura é do que poderedes gozar todas e todos aqueles que teñades entre 14 e 17 anos. Se estás interesado/a, anota.

INSCRICIÓN:

  • Do luns 15 de xuño ás 9:00 h. (non se admitirán inscricións antes de esa data) ata ó 19 de xuño ás 19:30 h.
  • Enviar a inscrición-autorización por correo electrónico (omix@carral.es), Whatsapp (674.793.475) ou presencialmente no Local Interxeracional (luns-venres 16:30 – 19:30 h.)
  • 17 € (non facer o pago ata confirmación da praza).
  • Prazas limitadas. Por orde de inscrición.
  • Preferencia empadroados/as.

HORA:

  • Saída: 9:00 h.
  • Chegada: 21:00 h.

LUGAR:

  • Local Interxeracional (r/ Alcalde Juan Seijas, Carral)

O xoves 2 e venres 3 de xullo, entre as 11:30 e as 13:30 h, a OMIX de Carral, organiza no local Interxeracional, un obradoiro para aprender a facer podcast.

Nestas duas sesión, dun xeito divertido e ameno, aprenderas a gravar e editar un audio, a difundir un podcast, recibirás consellos de locución e vocalización e incluso prepararás e gravarás un micro programa, todo dunha maneira moi práctica o que fará que sexa moi entretido.

Para os/as nados/as entre 2011 e 2014 que esteades interesados/as, enviadenos a inscrición-autorización por whatsapp (674.793.475), por correo electrónico (omix@carral.es) ou presencialmente no Local Interxeracional (luns a venres de 16:30 a 19:30 h.).

Por certo! É totalmente gratuito, así que non te despistes porque as prazas son moi limitadas e son por orde de inscrición, con preferencia para os empradroados/as.

Rematado o prazo de inscrición nos CAMPAMENTOS DEPORTIVOS, expóñense publicamente ás LISTAS DAS SOLICITUDES ADMITIDAS E RESERVAS POR SEMANAS coas seguintes observacións:

  1. Os inscritos están ordenados alfabeticamente polo seu APELIDO.
  2. As prazas adxudícanse segundo a orde de inscrición tendo preferencia aqueles nenos/as empadroados ou matriculados en centros educativos en Carral.
  3. Para formalizar a inscrición é preciso facer o pago entre o 11 e o 17 de xuño (semanas da 1ª á 5ª) e entre o 16 e 22 de xullo (semanas da 6ª á 10) ven por transferencia bancaria ou ven mediante tarxeta bancaria na Casa da Cultura. De non facelo neste xeito o interesado perderá a praza adxudicada.

Xa está aquí o verán e con el a actividade mais lonxeva que organizamos desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil), a excursión ó aquapark de Cerceda, que este ano será o 26 de xuño, venres.

A saída, ás 11:15 h, e a chegada, as 19:30 h. será desde o local Interxeracional (R/ Alcalde Juan Seijas, nº 8, baixo) e poderase anotar a rapazada nada entre 2009 e 2018, por un prezo de 8 € por participante.

INSCRICIÓNS

  • Do 8 de xuño as 9:00 h. (non se admitirán inscricións antes) ata ó 11 de xuño as 19:30 h.
  • Enviar a inscrición-autorización por Whatsapp (674.793.475) e-mail (omix@carral.es) ou presencial no Local Interxeracional (luns-venres 16:30 – 19:30 h.).
  • Por orde de inscrición.
  • Non facer o pago ata a confirmación da praza.
  • Preferencia empadroados/as.

OBSERVACIÓNS

Levar a comida, protección solar, sandalias, traxe de baño, toalla e protección solar.

O Concello de Carral informa da finalización das obras de mellora e ampliación do Complexo Deportivo Municipal, unhas actuacións que permitiron modernizar e ampliar significativamente as instalacións destinadas á práctica deportiva, especialmente no que respecta ao ximnasio municipal.


