O Concello de Carral e a Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa” formalizaron hoxe un convenio de colaboración para a custodia e xestión activa de cinco parcelas municipais, cunha superficie total de 62,711 hectáreas.

O acordo foi asinado esta mañá na Casa do Concello polo alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, e a presidenta de Brexa, Pilar Morandeira, nun acto no que tamén participou o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Bodelo, a técnica de Medio Ambiente, María Couto, e os membros da asociación Xosé Rodríguez e David Chas. A firma prodúcese despois de que o Pleno da Corporación autorizase o pasado xoves a formalización do convenio. Previamente, Brexa fora seleccionada como entidade de custodia mediante o correspondente procedemento de concorrencia.

As parcelas atópanse nos Capelos, a área Recreativa do Río Brexa e Paleo, nas parroquias de San Martiño de Tabeaio e Santo Esteban de Paleo. Entre os seus valores destacan a presenza de hábitats húmidos apropiados para a conservación de anfibios e terreos nos que se contempla favorecer a rexeneración de bosque autóctono mediante a plantación de frondosas.

O convenio ten como finalidade a conservación activa e restauración dos valores naturais e da biodiversidade destes terreos. Entre as actuacións previstas figuran a mellora do estado de conservación da flora, a fauna e os hábitats, a rexeneración de bosque autóctono, a eliminación de especies alóctonas, os labores de limpeza e recollida de residuos, a divulgación dos valores naturais e o apoio á investigación relacionada coas ciencias naturais.

Durante o acto, oalcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, destacou o compromiso municipal coa conservación destes espazos. “Cedemos as parcelas para que se poidan utilizar para os fins que Brexa considere, pero sempre coa finalidade de conservar a flora e a fauna”, sinalou. Mouriño engadiu que “o Concello de Carral está á vosa disposición para o que faga falta”, dentro do marco establecido no convenio.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Bodelo, puxo en valor a dimensión temporal do acordo. “O convenio é por 15 anos, prorrogable”, explicou, destacando que se trata dunha colaboración concibida a longo prazo. A vixencia inicial será de 15 anos desde a firma e poderá prorrogarse por períodos sucesivos de igual duración ata un máximo de 30 anos, mediante acordo expreso e con informe favorable dos servizos técnicos municipais.


Brexa deberá presentar ao Concello, no prazo de tres meses, un Plan de Actuación Plurianual, mentres que os plans anuais requirirán a aprobación municipal antes da súa execución. A entidade asumirá as actuacións necesarias para cumprir os obxectivos de conservación, a obtención dos permisos que sexan necesarios e a presentación de informes sobre a actividade e as incidencias que se produzan.

O Concello, pola súa banda, facilitará o acceso aos terreos e a documentación necesaria, colaborará na difusión das actuacións e permitirá o desenvolvemento das accións previstas no convenio. Ademais, ambas as partes constituirán unha comisión de seguimento que se reunirá polo menos unha vez ao ano para avaliar a execución do acordo e formular recomendacións.

Desde a Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa” valoraron positivamente a formalización do acordo e, especialmente, o seu carácter a longo prazo. “É un proxecto a longo prazo e estamos contentos, porque permitirá traballar ben e ir facendo as cousas pouco a pouco”, sinalaron desde a entidade. Neste sentido, destacaron a importancia de contar cun período amplo para planificar e desenvolver as distintas actuacións de conservación e mellora das parcelas, adaptándoas ás necesidades que se vaian detectando en cada un dos espazos.

O Concello de Carral culminou as obras de mellora e acondicionamento do CEIP de Tabeaio, unha actuación coa que o goberno municipal continúa avanzando no seu compromiso coa mellora das instalacións educativas e coa prestación duns servizos públicos de calidade para o conxunto da cidadanía.


A concelleira de Educación, Cristina Casal, e o concelleiro de Obras, Óscar Bodelo, visitaron o centro con motivo da finalización dos traballos, acompañados polas tamén edís María Isabel López e Patricia López, para comprobar o resultado dunha intervención que permitiu dar resposta a distintas necesidades das instalacións.


A actuación supuxo unha renovación integral de distintos elementos do colexio. No exterior, procedeuse á substitución da carpintería, mellorando as condicións de illamento do edificio e contribuíndo a incrementar a súa eficiencia enerxética. No interior, os traballos incluíron a substitución de portas, a instalación dun novo falso teito de placas de cartón xeso con illamento de la de roca e a renovación da iluminación.


Estas melloras permitirán dispoñer dunhas instalacións máis confortables para o alumnado e o profesorado, á vez que contribúen a optimizar as condicións de eficiencia enerxética do edificio. A actuación responde, ademais, ás necesidades trasladadas ao Concello pola comunidade educativa do centro.


