O Concello continúa avanzando para mellorar as dependencias educativas do municipio. Trátase dun compromiso que quedou referendado, esta semana, co inicio de dous proxectos: as obras na Galiña Azul e o proxecto para substituír a carpintaría exterior e acondicionar o interior do CEIP de Tabeaio. Este último arrincou nos últimos días e permitirá dar resposta “ás demandas que a comunidade educativa leva tempo trasladando”, tal e como sinalaron o concelleiro de Obras, Óscar Bodelo, e a concelleira de Educación, Cristina Casal, durante unha visita ao colexio para comprobar o inicio destes labores. Os traballos suporán, non só unha mellora das instalacións en si, senón que tamén contribuirán a incrementar a eficiencia enerxética do edificio e a garantir un maior confort para o alumnado e o profesorado.

Para lograr estes obxectivos, o Concello renovará la carpintaría exterior que, na actualidade, é de aluminio sen rotura de ponte térmica, constando dun acristalamento sinxelo e caixón de persiana de madeira. A maiores, substituiranse as portas e executarase un falso teito novo a base de ferros de cartón xeso con illamento de la de roca. As intervencións incluirán, ademais, a instalación da nova iluminación.

As actuacións, que contan cun prazo de execución dun mes, puxéronse en marcha en agosto para evitar interferencias na actividade lectiva do centro. O proxecto execútase cun orzamento de 41.135,60 euros con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, visitou esta mañá, xunto ao xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, a escola infantil pública A Galiña Azul con motivo do inicio das obras de mellora que se executarán no centro. Ao encontro asistiron tamén as concelleiras Isabel López, Cristina Casal e o edil Óscar Bodelo. As actuacións, financiadas cunha axuda da Xunta de Galicia de preto de 30.000 euros, permitirán construír un novo almacén exterior para o almacenamento de xoguetes e outros materiais. Ademais, cubrirase o patio exterior, conectando a cuberta xa existente con este novo espazo, o que permitirá ampliar a superficie de uso do alumnado e mellorar a funcionalidade das instalacións.


O primeiro edil subliñou a importancia destes traballos, indicando que son froito “da colaboración entre ambas as as institucións e que redundarán no beneficio de toda a comunidade educativa”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para agradecer a implicación da Xunta de Galicia e, en particular, da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, para “atender as peticións que lles trasladamos desde o Concello”.

As melloras que se executarán no centro enmárcanse nun programa de actuacións dirixido a escolas infantís públicas de titularidade municipal e autonómica de toda Galicia. No caso de Carral, as obras contarán cunha axuda de 30.000 euros. O alcalde destacou que este financiamento é “esencial para continuar mellorando as infraestruturas educativas do municipio, especialmente tendo en conta o crecemento que está a experimentar Carral coa chegada constante de máis familias con nenos e nenas en idade escolar”.

O Concello de Carral publica a acta da comisión de valoración da solicitude de axudas ao estudo municipais do curso 2025/2026.

O prazo de alegación será de 10 días hábiles.

Máis información no 981 613 520 e en educacion@carral.es.

Carral involucrará aos veciños e veciñas no futuro uso da ampliación do Campo da Feira. O goberno local acaba de poñer en marcha unha enquisa en liña a través da que a cidadanía poderá trasladar as súas preferencias e propostas sobre os novos servizos ou equipamentos que podería albergar este espazo tras a recente ampliación.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, anima anima aos carraleses a “facer as súas propostas e dar a súa opinión, contribuíndo a seguir sumando servizos e usos no núcleo urbano”. Pola súa banda, a concelleira de Sanidade, Educación e Emprego, Cristina Casal, explica que “o Campo da Feira é uns dos lugares máis concorridos diariamente e por veciños e veciñas de todas as idades, polo que a nosa idea é continuar sumando máis usos a este espazo”.

Grazas á cesión de terreo realizada pola promotora dos inmobles situados na contorna, o Campo da Feira gañou ao redor de 650 metros cadrados adicionais. Agora, o goberno local busca definir cal é o uso máis adecuado para esta área.

Entre as opcións que se barallan atópanse a creación dunha pista multideporte ao aire libre, unha zona para patíns e/o patinetes ou un espazo de descanso con mesas e mobiliario urbano.

Desde o goberno local subliñan que o proceso participativo permanecerá aberto a novas iniciativas expostas pola cidadanía sempre que estas sexan compatibles coas características do espazo. Neste sentido, como apuntan, non se poderán instalar estruturas fixas para garantir a convivencia entre o uso diario do recinto e as actividades que acolle o Campo da Feira ao longo do ano, especialmente durante as celebracións e eventos nos que se instalan escenarios ou outros elementos.

As persoas interesadas en participar poderán facelo ata o luns, 15 de xuño, a través do formulario da páxina web municipal ou depositando a súa proposta na urna habilitada na Casa do Concello. Quen expoña as súas iniciativas en liña deberán elixir entre algunha das opcións expostas desde o Concello ou facer a súa propia proposta.

