O Boletín Oficial da Provincia de hoxe, mércores 16 de abril, recolle as bases das axudas ao estudo do Concello Carral.

O prazo de solicitude abrirarase a partir do día seguinte da publicación do extracto das bases no BOP.

Esta liña está dirixida a alumnado empadroado en Carral e matriculado nas seguintes etapas educativas durante o curso 2024/2025:

  • 2º ciclo de educación infantil
  • Educación postobrigatoria/formación profesional básica: ciclos formativos, bacharelato ou similares
  • Estudos universitarios oficiais

Máis de 4.000 persoas tomaron parte na oferta de actividades culturais que o Concello organizou ao longo do 2024. O programa incluíu espectáculos pertencentes a distintos xéneros e destinadas a varias franxas de idade. Así se expuxo, esta mañá, nun acto no que se avaliaron a programación e os resultados acadados o pasado exercicio. A cita realizouse na Casa da Cultura e nela estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o técnico da área de Cultura de Carral, Carlos Lorenzo, que se encargou de repasar os fitos máis destacables. Entre eles, ademais das cifras de asistencia, despuntou o total de iniciativas organizadas, que chegou ás 73.

Este acto é froito do traballo realizado desde o departamento de Cultura para reunir datos que permitan, non só valorar os resultados e os impactos na cidadanía, senón tamén para reorientar estratexias e políticas culturais.

As actividades estiveron repartidas ao longo do ano, con propostas todos os meses. Porén, o de novembro foi o que congregou un maior número, chegando ás 12. O ciclo de Cine Documental Galego, os contacontos para a animación á lectura, o Premio de Poesía Concello de Carral, CulturúaMúsicas ÍntimasNoites de Monólogo, o Ciclo de Teatro de Outono e o programa Papeques foron as principais no calendario carralés, aínda que non foron as únicas. A este listado hai que sumar, ademais, o festival Muller a Escena, o espectáculo de Vilatriste a Vilalegre do Centro Dramático Galego, as propostas artísticas Dinamiz-ARTj do Instituto para a Transición Xusta, Elas son artistas e a exposición fotográfica Nós tamén fomos emigrantes.

Propostas máis numerosas

As artes escénicas, incluíndo a danza, supuxeron máis dun terzo da programación anual de 2024, reunindo, así mesmo, á metade do público asistente. As sesións de contacontos para nenos e nenas son a segunda categoría máis numerosa do 2024, ocupando tamén a segunda posición en cifra de participantes. No terceiro lugar atópase a proxección de audiovisuais.

Premio de Poesía

No 2024, o Concello celebrou a 27ª edición do seu Premio de Poesía. Trátase dun dos certames máis lonxevos de Galicia que conseguiu un auténtico récord en cifras de participación. En total, á convocatoria achegáronse 94 obras grazas á implantación dun novo sistema telemático para a presentación dos traballos.

Ciclo de Teatro de Outono

O Ciclo de Teatro de Outono é, sen lugar a dúbidas, unha das iniciativas mellor asentadas na programación municipal. A de 2024 incluíu a representación de 12 obras e, ao remate de cada unha das funcións, o público tivo a oportunidade de responder a unha enquisa de satisfacción. Do total de participantes (1.151 persoas), responderon ao cuestionario case un 30%.

Nestas enquisas preguntóuselle ao público que puntuación lle concedía á obra, se a recomendaría a outras persoas, cales eran os aspectos que máis lle gustaran e, por último, cal era o nivel de dificultade á hora de entender a representación. 

A puntuación media acadada por estes espectáculos foi de 4,7 sobre 5. Así mesmo, un 97% das persoas que encheron a enquisa recomendarían as obras que conformaron o Ciclo de Teatro de Outono.

O Concello de Carral celebrará, no mes de marzo, un curso básico de Uso de teléfono móbil para adultos. As sesións levaranse a cabo os luns deste mes e en diferentes franxas horarias en cada parroquia.


As clases empezarán o luns, 10 de marzo, e concluirán o día 31. En canto ao horario, as sesións formativas levaranse a cabo no edificio social Toñito Espiñeira, no caso de Carral, e nos locais sociais das parroquias. Con respecto ao horario, as sesións formativas tanto en Carral como en San Vicente celebraranse de 9.30 a 10.30 horas. En Cañás, a formación será de 11.00 a 12.00 horas, en Barcia terá lugar de 12.30 a 13.30 horas. En canto a Tabeaio, as clases desenvolveranse de 11.00 a 12.00 horas.