O proxecto contou cun orzamento de 41.135,60 euros, financiado con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña, e os traballos programáronse durante o período non lectivo co obxectivo de minimizar calquera afección sobre a actividade educativa.

O Concello de Carral finalizou as obras de construción de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila, na parroquia de Cañás. A actuación, financiada a través do Plan de Obras e Servizos POS+ADICIONAL 4/2025, supuxo un investimento final de 61.170 euros.


Os traballos permitiron mellorar o sistema de recollida e evacuación das augas pluviais neste tramo, mediante a execución de novas cunetas de formigón e a instalación de canalizacións de PVC. Así mesmo, leváronse a cabo labores de limpeza e acondicionamento das cunetas existentes.


A intervención contribúe a mellorar a drenaxe da vía e as condicións de seguridade para peóns e vehículos, dando continuidade ás actuacións realizadas nesta zona.


O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, destacou que “con esta actuación damos continuidade á mellora das infraestruturas viarias nas parroquias e, neste caso, conseguimos mellorar de maneira notable a evacuación das augas pluviais e as condicións de seguridade neste tramo de Soavila. Seguiremos traballando para atender as necesidades dos diferentes núcleos e mellorar os servizos e espazos públicos do municipio”.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, propoñerá no pleno ordinario de mañá, xoves 30 de xullo, destinar preto de 800.000 euros do remanente de tesourería a impulsar novos proxectos “estratéxicos” para Carral. A proposta, que ascende a 781.660,30 euros, contempla a adquisición de varias parcelas, a compra de equipamento para o Complexo Deportivo de Carral e a redacción de proxectos de futuras actuacións. A relación inclúe, entre outras, a compra dunha parcela en Paleo para a construción do futuro centro de saúde. O rexedor incide na importancia desta iniciativa, que supoñerá “dar ou primeiro paso para desbloquear proxectos fundamentais para ou futuro do municipio como, por exemplo, a construción do novo centro de saúde ou a execución dá nova estación depuradora de augas residuais do Quenllo”.


Unha parte importante do remanente destinarase á adquisición de terreos en distintas parroquias do municipio co obxectivo de avanzar en proxectos de interese público. En concreto, o Concello prevé incorporar 280.738,14 euros para a compra dun terreo en Paleo que se destinaría á construción do futuro centro de saúde. Así mesmo, proponse a adquisición dunha parcela en Tabeaio (38.940,70 euros), doutra en Sergude (24.415,85 euros) para a creación de novos equipamentos públicos, así como dunha terceira para ampliar a área recreativa da Brexa (3.566,50 euros). A proposta inclúe tamén 15.210,20 euros para a compra dunha carballeira centenaria en Cañás.


A modificación de crédito reserva igualmente 124.938,91 euros para a renovación de maquinaria e equipamento no Complexo Deportivo de Carral. Ademais, incorpora financiamento para a redacción de varios proxectos que o primeiro edil cualifica de “prioritarios”: 60.000 euros para elaborar as actuacións que o Concello presentará ao POS 2027 da Deputación da Coruña e 223.850 euros para a redacción do proxecto da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Quenllo.


Novas actuacións
A modificación de crédito non será o único punto que se debaterá no pleno de mañá, senón que o goberno local expoñerá tamén a proposta de obras que se executarían con cargo ao POS Adicional 2.ª fase. O investimento provincial alcanzará os 434.901,63 euros, unha contía coa que o goberno local manterá o seu compromiso por reforzar e mellorar a seguridade viaria en varios puntos do municipio.


As intervencións previstas son as seguintes: mellora da pavimentación das beirarrúas da rúa Belvís, en Paleo (86.576,96 euros); renovación da capa de rodadura da estrada no lugar de Abrigosa (36.385,69 euros); mellora da capa de rodadura, a execución de cunetas de formigón e a canalización da rede de pluviais en Novás (280.954,15 euros) e a mellora da capa de rodadura e a construción de cunetas na rúa da Chousa (30.984,83 euros).

O Concello de Carral publicou a licitación dun novo proxecto de mellora da seguridade viaria, neste caso na estrada do Quenllo. O obxectivo desta proposta é a restauración do pavimento, a ampliación do ancho da plataforma e o uso de cunetas de seguridade. A obra, financiada polo Plan Único da Deputación da Coruña, conta cun orzamento de 225.222,52 euros.


Esta estrada conta cun importante fluxo de tráfico, ao estar preto do Polígono Industrial Os Capelos. Por iso, a calzada, demasiado pequena de partida, sufriu unha deterioración notable co paso do tempo.


Nos primeiros 550 metros realizaranse cunetas de seguridade en ambas as marxes, con anchos variables. Este tramo estará acoutado por lombos de asno para garantir unha velocidade adecuada xa que é unha zona habitada. Na zona de monte aproveitarase o sobreancho existente para realizar a ampliación da plataforma, chegando a un ancho total de 6 metros. Unha vez a estrada estea terminada, implementarase a sinalización pertinente. Na zona de monte, con pouca iluminación, dispoñeranse captafaros.


