A concellería de deportes agarda a uns 50 inscritos para este clásico torneo do 22 de decembro. Read more
Carral abre este mércores, 11 de decembro ás 9:00 h, o prazo de inscrición nos campamentos de Nadal, un programa co que o Concello busca favorecer a conciliación entre as familias do municipio. O período de inscrición estará aberto ata o 18 de decembro ás 12.00 h, dándolles aos veciños e veciñas a posibilidade de inscribir aos nenos e nenas nalgunha/s das 2 semanas que se ofertan dende o 23 de decembro ata o 3 de xaneiro.
Como nas últimas edicións, o Concello mantén o horario ampliado destas actividades. Deste xeito, os pequenos e pequenas poderán ser atendidos entre as 7.30 ata as 16.00 horas xa que, ademais das propias actividades dos campamentos (10.00-14.00 h), o Concello ofrece servizos opcionais de Madrugadores (de 7.30 a 10.00 horas) e de tempo de xantar (de 14.00 a 16.00 horas).
Estes campamentos, dirixidos a rapaces e rapazas de Ed. Infantil e Ed. Primaria, levaranse a cabo durante as vacacións de Nadal en quendas semanais (2) e terán unha temática deportiva, con especial atención aos deportes de inverno e as disciplinas locais. Ofertaranse 60 prazas/semana, tendo preferencia os nenos e nenas empadroados ou os que acudan aos centros de ensinanza de Carral.
O prezo destes campamentos é de 30,00 €/semana, e o prezo polo uso do servizo opcional de madrugadores (7:30-10.00 h)/tempo de xantar (14:00-16:00): 9,25 €/semana.
As persoas interesadas poderán tramitar a inscrición cubrindo o boletín dispoñible na páxina web do Concello ou, se o prefiren, cubrindo o formulario online disposto para tal fin. Como noutras convocatorias, as persoas interesadas terán a posibilidade de inscribir aos nenos e nenas por semanas soltas. Máis información na Casa da Cultura de Carral – casadacultura@carral.es – 981.67.25.80.
O Concello de Carral resultou beneficiario da subvención solicitada á Consellería de Política Social e Igualdade.
Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI436A, SI435A e SI427B).
Este programa está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.

En cumprimento do punto 3.d das bases reguladoras da convocatoria da “Campaña da Neve da Deputación da Coruña para o ano 2025”,, comunícase a todos os interesados que o MÉRCORES 4 DE DECEMBRO, ÁS 10.00 H NO SALÓN MUNICIPAL DE PLENOS terá lugar o SORTEO PÚBLICO DAS 6 PRAZAS ADXUDICADAS A ESTE CONCELLO, ASÍ COMO A ORDE DOS SUPLENTES.
Aquí podedes consultar as bases do sorteo
Carral ofrecerá, ao longo do mes de decembro, unha nova edición do seu programa de espectáculos infantís ‘Papeques’, dirixido aos nenos e nenas do municipio durante este Nadal.
A programación arrincará o vindeiro 5 de decembro, e prolongarase ata o 20 de decembro. Ao longo das vindeiras semanas, os pequenos e pequenas poderán gozar de funcións de teatro, contacontos, cine e maxia.
A primeira actividade terá lugar o xoves, 5 de decembro ás 18.00 horas, no edificio Toñito Espiñeira. A compañía Pérez&Fernández tráenos o ‘Rosa e Azul’, un contacontos dirixido ao público familiar que quere gozar das novas narrativas da literatura infantil.
O programa continuará o sábado, 7 de decembro ás 18:00 horas, no edificio Toñito Espiñeira con “CABICIVAI” de Pablísimo. O xoves 12 de decembro, ás 19.00 horas, terá lugar a proxección da película “La Navidad en sus manos” na Casa da Cultura.
A primeira función teatral terá lugar o venres 13 de decembro, ás 19:00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio. A interpretación correrá a cargo da Asociación Teatral Paso de Valverde con “Os Contos Clásicos de Tía Carolina”. Un día despois, a agrupación Pedras de Cartón realizará a función ‘Contos de William Shakespeare’, o sábado 14 de decembro, ás 18.00 horas, no edificio Toñito Espiñeira.
O calendario continuará coa obra ‘O que non sabías do Nadal’, da compañía Trinketrinke Teatro, que terá lugar o xoves, 19 de decembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura. Para esta función será preciso reservar praza chamando ao 981 672 580.
Este ciclo pecharase coa ‘Gala de Maxia’ de Dani García. Será o venres, 20 de decembro ás 19:30 horas no local Xente Nova de Tabeaio.
Todas as actividades, agás a do 19 de decembro, serán de libre acceso ata completar aforo e desde o Concello prégase puntualidade para non interrumpir o desenvolvemente dos espectáculos.
‘Papeques’ conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural, e co apoio do Instituto para a Transición Justa e a Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN) a través do programa Dinamiz-artj.