As persoas interesadas en participar poderán apuntarse chamando ao teléfono 678 338 872.

As solicitudes do goberno local deron resultado e tres frecuencias da liña de autobús que conecta San Vicente de Vigo e o IES David Buján (de uso compartido entre o alumnado do instituto e os veciños e veciñas) incorporarán a partir do luns, 17 de febreiro, dúas novas paradas en Balbén e Taramuño.

En concreto, as frecuencias que se verán beneficiadas por este cambio serán a das 7.30 horas (de Tabeaio cara ao IES David Buján) e no sentido de volta a que discorre desde o CIFP Universidade Laboral ás 14.00 horas. Esta modificación afectará tamén á frecuencia dos luns ás 18.00 horas (desde o CIFP Universidade Laboral).

Unha petición veciñal

Ata o de agora, o autobús non pasaba por estes puntos da parroquia de San Vicente de Vigo, obrigando tanto aos veciños e veciñas como ás familias con fillos e fillas no IES David Buján a desprazarse a outras zonas para facer uso do servizo.

Para solucionar esta problemática e atender ás demandas veciñais, o goberno local solicitou unha modificación do roteiro para que se incorporasen tamén estes dous puntos. O alcalde, Javier Gestal, celebra que “a Xunta de Galicia respondese e atendese a nosa solicitude, que partiu directamente dos veciños e veciñas”.

Aberto o prazo de inscrición para a proba de obtención da ESO para maiores de 18 anos.

Para a convocatoria de abril o período estará aberto ata o 21 de febreiro, incluído.

Para a de xuño abrirá do 31 de marzo ao 10 de abril, ambos incluídos.

As persoas matriculadas na primeira convocatoria que non superen a proba consideraranse matriculadas na segunda sen ter que presentar nova documentación.

Presenta aquí a túa solicitude.

Para axuda e asesoramento: departamento Educación Concello de Carral 678 338 872 de 9:00 a 14:00 horas.

O pasado mércores, 15 de xaneiro, o alcalde de Carral, Javier Gestal, xunto a Santiago Campos, representante da empresa AZVASE S.L, asinaron o novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Carral para os próximos dous anos.

Este novo acordo ten unha duración de 2 anos, máis un de prórroga, e conta cun orzamento de licitación de 1.543.010 euros (+4% IVE 61.720,40 euros), que suma un total de 1.604.730,40 euros.

O contrato prevé que se presten en cada un dos dous anos de vixencia 24.5000 horas pola modalidade de dependencia e 9.000 por libre concorrencia. Así, as horas totais a prestar anualmente serán de 33.500, sendo de 23,94 euros o prezo por hora.

Coa firma deste novo convenio ponse fin á prestación do servizo por parte da empresa A0 Maiores Servizos Sociais, dando paso a AZVASE. S.L.

Tras o novo acordo, o rexedor quixo “agradecer, en nome de todo o Concello de Carral, a boa disposición e xestión por parte da empresa A0 Maiores Servizos Sociais e o compromiso e bo labor do seu xerente, Miguel Angel Vilas”.

Regularización do SAF
O alcalde lembrou que, no 2019, “cando o novo equipo de goberno tomou posesión, o SAF atopábase en precario e estaba sendo prestado por catro empresas distintas. Cando chegamos, a elaboración dos pregos foi unha das nosas máximas prioridades e, xa non 2021, fomos quen de quitalo a licitación tras preto de dúas décadas sen regularizar”. O rexedor indicou que “agora cumprimos a nosa palabra de asinar un novo contrato do SAF no que ademais investirase máis que no anterior do ano 2021”.

Na mesma liña, a concelleira de Servizos Sociais, Inmaculada Mantiñán, agradece “o esforzo e o traballo que realizaron non só desde o departamento de Servizos Sociais senón tamén a inmensa implicación desde a secretaría do Concello, así como da empresa V.M asesores encargados do asesoramento técnico”.

