O campo do Castro acollerá os próximos días 23 e 25 de maio a celebración da UDCUP 2026, un torneo de fútbol base en modalidade fútbol 8 organizado pola Unión Deportiva Carral e o Concello de Carral.

O evento contará coa participación dun total de 11 clubs e 24 equipos, distribuídos entre as diferentes categorías, e reunirá a máis de 300 nenos e nenas durante toda a fin de semana.

A competición arrincará o sábado, 23 de maio, xornada na que se disputarán os encontros das categorías prebenjamín e benxamín. Os partidos comezarán ás 9.30 horas e prolongaranse ata as 18.30 horas, momento no que se celebrará a entrega de trofeos aos equipos gañadores.

O torneo continuará o domingo, 24 de maio, coa participación das categorías alevín e biberón. Nesta segunda xornada, os encontros desenvolveranse entre as 10.00 e as 18.00 horas, concluíndo tamén coa entrega de trofeos.

Entre os clubs participantes nesta edición da UDCUP atópanse a Agrupación Deportiva Cristo Rey, o Club Deportivo Oza-Cesuras, o Atlético Coruña, o Club Atlético San Pedro, a Sociedade Deportiva Batallador, o OAR Imperator, o Sporting Cambre, a Sociedade Deportiva Relámpago del Viña, a Unión Deportiva Paiosaco e o Atlético Cercedense.

Carral será o único municipio da provincia da Coruña e unha das cinco únicas localidades galegas —xunto a Lugo, Sanxenxo, Ribadeo e Viana do Bolo— que acollerán este verán o Campus do Atlético de Madrid. A Casa do Concello viviu, esta mañá, a presentación da actividade a cargo do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, do edil de Deportes, Óscar Bodelo, do presidente da Unión Deportiva Carral, Alfredo Méndez Barbeito, de Borja Gestal Caridad, da U.D. Carral, e do coordinador do campus en Galicia, Borja Collar Amado.

Durante a súa intervención, o edil de Deportes destacou “o orgullo que supón para Carral contar con actividades deportivas destas características e impulsadas por entidades de recoñecido prestixio no panorama nacional”.

O campus está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 16 anos e desenvolverase entre o 29 de xuño e o 4 de xullo no campo municipal Borja Rodríguez Ans. As actividades celebraranse de luns a sábado, en horario de 9.30 a 14.00 horas.

Ao longo da semana, os participantes realizarán adestramentos específicos, sesións de tecnificación e mellora individual, ademais de diferentes actividades lúdicas. O programa incluirá tamén a visita de adestradores da Academia do Atlético de Madrid.

Unha programación completa coa que se busca un claro obxectivo: fomentar a aprendizaxe e a diversión durante o período estival, utilizando o fútbol como ferramenta para transmitir valores entre os máis novos.

Ao finalizar o campus, os participantes recibirán un diploma acreditativo, equipamento oficial e distintos recordos vinculados ao club madrileño.

A cota xeral de inscrición será de 235 euros. Os antigos participantes poderán beneficiarse dunha tarifa reducida de 220 euros, mentres que o prezo para socios da U.D. Carral e para irmáns de asistentes de edicións anteriores será de 210 euros. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado pola organización.

O Concello de Carral celebrará o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, a primeira edición do Torneo de Xadrez das Letras Galegas, unha nova cita deportiva que terá lugar a partir das 16.00 horas no Pavillón do Espiño.


A competición, organizada polo Concello a través da Concellería de Deportes, nace tras o éxito e a boa acollida doutros eventos xa consolidados no municipio, como o Torneo de Verán e o Torneo de Nadal, que nas súas últimas edicións rexistraron un crecente interese e participación.


Para esta primeira edición espérase reunir a ao redor de 50 xogadores e xogadoras procedentes de distintos puntos da provincia da Coruña, cunha capacidade máxima prevista de 60 participantes.