Enquisa en liña

O Concello de Carral publica a información relativa ás axudas ao estudo para o curso 2025/2026. O prazo de solicitude estará dispoñible desde o mércores, 13 de maio, ata o 2 de xuño.

Poderán beneficiarse destas bolsas os estudantes empadroados no municipio e que cursen 2º ciclo de Educación Infantil, Educación postobrigatoria (FP, Bacharelato ou similares), FP Básica e estudos universitarios oficiais (graos e másteres).

Estas axudas servirán para financiar a adquisición de libros de texto, material escolar, gastos de comedor, transporte e taxas e matrículas.

Podedes consultar as bases na sede electrónica do Concello e o extracto das mesmas no Boletín Oficial da Provincia.

Máis información no correo electrónico no departamento de Educación a través do teléfono 981 613 520 e no correo educacion@carral.es.

O Concello de Carral mantivo un encontro no propio CEIPP Vicente Otero co director territorial de Educación, Santiago Freire, para analizar a situación do centro e estudar posibles vías de ampliación, unha necesidade trasladada pola propia comunidade educativa ante o incremento de alumnado.


Na reunión participaron o alcalde, José Luis Fernández Mouriño; os concelleiros Cristina Casal e Francisco Bello; a directora do centro, Nerea Paz; e representantes do ANPA, como Mari Nieves Silveira, presidenta; Beatriz Otero, vicepresidenta; e María Varela, vogal. O equipo directivo expuxo a necesidade de ampliar as instalacións debido ao crecemento da poboación en Carral e ao aumento de solicitudes de matrícula, que mesmo continúan chegando unha vez iniciado o curso. As previsións apuntan a que o colexio podería pasar a ser de tres liñas nun futuro próximo, e mesmo seguir crecendo.


Ante esta situación, o Concello mostrou a súa total disposición a apoiar as demandas do centro. O alcalde subliñou o compromiso municipal coa comunidade educativa: “Dende o Concello imos apoiar ao centro e á comunidade educativa para dar resposta a esta demanda real, porque é unha prioridade garantir unhas instalacións axeitadas para o alumnado”, afirmou.


Opcións de ampliación


Durante a reunión analizáronse distintas alternativas para levar a cabo a ampliación e crear máis aulas para o alumnado. A directora do centro explicou que a opción máis viable pasa por aproveitar o espazo das antigas vivendas de profesorado: “A proposta das vivendas permitiría reorganizar o centro, trasladando servizos como o comedor e liberando espazos actuais para aulas, sen perder zonas comúns”, sinalou.


Pola súa banda, o director territorial de Educación, Santiago Freire, explicou que se estudarán todas as alternativas desde o punto de vista técnico e económico: “Imos avaliar as diferentes opcións para atopar a mellor solución posible, tendo en conta tanto as necesidades do centro como a viabilidade das actuacións”, indicou, destacando que a petición será avaliada pola Consellería de Educación.


O representante de Educación incidiu na importancia de evitar solucións provisionais e apostar por unha intervención definitiva que non prexudique o funcionamento do centro. O obxectivo é que as obras poidan executarse, na medida do posible, durante os meses de verán para evitar interferencias no curso escolar.


Desde a ANPA tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de aproveitar a futura actuación para mellorar e humanizar os espazos educativos.


Tras a reunión, o alcalde destacou que desde o goberno municipal “cumprimos co prometido e seguiremos apoiando todas as demandas do centro, traballando de maneira coordinada coa comunidade educativa”.


Finalmente, pactouse unha nova reunión en maio para seguir explorando as liñas de actuación e definir a solución máis adecuada para garantir unhas instalacións que respondan o crecemento do alumnado e ás necesidades do municipio.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, elevará ao pleno do xoves os orzamentos de Carral do 2026. O documento do exercicio ascende a 6.921-901,26 euros, o que supón un crecemento de preto do 10% respecto ao último (de 6.321.018,87 euros). Trátase, como avanza o rexedor, dos orzamentos máis “altos da historia do municipio”. Con todo, a cifra total non é a única que despunta, senón que a esta hai que sumar tamén o dato relativo ao capítulo de investimentos, que sobe un 38,43% en comparación co orzamento de 2024, chegando a 1.437.523,64 euros. Todo isto mantendo unha forte aposta pola área de Servizos Sociais, cuxo gasto total é de 1.121.964,44 euros.

A confección do documento foi unha das pedras angulares do traballo do goberno local nos últimos meses: “era unha das prioridades que me marquei cando accedín á Alcaldía, porque un concello en pleno crecemento non pode permitirse carecer dun orzamento municipal axustado ás necesidades da veciñanza”. Como explica, “o último aprobárase no ano 2024, polo que o noso labor non foi de actualización, senón que se baseou en deseñar unha proposta ambiciosa, pensando no futuro de Carral”.

Investimentos

O apartado de investimentos chega ata 1.437.523,64 euros, e nel inclúense numerosas actuacións de reforzo das condicións de seguridade viaria como as seguintes: mellora do firme do camiño entre A Barciela e Balbén, a obra na rúa O Quenllo, a construción de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila ou as actuacións para acondicionar a infraestrutura viaria no polígono. A estas hai que sumar outros investimentos para dispoñer e mellorar espazos de encontro veciñal: adquisición de terreos e instalación dunha pista multideportiva en San Vicente de Vigo, infraestrutura verde para a conexión coa área recreativa do río Brexa e a mellora e actualización da contorna de Costa dá Égoa.