A edil reitera “a importancia dos Servizos Sociais dentro do proxecto de Alternativa dos Veciños de Carral, uns dos departamentos máis importantes do Concello porque é o que atende a persoas en situación de dificultade e/ou vulnerabilidade”.

O edificio social Toñito Espiñeira de Carral acollerá, desde hoxe e ata o 21 de xaneiro, a exposición ‘Nós tamén fomos emigrantes’, da colección Afundación. 

No día de hoxe tivo lugar a visita de presentación da mostra, á que acudiron o alcalde de Carral, Javier Gestal; así como Vanessa Sende Cardoso, da Área de Cultura de Afundación; José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador Institucional ABANCA; Begoña Caamaño Ferrio, directora de zona ABANCA e Jose Freire Cofreces, director da oficina del ABANCA de Carral.

Esta exposición recolle unha escolma de imaxes dos arquivos da Axencia EFE que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. A exposición estará aberta de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 h. O 24 e 30 de decembro permanecerá pechada. 

As persoas que visiten esta selección fotográfica poderán visualizar as circunstancias vitais das pasadas xeracións, que abandonaron a súa terra na procura dun futuro mellor.

Ademais, desde a organización animan a doar alimentos no momento da entrada, un xesto solidario para axudar ás persoas que máis o necesitan. Esta iniciativa de Obra Social ABANCA ofrece acceso a eventos culturais a cambio da contribución solidaria de alimentos non perecedoiros ou produtos de primeira necesidade.

A mostra que agora chega a Carral englóbase dentro de CORRENTE CULTURAL, a aposta de ABANCA e Afundación para espallar cultura por toda Galicia. O proxecto nace coma un contedor de arte que vai rotando polos concellos, e contando coas colaboración municipais, para construír canda eles unha rede de calidade. As iniciativas do ciclo contan cunha coidada produción e cunha querenza pola tradición galega.

O pasado 13 de decembro, entregáronse no departamento de Servizos Sociais máis de 800 kg de alimentos non perecedoiros, produtos de limpeza e de hixiene, a través da campaña solidaria organizada no polígono industrial do municipio.

Aplicaciones de Bombeo Industrial S.L e Obras Civiles Del Atlántico S.L. foron as empresas que organizaron esta iniciativa solidaria, que xa se leva realizando durante varios anos consecutivos nesta época do Nadal, e que colabora con Concello para axudar ás familias do municipio que están en situación de vulnerabilidade.

Desde o Concello de Carral agradecemos toda a solidaridade prestada.

Consorcio As Mariñas inicia unha nova campaña de compostaxe doméstica coa distribución de 1.700 composteiros de baldeentre a veciñanza dos oito concellos que o conforman: Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Esta iniciativa busca fomentar a separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a compostaxe doméstica nos fogares que dispoñan dun pequeno terreo.

Material e inscricións

A campaña inclúe a entrega de composteiro, aireador, peneira e termómetro, que se repartirán tras a asistencia a unha das sesións formativas programadas nos diferentes concellos. A participación é totalmente gratuíta, e as persoas interesadas só teñen que rexistrarse previamente a través da páxina web: https://consorcioam.rsu.gal.

Xornadas formativas

As sesións formativas teñen como obxectivo ensinar á veciñanza o uso correcto do composteiro, así como os beneficios ambientais e económicos desta práctica. Estas son as datas e localizacións dispoñibles ás que poderá acudir toda a veciñanza que o desexe:

  • Local de Cañás – 3 de decembro ás 19:00 h
  • Local de Barcia – 12 de decembro ás 19:00 h
  • Local de Tabeaio – 16 de decembro ás 18:00 h

Un compromiso coa sostibilidade

Esta campaña é unha mostra do compromiso do Consorcio As Mariñas coa educación ambiental e a promoción de prácticas sostibles. A compostaxe doméstica permite reducir os residuos enviados a vertedoiros, diminuír a pegada de carbono e obter un fertilizante natural de gran calidade.

Trátase de actuacións cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, a través da subvencións covocadas pola Consellería  de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Máis información

Para calquera dúbida ou consulta, pode chamar ao 981 784 704, escribir a info@consorcioam.org ou rexistrarse directamente en https://consorcioam.rsu.gal.