Entre as principais melloras realizadas destaca a ampliación da zona de ximnasio en máis de 100 metros cadrados, así como a creación dunha nova sala de actividades dirixidas de 150 metros cadrados. Estas actuacións permitirán ofrecer un servizo máis cómodo, funcional e adaptado ás necesidades actuais das persoas usuarias, incrementando a capacidade e mellorando as condicións para a práctica deportiva.


Con motivo da reapertura das instalacións, o vindeiro sábado 6 de xuño terá lugar un acto institucional e de portas abertas no que a cidadanía, as persoas usuarias e os colectivos deportivos poderán coñecer de primeira man os novos espazos, as melloras executadas e a renovada distribución do complexo. Será a partir das 11.30 horas.


Co obxectivo de completar o traslado, montaxe e posta a piques de toda a maquinaria e equipamento deportivo desde o Pavillón Municipal do Espiño ata o Complexo Deportivo Municipal, será necesario suspender temporalmente a actividade do ximnasio durante os días 4 e 5 de xuño.


O servizo retomará o seu funcionamento habitual o luns 8 de xuño, xa nas instalacións renovadas do Complexo Deportivo Municipal e nos seus horarios habituais de apertura. Así mesmo, as clases de pilates volverán desenvolverse na nova sala de actividades dirixidas.


Durante os últimos meses, debido á execución das obras, a actividade deportiva desenvolveuse de forma provisional no Pavillón Municipal do Espiño para garantir a continuidade do servizo e minimizar as molestias ás persoas usuarias.

A proba, organizada conxuntamente polo Concello e a Comisión de Festas de Carral, terá lugar o sábado 20 de xuño e alcanzará a súa vixésimo terceira edición. A Casa do Concello acolleu esta semana a presentación oficial do cartel do evento. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, o técnico municipal de Deportes, Alberto Fragoso, e os representantes da Comisión de Festas Brais Concheiro, Mario Sande e Adrián Varela. Durante a súa ntervención, o edil de Deportes destacou a importancia de retomar unha cita “con moita historia e que sempre tivo boa aceptación entre a veciñanza”, sinalando ademais que a volta da Carreira Popular era “unha prioridade desde que accedemos ao goberno local”.

Categorías e percorridos

A XXIII Carreira Popular de Carral contará con categorías masculinas e femininas adaptadas ás distintas idades:

  • Pitufo e prebenxamín (nados entre 2019 e 2023): percorrido de entre 50 e 100 metros.
  • Benxamín (2017-2018): 900 metros.
  • Alevín (2015-2016): 900 metros.
  • Infantil (2013-2014): 1.800 metros.
  • Cadete (2010-2012): 1.800 metros.
  • Xuvenil (2007-2009): 8.500 metros.
  • Sénior (1990-2006): 8.500 metros.
  • Veteranos (1989 e anteriores): 8.500 metros.

A competición arrincará ás 11.00 horas con saídas graduadas segundo as categorías. Os últimos participantes en realizar a proba serán os das modalidades xuvenil, sénior e veteranos ás 12.00 horas. A liña de saída estará situada na rúa Víctor Velasco, mentres que a meta se situará no Campo dá Feira. A organización estableceu un límite máximo de 300 participantes entre todas as categorías.

Patrocinadores e colaboradores

Esta proba deportiva conta co patrocinio de importantes empresas da contorna sen as que sería moi dificil poder chegar a levar a cabo esta proba deportiva. Estas empresas son:

  • Coruña The Style Outlets
  • Panadería Da Cunha
  • e Marathon Running Shop

Tamén é preciso mencionar a colaboración dos voluntarios da Asociación Castelo Deporte para o control das estradas durante o transcurso da proba


Inscricións e recollida de dorsais

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o luns 25 de maio ata o 12 de xuño ás 23.59 horas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web de Champion Chip Norte. A entrega de dorsais realizarase en The Style Outlets de Culleredo entre os días 15 e 19 de xuño, en horario de 10.00 a 22.00 horas. Tamén poderán recollerse o mesmo día da proba, entre as 9.00 e as 10.00 horas, na mesa de organización.