Axudas

Outro dos capítulos que experimentou unha subida considerable é o de transferencias correntes. Así, con respecto ao documento aprobado en 2024, o apartado viuse aumentado nun 13%. Neste caso, o Concello consigna 256.878,50 euros na proposta de 2026 fronte aos 227.329,19 do de 2024 para asumir as subvencións por bolsas de estudo, a asociacións e entidades e de emerxencias sociais. O capítulo de gastos correntes subiu tamén un 5,01% (2.790.219,94 euros), unha contía coa que o goberno local busca recoller os créditos suficientes para cumprir coas obrigacións do Concello e para poder licitar, ademais, contratos en precario como o do servizo de limpeza viaria e xardinería e a prestación da iluminación pública.

Asimismo, este apartado rexistra un aumento tamén debido ao incremento dos servizos asistenciais prestados desde os Servizos Sociais. O documento económico foi acordado cos dous concelleiros non adscritos, Francisco Bello e Mercedes Caridad.

O Concello avanza na implantación de saneamento naqueles puntos do termo municipal que aínda carecen deste servizo. Un dos próximos proxectos que se executarán será o de Gosende (parroquia de Tabeaio). Trátase dunhas obras que se financiarán co Plan Único da Deputación da Coruña e que supoñerán un investimento de 278.358,51 euros. O Concello formalizou, nos últimos días, a cesión dun terreo que despexará o camiño para a execución destas actuacións. Como explica o rexedor, “este era o último trámite que tiñamos pendente para sacar a licitación estas obras”.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, agradeceu a colaboración dos particulares que “doaron esta parcela, imprescindible para dispor do saneamento nesta zona e atender ás solicitudes da veciñanza”. O primeiro edil incide en que se continuará traballando para “seguir mellorando as infraestruturas e servizos da veciñanza e, como parte deste obxectivo, impulsaremos máis proxectos para instalar solucións de saneamento nos lugares do termo municipal que non dispoñen del”. Neste sentido, o primeiro edil apunta que, ademais do de Gosende, está prevista a execución do saneamento en Cañás e estase traballando tamén para impulsar actuacións similares en Quembre, Sumio e Beira.

Obra en Gosende

No caso de Gosende, as intervencións contemplarán a construción dunha nova estación depuradora, a canalización de 2.066 metros de tubaxes de PVC de distintos diámetros, a execución de 61 pozos de rexistro e 43 arquetas para conexións domiciliarias.

O Concello de Carral organiza dous novos cursos formativos de carácter gratuíto, nesta ocasión centrados na saúde e a alimentación: primeiros auxilios pediátricos e manipulación de alimentos no fogar.

O taller de primeiros auxilios pediátricos será o primeiro de ambos e impartirase o mércores 25 do próximo mes de marzo. O horario será de mañá, de 10.00 a 12.30 horas

No que respecta a a formación sobre manipulación de alimentos no fogar, esta levará a cabo o mércores 8 de abril, tamén pola mañá, en horario de 10.00 a 13.30 horas.

Os dous talleres contarán con prazas limitadas e as súas respectivas inscricións poderán realizarse ata o mércores 18 de marzo, tanto a través do correo eduacion@carral.es como do teléfono 678338872.

O Concello de Carral continúa dando pasos firmes para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), unha infraestrutura estratéxica que permitirá mellorar de maneira significativa o servizo de saneamento no municipio e planificar con garantías o seu crecemento futuro.


O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e os concelleiros Óscar Bodelo e Francisco Bello mantiveron unha reunión de traballo coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ánxeles Vázquez, para analizar o proxecto municipal que permitirá dotar a Carral dunha nova infraestrutura de depuración.


A nova EDAR terá como finalidade tratar tanto os caudais de augas residuais urbanas como as industriais asimilables a urbanas, substituíndo e mellorando o servizo que actualmente presta a EDAR de O Quenllo. Esta actuación permitirá incrementar a capacidade de tratamento, mellorar a eficiencia do sistema e adaptalo ás necesidades actuais e futuras da poboación.


Segundo explicou Fernández Mouriño, “estamos ante unha actuación clave para Carral. O saneamento é un servizo básico e esencial, e esta nova depuradora permitirá ofrecer unha prestación máis moderna, eficaz e respectuosa co medio ambiente”.


O rexedor destacou tamén que “desde o Concello estamos a traballar con visión de futuro. Queremos que Carral medre, pero que o faga de maneira ordenada e sostible, e para iso é fundamental contar con infraestruturas dimensionadas ás necesidades que virán”, agradecendo de igual modo “a atención e a colaboración dá Xunta de Galicia”.


Durante o encontro, a Xunta trasladou que o persoal técnico de Augas de Galicia avaliará o proxecto presentado polo Concello co obxectivo de estudar posibles vías de colaboración e financiamento.