O Concello de Carral ten adxudicadas 6 prazas para a Campaña de Esquí 2025. Read more
O Concello de Carral abre un segundo prazo de inscrición no programa das escolas deportivas e socio- educativas para aquelas actividades nas que quedaron prazas vacantes. Son un total de 95 novas prazas para un total de 18 actividades/grupos. Os interesados poderanse inscribir nas ofertadas dende ás 9.00 h do luns 7 de outubro.
O prazo pecharase o día 10 de outubro ás 14.00 h. Os alumnos/as inscritos serán contactados polos departamentos municipais correspondentes e poderán incorporarse ás correspondentes actividades dende o luns 14 de outubro.
O teatro cobrará protagonismo na recentemente estreada nova estación. Da man dunha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono, o local Xente Nova de Tabeaio acollerá a representación de 12 funcións. Estas levaranse a cabo ao longo dos meses de outubro e novembro, ofrecendo propostas para os veciños e veciñas de todas as idades. A primeira levarase a cabo este venres, 4 de outubro, ás 20.30 horas.

A compañía Constraproducións será a encargada de inaugurar o programa con Apaga o candil (venres, 4 de outubro, ás 20.30 horas). A obra conta a historia do encontro entre o d’O Xestal e outro home miúdo e melancólico, a morte. Nun primeiro momento, o protagonista resístese a seguila pero, finalmente, remata por establecerse unha dinámica e amena tirapuxa entre ambos os personaxes.
Unha semana despois, Teatro do Miolo tomará o relevo con Saíndo do cerco (venres, 11 de outubro, ás 20.30 horas). Nela cóntase a historia de Suso, o novo residente dun centro asistencial de maiores que cre que a estas alturas, xa non merece a pena vivir. Todo cambia cando coñece a Amalia, que lle axudará a atopar de novo o sentido da vida.
Ao día seguinte (sábado, 12 de outubro 19.00 horas), e como parte do Festival de Galicreques, Titerefué e Titiritainas Teatro de Títeres chegará a Tabeaio con Diente de leche. Está dirixida a nenos e nenas maiores de 4 anos que descubrirán a misión do Rato Pérez: recoller os dentes de leite que as nenas e nenos deixan baixo das almofadas para convertelos en estrelas.
O auto do castromil será a seguinte representación o venres, 18 de outubro, ás 20.30 horas. Neste traballo de Producións Teatrais Excéntricas, a historia acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Mentres os viaxeiros dormen e o condutor fai o seu traballo, as maletas amotínanse e cobran vida para repasar unha curiosa historia de Galicia.
O venres, 25 de outubro, ás 20.30 horas Malasombra levará aos escenarios Testosterona, onde o director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dalgún dos seus subdirectores: unha muller ou dous homes. A obra reflexiona sobre as razóns que influirán nesa decisión.
Emotivas, de Titiritres, será a seguinte proposta do Ciclo de Teatro de Outono, encadrada tamén no Festival de Galicreques (sábado, 26 de outubro, ás 19.00 horas). Na obra, Melancolía, Irritación e Seguridade descubrirannos o que son as emocións, como nos fan sentir e o divertidas e complexas que son.
Programación de novembro
O Concello inaugurará o mes con Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana (venres, 1 de novembro, ás 20.30 horas). Nela cóntase a historia de Iphixenia, unha nini de barrio que pasa os días nun bucle de alcol e apatía. Porén, esta dinámica cambia cando coñece a un rapaz distinto dos demais e que lle fai sentir que non está soa.
Made in Galicia, de Sarabela Teatro, aterrará en Tabeaio o venres, 8 de novembro, ás 20.30 horas. Trátase dunha comedia sobre o uso do galego que mestura a divulgación, a ironía e a realidade dun xeito perfecto.
Teatro Arroutada de Carral volverá actuar no Ciclo de Teatro o venres, 15 de novembro, ás 20.30 horas. Nesta ocasión, con Chicago, na que se conta a historia de Roxie Hart, unha muller que soña con subir ao escenario do Club Onyx pero que remata no cárcere tras ser acusada de asasinar ao seu amante. Alí coñece á súa admirada Velma Kelly, unha estrela do jazz condenada tamén por matar ao marido e á irmá. As vidas de ambas as dúas mulleres acaban entrelazándose.
A Tropa do Rueiro de Tabeaio (teatro amador) tomará a remuda o 16 de novembro, ás 20.30 horas, con La profecía. Precisamente, a historia transcorre nunha vila onde hai unha profecía: o home máis rico morrerá á medianoite. Casualmente, ese é o alcalde, que recorrerá aos seus concelleiros para que lle axuden a atopar unha solución ao problema.
Roi Borballas chegará ao municipio con Solo, onde o artista reflexionará sobre os pensamentos e sensacións dun actor sen o seu público, dun pallaso cando ninguén o observa. Será o venres, 22 de novembro, ás 20.30 horas.
Crisálida, de Caramuxo Teatro, pechará a nova edición o venres, 29 de novembro, ás 20.30 horas. A función está baseada en feitos reais, descubrindo a historia dunha mercería que leva ese nome e que ten xa máis de 80 anos de existencia.
A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala.