O torneo disputarase mediante o sistema suízo, con partidas rápidas de 30 minutos e un total de sete roldas, nunha xornada que terá unha duración aproximada de catro horas. As persoas participantes competirán nas categorías Sub-10, Sub-14, Absoluta e Mellor Local. Ademais, haberá trofeos para as tres primeiras persoas clasificadas en cada unha das categorías.


Con esta iniciativa, desde a Concellería de Deportes búscase fomentar disciplinas minoritarias como o xadrez, á vez que se promove a convivencia, o deporte basee e a participación en actividades vinculadas a unha data tan significativa para a cultura e a identidade galegas como é o Día das Letras Galegas.


As inscricións poden realizarse de forma presencial no complexo deportivo municipal ou a través dun formulario dispoñible na páxina web e nas redes sociais municipais.

A Asociación Brexa Custodia doTerritorio presenta o proxecto Feal – O Monte, no que se realizará unha andaina divulgativa o próximo 2 de maio a partir das 10:00 horas.

Contará cun percorrido de 7 quilómetros de dificultade moderada con saída desde o polígono industrial dos Capelos.

Inscricións abertas en https://brexa.es/inscripcion-na-andaina-de-presentacion…/.

Máis información no correo brexa.asociacion@gmail.com e no 667 025 903.

O Concello de Carral, en colaboración co Club de Ximnasia Rítmica de Carral, celebrará o próximo 19 de abril o XXIII Certame Municipal de Ximnasia Rítmica, unha actividade plenamente consolidada dentro da programación deportiva de primavera do municipio.

O evento está programado en horario de 10.00 a 14.30 horas no pavillón municipal do Colexio Vicente Otero Valcárcel. O cambio de localización débese á ocupación do ximnasio do pavillón municipal de O Espiño.

Este certame municipal de ximnasia rítmica é un evento de carácter non competitivo, concibido como unha exhibición e mostra deportiva na que participan distintas escolas e clubs de ximnasia rítmica da comarca e da provincia, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e a convivencia entre entidades.

Está prevista a participación de ao redor de 250 ximnastas pertencentes ao Club de Ximnasia Rítmica de Carral, a Escola Municipal de Ximnasia Rítmica de Carral, a Escuela de Gimnasia Rítmica de Ordes, a Escuela Municipal de Abegondo, o Colegio Obradoiro, o Club de Gimnasia Rítmica As Pontes e o Colegio Internacional Eirís

A ximnasia rítmica é unha das disciplinas deportivas con maior implantación no municipio de Carral, onde conta cun club local con máis de 60 licenzas federativas, así como cunha Escola Municipal que reúne a preto de 70 nenas rexistradas.

Ao longo das súas vinte e tres edicións, o Certame Municipal converteuse nunha cita de referencia dentro do calendario deportivo local, consolidándose como un dos eventos habituais das primaveras deportivas do municipio.

O Concello de Carral pon en marcha o programa ‘Carral en Equipo’, unha iniciativa de dinamización social e deportiva que ten como finalidade promover o coñecemento, a visibilidade e a posta en valor das distintas disciplinas deportivas máis numerosas existentes no municipio. A través desta proposta, búscase fomentar a implicación activa da veciñanza, incentivando a asistencia como público a competicións de relevancia nas que participan clubs e entidades deportivas locais.

O programa contribúe tamén a reforzar o tecido asociativo deportivo, fortalecendo o sentimento de pertenza e a identidade colectiva arredor do deporte de base e competitivo, ao tempo que promove a participación interxeracional e o apoio aos equipos de Carral. Neste sentido, ‘Carral en Equipo’ pretende consolidar unha comunidade máis cohesionada arredor da actividade deportiva.

Un dos aspectos centrais da iniciativa é a súa aposta polo deporte feminino, xa que os desprazamentos programados están vinculados a competicións protagonizadas por equipos ou disciplinas maioritariamente femininas. O obxectivo é avanzar na igualdade e incrementar a visibilidade destas disciplinas, contribuíndo así a un maior recoñecemento do deporte feminino.