“A mellora da rede de camiños municipais é un investimento moi necesario, e aos poucos imos chegando a todas as zonas que o necesitan”, comenta Fernández Mouriño, alcalde de Carral.

Un total de 265 veciños e veciñas participaron no proceso impulsado polo Concello para definir o futuro uso da ampliación do Campo da Feira. Do total de respostas, o 85,28% recibiuse a través do formulario en liña habilitado para a consulta, mentres que o 14,72% restante rexistrouse na urna presencial instalada polo Concello. A concelleira de Educación, Sanidade e Emprego, Cristina Casal, agradeceu “a colaboración e implicación da veciñanza, fundamental para atopar o uso máis axeitado para este espazo”. Como explica, o seguinte paso consistirá en analizar as opcións para determinar a súa viabilidade económica e técnica.

A creación dunha pista multideporte foi a opción que obtivo máis respaldo, con 88 votos, o que representa o 33,21% do total. Moi preto situouse a disposición dun espazo con mesas e bancos para o descanso, que recibiu 86 votos (32,45%).

Ademais, o 28,68% das persoas participantes optou por expor outras opcións distintas ás inicialmente propostas polo Concello (pista multideportiva, zona de patinetes ou área de mesas e descanso). Entre as suxerencias figuran o uso desta área como zona de aparcamento, a instalación de baños públicos, dunha pista de calistenia, parque biosaudable ou dunha área verde. A creación dunha zona de patinetes foi a menos escollida, acumulando un 5,66% dos votos.

Unha vez determinado o uso máis adecuado entre as distintas opcións expostas, o Concello destinará os preto de 650 metros cadrados que o Campo da Feira gañou para ampliar os servizos e equipamentos dos veciños e veciñas.

O goberno local de Carral propoñerá ao pleno a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para acometer a humanización integral da rúa Souto, unha actuación estratéxica coa que o Concello busca transformar por completo unha das principais arterias do núcleo urbano. O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, apunta que se trata dun proxecto “esencial” para o municipio, xa que esta vía conecta coa N-550 e a DP-1704 e constitúe, ademais, un dos principais accesos ao IES de Carral.


Con esta intervención buscarase humanizar a rúa e continuar impulsando actuacións no núcleo urbano coas que darlle unha maior prioridade ao peón fronte ao vehículo.


Na actualidade, a rúa Souto conta con dous carrís de circulación (un por sentido), zonas de aparcamento en ambas as marxes e beirarrúas con dimensións que non cumpren cos criterios de accesibilidade. Con esta actuación, o Concello reorganizará a rúa mediante a creación dun único carril de circulación entre a estrada provincial e a nacional, novas prazas de estacionamento en batería e beirarrúas renovadas en ambos os lados da vía.


Ademais, na intersección co acceso ao instituto habilitarase unha plataforma compartida de tráfico peonil e rodado para reforzar a seguridade viaria e favorecer unha mellor convivencia entre vehículos e peóns nun punto especialmente transitado.


O proxecto incluirá tamén a creación de novas zonas verdes, a plantación de arboredo e a renovación da sinalización, reforzando así a integración paisaxística e a sustentabilidade da contorna urbana.


A execución deste proxecto requirirá un investimento de 233.658,19 euros. Para financiar a actuación, o alcalde propoñerá no pleno desta tarde (xoves, 28 de maio, ás 20.00 horas) pedir unha subvención á Deputación da Coruña.

A Consellería do Medio Rural adoptou a medida preventiva de suspender temporalmente todas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Esta decisión entrará en vigor a partir deste venres, 29 de maio de 2026, e manterase activa ata novo aviso. A consecuencia directa desta resolución é que non se concederán máis autorizacións a partir da data sinalada, e todas as que xa foran outorgadas previamente perderán por completo a súa validez.

Esta determinación cautelar estableceuse tras avaliar polo miúdo a evolución da situación meteorolóxica e despois de analizar os diferentes indicadores técnicos que inciden directamente no risco de incendios. A normativa actual estipula a obriga de paralizar este tipo de actividades co lume no momento en que as condicións do tempo poidan chegar a dificultar o seu control axeitado por mor do incremento das temperaturas.


O Concello de Carral recibirá 66.327,18 euros do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competenica municipal (Plan Único de Concellos) da Deputación da Coruña.

Esta partida, para o financiamento do POS + Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios no exercicio 2026, quedou aprobada no pleno do 27 de marzo.

A proposta publicouse no Boletín Oficial da Provincia, número 64, do 8 de abril, cunha marxe de 10 días para alegacións e reclamacións.

Transcurrido dito prazo sen queixas presentadas, o acordo provincial foi aprobado.