Carral abriu hoxe, luns 9 de setembro, o período de inscrición das Escolas Municipais para o curso 2024-2025. A oferta inclúe unhas 40 actividades promovidas tanto polo Concello como por distintas asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio. Como noutras ocasións, a convocatoria abarca propostas deportivas, culturais, educativas e de Servizos Sociais dirixidas a veciños e veciñas de todas as idades.
As Escolas Municipais contan coas seguintes iniciativas:
- Atletismo: para nenos e nenas nados no 2020 e en anos anteriores.
- Ximnasia rítmica: para nados no 2020 e anteriores.
- Patinaxe: para nados no 2020 e anteriores.
- Judo: para nados no 2020 e anteriores.
- Equitación: para persoas a partir de 7 anos e tamén para adultos.
- Baloncesto: para rapaces e rapazas a partir dos 6 anos.
- Pádel: a partir de 8 anos.
- Zumba: o programa está dirixido para persoas a partir dos 12 anos.
- Ximnasia de mantemento en Carral
- Ximnasia de mantemento nas parroquias
- Actividades escolares: servizo de madrugadores e concilia día a día, robótica, debuxo e pintura, Fun english, informática, baile moderno e cociña divertida.
- Dentro da Escola Municipal de Música ofrécense tamén música e movemento (para nados entre o 2018 e o 2021) e clases de piano, guitarra (española/eléctrica), batería, etc. Para nenos e nenas e adultos (nados no 2016 e anteriores).
- Fútbol sala e balonmán da man da U.D. Carral.
- Tiro con arco por parte dos Arqueiros do Adarve.
- Tiro Olímpico da man do Club de Tiro Olímpico de Carral.
- Ximnasia de mantemento, risoteriapia/baile animación, pilates-ioga, ‘actívate’, guitarra e clases de cociña para nenos e nenas organizadas pola AA.VV. Río Barcés.
- Bailes latinos en liña, costura, corte e confección, calceta e gancho e ioga organizadas pola Asociación Mulleres Rurais.
- Música tradicional e pandeireta, teatro e labores por parte da AA.VV O Rueiro de Tabeaio.
As persoas interesadas poderán anotarse ata o 18 de setembro ou ata o remate das prazas da actividade ou grupo. Deberán presentar a súa solicitude presencialmente na Casa da Cultura ou en liña a través da sede electrónica ou na sección de Escolas Municipais da páxina web. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. O inicio das propostas será na primeira semana de outubro.
O Concello de Carral resultou beneficiario da subvención solicitada á Consellería de Política Social e Igualdade.
Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI436A, SI435A e SI427B).
O programa estpola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.

• As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 18 de setembro.
• Ofertaranse actividades para diferentes idades en distintas categorías: deportes, educación e servizos sociais.
O Concello de Carral presenta a súa programación de escolas municipais que inclúe, un ano máis, diferentes actividades para todos os gustos e idades.
O período de inscricións abriuse hoxe, luns, ás 09:00 horas e estará activo ata o 18 de setembro. Poderá pecharse antes se se completan todas as prazas da modalidade.
As prazas son limitadas e as solicitudes poderán presentarse presencialmente na Casa da Cultura, a través do formulario web habilitado para tal fin na web https://carral.es/escolas-municipais/ e a través da sede electrónica.
As formacións darán comezo a primeira semana de outubro, sendo responsabilidade do alumnado informarse nas dependencias municipais das datas, horas e lugares concretos das súas actividades.
A cota xeral será de 14 euros mensuais por persoa e actividade ou de 15 euros para aquelas que inclúen tres horas semanais. O prezo da Escola de Música é de 40 euros mensuais.
Haberá bonificacións para as familias numerosas, para persoas da terceira idade ou con discapacidade e para as voluntarias de Protección Civil. Todos elas terán un desconto de tres euros ao mes por actividade.
Deportes
Atletismo, ioga, patinaxe, rítmica e judo son as modalidades ofrecidas para os máis pequenos e pequenas no pavillón do colexio durante o horario escolar.
Equitación, baloncesto e pádel serán as opcións para o público xeral.
Pola outra banda, os adultos terán á súa disposición clases de zumba e ximnasia de mantemento. Ademais, durante este curso ofreceranse, a través do departamento de Deportes, cursos de iniciación a diferentes modalidades deportivas.
Educación
O CEIP Vicente Otero Valcárcel volverá contar con servizo de madrugadores, de 7:30 a 9:20 horas, e de conciliación, de luns a venres de 15:20 a 16:20 horas.
O centro acollerá tamén distintas actividades extraescolares entre as que se inclúen: robótica, debuxo e pintura, inglés, informática, baile moderno ou cociña.
Ademais, a escola municipal de música continuará coa súa formación de música e movemento nas mesmas instalacións.
Asociacións
As asociacións ofrecerán diferentes opcións deportivas e culturais para os veciños e veciñas das parroquias.
O Concello de Carral resultou beneficiario da subvención solicitada á Consellería de Política Social e Igualdade.
Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI436A, SI435A e SI427B).
O programa estpola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.
