Neste marco, o Concello organizará viaxes gratuítas en autobús, cun número limitado de prazas, para facilitar que veciños e veciñas poidan asistir como público a diferentes citas deportivas. O programa arrinca o vindeiro 18 de abril en Nigrán (Pontevedra), cun desprazamento para apoiar ao Club de Ximnasia Rítmica de Carral nun torneo galego.

Ademais, están previstas outras dúas saídas: o 3 de maio a Gondomar (Pontevedra), para acompañar á UD Carral Feminino, e o 5 de xullo ao Carballiño (Ourense), para apoiar ao Club Patinaxe Alquimia Carral.

As inscricións para cada unha das viaxes realizaranse nos días previos no Complexo Deportivo, a través do correo complexo.deportivo@carral.es ou do teléfono 678 33 88 47, ata completar as prazas dispoñibles.

O vindeiro sábado 11 de abril, en horario de tarde, terá lugar a inauguración da pista municipal de tenis de Carral, nun acto aberto á cidadanía e concibido para achegar este deporte a veciños e veciñas dunha forma dinámica e participativa.


Para esta xornada contarase coa colaboración do Club Escuela de Tenis Marineda, que será o encargado de dinamizar a actividade mediante unha sesión práctica de tenis dirixida a todos os públicos, combinando exhibición e participación das persoas asistentes.


A actividade desenvolverase entre as 17.00 e as 18.30 horas e dará comezo cunha breve presentación, acompañada dunha demostración inicial a cargo dun grupo de xogadores e xogadoras en idade xuvenil, que realizarán un exemplo de inicio dunha sesión de adestramento con exercicios de quecemento físico e específico de tenis.


A continuación, terá lugar unha demostración práctica de adestramento de golpes de fondo e de rede, protagonizada polos xogadores e xogadoras dos equipos cadetes do club. Posteriormente, desenvolverase un exercicio centrado no adestramento do saque, seguido dun exemplo de xogo final no que se recrearán situacións reais de partido, incluíndo puntos con saque e resto.


A xornada finalizará cunha foto de grupo na que participarán tanto os xogadores e xogadoras como as persoas asistentes.


Esta actividade está concibida cun carácter participativo, de xeito que, en función do número de asistentes e da súa disposición, o público poderá tomar parte nos diferentes xogos e exercicios propostos.


En caso de menor afluencia, a xornada desenvolverase en formato de exhibición por parte dos xogadores e xogadoras cadetes, ofrecendo un espectáculo deportivo de gran atractivo polo seu nivel de xogo.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, elevará ao pleno do xoves os orzamentos de Carral do 2026. O documento do exercicio ascende a 6.921-901,26 euros, o que supón un crecemento de preto do 10% respecto ao último (de 6.321.018,87 euros). Trátase, como avanza o rexedor, dos orzamentos máis “altos da historia do municipio”. Con todo, a cifra total non é a única que despunta, senón que a esta hai que sumar tamén o dato relativo ao capítulo de investimentos, que sobe un 38,43% en comparación co orzamento de 2024, chegando a 1.437.523,64 euros. Todo isto mantendo unha forte aposta pola área de Servizos Sociais, cuxo gasto total é de 1.121.964,44 euros.

A confección do documento foi unha das pedras angulares do traballo do goberno local nos últimos meses: “era unha das prioridades que me marquei cando accedín á Alcaldía, porque un concello en pleno crecemento non pode permitirse carecer dun orzamento municipal axustado ás necesidades da veciñanza”. Como explica, “o último aprobárase no ano 2024, polo que o noso labor non foi de actualización, senón que se baseou en deseñar unha proposta ambiciosa, pensando no futuro de Carral”.

