O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, elevará ao pleno do xoves os orzamentos de Carral do 2026. O documento do exercicio ascende a 6.921-901,26 euros, o que supón un crecemento de preto do 10% respecto ao último (de 6.321.018,87 euros). Trátase, como avanza o rexedor, dos orzamentos máis “altos da historia do municipio”. Con todo, a cifra total non é a única que despunta, senón que a esta hai que sumar tamén o dato relativo ao capítulo de investimentos, que sobe un 38,43% en comparación co orzamento de 2024, chegando a 1.437.523,64 euros. Todo isto mantendo unha forte aposta pola área de Servizos Sociais, cuxo gasto total é de 1.121.964,44 euros.
A confección do documento foi unha das pedras angulares do traballo do goberno local nos últimos meses: “era unha das prioridades que me marquei cando accedín á Alcaldía, porque un concello en pleno crecemento non pode permitirse carecer dun orzamento municipal axustado ás necesidades da veciñanza”. Como explica, “o último aprobárase no ano 2024, polo que o noso labor non foi de actualización, senón que se baseou en deseñar unha proposta ambiciosa, pensando no futuro de Carral”.
Investimentos
O apartado de investimentos chega ata 1.437.523,64 euros, e nel inclúense numerosas actuacións de reforzo das condicións de seguridade viaria como as seguintes: mellora do firme do camiño entre A Barciela e Balbén, a obra na rúa O Quenllo, a construción de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila ou as actuacións para acondicionar a infraestrutura viaria no polígono. A estas hai que sumar outros investimentos para dispoñer e mellorar espazos de encontro veciñal: adquisición de terreos e instalación dunha pista multideportiva en San Vicente de Vigo, infraestrutura verde para a conexión coa área recreativa do río Brexa e a mellora e actualización da contorna de Costa dá Égoa.
Axudas
Outro dos capítulos que experimentou unha subida considerable é o de transferencias correntes. Así, con respecto ao documento aprobado en 2024, o apartado viuse aumentado nun 13%. Neste caso, o Concello consigna 256.878,50 euros na proposta de 2026 fronte aos 227.329,19 do de 2024 para asumir as subvencións por bolsas de estudo, a asociacións e entidades e de emerxencias sociais. O capítulo de gastos correntes subiu tamén un 5,01% (2.790.219,94 euros), unha contía coa que o goberno local busca recoller os créditos suficientes para cumprir coas obrigacións do Concello e para poder licitar, ademais, contratos en precario como o do servizo de limpeza viaria e xardinería e a prestación da iluminación pública.
Asimismo, este apartado rexistra un aumento tamén debido ao incremento dos servizos asistenciais prestados desde os Servizos Sociais. O documento económico foi acordado cos dous concelleiros non adscritos, Francisco Bello e Mercedes Caridad.
O Concello de Carral organiza dous novos cursos formativos de carácter gratuíto, nesta ocasión centrados na saúde e a alimentación: primeiros auxilios pediátricos e manipulación de alimentos no fogar.
O taller de primeiros auxilios pediátricos será o primeiro de ambos e impartirase o mércores 25 do próximo mes de marzo. O horario será de mañá, de 10.00 a 12.30 horas
No que respecta a a formación sobre manipulación de alimentos no fogar, esta levará a cabo o mércores 8 de abril, tamén pola mañá, en horario de 10.00 a 13.30 horas.
Os dous talleres contarán con prazas limitadas e as súas respectivas inscricións poderán realizarse ata o mércores 18 de marzo, tanto a través do correo eduacion@carral.es como do teléfono 678338872.
O Concello de Carral organiza, de cara ao vindeiro mes de marzo, uns cursos formativos gratuitos de iniciación á tecnloxía para impulsar a integración das persoas maiores de 60 anos no mundo dixital.
Estes obradoiros municipais impartiranse entre o luns día 9 e o xoves, 12 de marzo, en horario de mañá, das 10.00 ás 13.00 horas.
A organización desta actividade nace baixo a premisa do Goberno municipal de brindar aos maiores a posibilidade de aprender a navegar por Internet de xeito útil, proveitoso e seguro, para involucralos así nesta sociedade tecnolóxica.
No que respecta as inscricións, estas poderán formalizarse ata o vindeiro mércores, 18 de febreiro, tanto de forma presencial na planta 2 do edificio Toñito Espiñeira, en horario de 9.00 a 14.00 horas, como por teléfono no 981 61 35 20. As plazas son limitadas.

O Concello inaugurou, esta semana, os seus campamentos deportivos de Nadal. Trátase dunha actividade de conciliación que está en marcha no CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e na que están a participar máis dunha vintena de nenos e nenas de entre 3 e 11 anos.
A iniciativa arrincou o luns e prolongarase ata o 5 de xaneiro, ofrecendo atención aos pequenos e pequenas tanto mañá, mércores 24 de decembro, como o venres, día 26. A próxima semana, a actividade continuará o luns, 29 de decembro, o martes, día 30, e o mércores, 31 de decembro. No mes de xaneiro, os campamentos desenvolveranse os días 2 e 5.
Durante esas xornadas, ofrécese un horario de atención de 10.00 a 14.00 horas, coa posibilidade de que as familias poidan solicitar tamén o servizo de madrugadores (desde as 7.30 horas) e o de comedor (de 14.00 a 16.00 horas).
Como parte do programa, os nenos e nenas participarán en talleres de decoración do Nadal, así como en actividades deportivas e socioculturais.
O Polígono dos Capelos organizou, outro ano máis, unha recollida de alimentos para repartir entre as familias en situación de vulnerabilidade de Carral durante a semana previa a Nadal. As empresas Aplicaciones de Bombeo Industrial S.L., Checkpoint, Da Cunha e Oca foron as participantes nesta nova edición da campaña. Entre todas lograron reunir máis de 700 quilogramos de alimentos perecedoiros e produtos de hixiene e limpeza.
A comida e os artigos de hixiene foron entregados no departamento de Servizos Sociais do Concello, onde se encargarán de realizar o reparto ás 20 familias beneficiarias da axuda. A iniciativa ten como obxectivo que todos os veciños e veciñas poidan gozar do Nadal.
O Concello de Carral súmase, un ano máis, á campaña Liberdade de Ser e Sentir da Deputación da Coruña. A iniciativa ponse en marcha co obxectivo de conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBQIA+, unha xornada para reivindicar a diversidade, a igualdade e os dereitos de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero.
