Investimentos

O apartado de investimentos chega ata 1.437.523,64 euros, e nel inclúense numerosas actuacións de reforzo das condicións de seguridade viaria como as seguintes: mellora do firme do camiño entre A Barciela e Balbén, a obra na rúa O Quenllo, a construción de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila ou as actuacións para acondicionar a infraestrutura viaria no polígono. A estas hai que sumar outros investimentos para dispoñer e mellorar espazos de encontro veciñal: adquisición de terreos e instalación dunha pista multideportiva en San Vicente de Vigo, infraestrutura verde para a conexión coa área recreativa do río Brexa e a mellora e actualización da contorna de Costa dá Égoa.

Axudas

Outro dos capítulos que experimentou unha subida considerable é o de transferencias correntes. Así, con respecto ao documento aprobado en 2024, o apartado viuse aumentado nun 13%. Neste caso, o Concello consigna 256.878,50 euros na proposta de 2026 fronte aos 227.329,19 do de 2024 para asumir as subvencións por bolsas de estudo, a asociacións e entidades e de emerxencias sociais. O capítulo de gastos correntes subiu tamén un 5,01% (2.790.219,94 euros), unha contía coa que o goberno local busca recoller os créditos suficientes para cumprir coas obrigacións do Concello e para poder licitar, ademais, contratos en precario como o do servizo de limpeza viaria e xardinería e a prestación da iluminación pública.

Asimismo, este apartado rexistra un aumento tamén debido ao incremento dos servizos asistenciais prestados desde os Servizos Sociais. O documento económico foi acordado cos dous concelleiros non adscritos, Francisco Bello e Mercedes Caridad.

O Concello de Carral convoca unha nova edición do seu certame de poesía, un dos máis prestixiosos da literatura galega.

A obra gañadora será publicada en Edicións Espiral Maior e o seu autor ou autora recibirá un premio económico de 3.500 €. Os poemarios deberán estar escritos en galego, deberán ser orixinais e inéditos e ter unha unha extensión mínima de 500 versos.

O prazo límite para presentar as obras é o 20 de marzo de 2026. O xuri tomará a decisión da obra gañadora no mes de maio e o acto de entrega do premio, que ademais é o de presentación do libro Especies invasoras de Branca Trigo, que foi a vencedora na edición do pasado ano, será o venres 5 de xuño, no que será obrigatoria a presenza da persoa gañadora.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia colabora no desenvolvemento do concurso.

As dúbídas pódense consultar en cultura@carral.es ou no teléno 981 672 580. As bases están dispoñibles premendo neste vencello.

O alcalde de Carral, #osé Luis Fernández Mouriño, e os concelleiros Óscar Bodelo, Fran Bello, Patricia López, Isabel López e Cristina Casal, recibiron este luns ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, nunha visita institucional centrada en varias actuacións prioritarias en materia deportiva.


A visita comezou na pista deportiva exterior situada xunto ao pavillón O Espiño, onde o conselleiro comprobou as melloras executadas co apoio da Xunta de Galicia. A través da Orde de infraestruturas de uso público de 2025, o Goberno galego destinou 35.000 euros a esta actuación, que incluíu o revestimento e marcado de liñas conforme á normativa federativa, a instalación de iluminación LED na zona cuberta e un novo cadro eléctrico, cun orzamento total de 50.000 euros.


Posteriormente, a comitiva desprazouse ao campo de fútbol Borja Rodríguez Ans, onde se analizou a situación da instalación e a necesidade de executar as demandadas bancadas. O Concello traballa actualmente para poder levar a cabo esta actuación mediante un convenio coa Xunta de Galicia.


En relación co pavillón O Espiño, o Concello de Carral está a tramitar un Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas (PEID) que permitirá modificar a cualificación do chan e facer posible a ampliación da instalación.


O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, sinalou que se trata dun paso “necesario para executar un proxecto esencial para incrementar os usos do pavillón”.

O rexedor agradeceu a visita e a disposición mostrada polo conselleiro Diego Calvo, destacando “a implicación e a sensibilidade da Xunta de Galicia coas necesidades reais dos concellos”, e subliñou a importancia da colaboración institucional para sacar adiante proxectos “moi demandados pola veciñanza”.