O Concello de Carral publicou a licitación dun novo proxecto de mellora da seguridade viaria, neste caso na estrada do Quenllo. O obxectivo desta proposta é a restauración do pavimento, a ampliación do ancho da plataforma e o uso de cunetas de seguridade. A obra, financiada polo Plan Único da Deputación da Coruña, conta cun orzamento de 225.222,52 euros.


Esta estrada conta cun importante fluxo de tráfico, ao estar preto do Polígono Industrial Os Capelos. Por iso, a calzada, demasiado pequena de partida, sufriu unha deterioración notable co paso do tempo.


Nos primeiros 550 metros realizaranse cunetas de seguridade en ambas as marxes, con anchos variables. Este tramo estará acoutado por lombos de asno para garantir unha velocidade adecuada xa que é unha zona habitada. Na zona de monte aproveitarase o sobreancho existente para realizar a ampliación da plataforma, chegando a un ancho total de 6 metros. Unha vez a estrada estea terminada, implementarase a sinalización pertinente. Na zona de monte, con pouca iluminación, dispoñeranse captafaros.


“A mellora da rede de camiños municipais é un investimento moi necesario, e aos poucos imos chegando a todas as zonas que o necesitan”, comenta Fernández Mouriño, alcalde de Carral.

Un total de 265 veciños e veciñas participaron no proceso impulsado polo Concello para definir o futuro uso da ampliación do Campo da Feira. Do total de respostas, o 85,28% recibiuse a través do formulario en liña habilitado para a consulta, mentres que o 14,72% restante rexistrouse na urna presencial instalada polo Concello. A concelleira de Educación, Sanidade e Emprego, Cristina Casal, agradeceu “a colaboración e implicación da veciñanza, fundamental para atopar o uso máis axeitado para este espazo”. Como explica, o seguinte paso consistirá en analizar as opcións para determinar a súa viabilidade económica e técnica.

A creación dunha pista multideporte foi a opción que obtivo máis respaldo, con 88 votos, o que representa o 33,21% do total. Moi preto situouse a disposición dun espazo con mesas e bancos para o descanso, que recibiu 86 votos (32,45%).

Ademais, o 28,68% das persoas participantes optou por expor outras opcións distintas ás inicialmente propostas polo Concello (pista multideportiva, zona de patinetes ou área de mesas e descanso). Entre as suxerencias figuran o uso desta área como zona de aparcamento, a instalación de baños públicos, dunha pista de calistenia, parque biosaudable ou dunha área verde. A creación dunha zona de patinetes foi a menos escollida, acumulando un 5,66% dos votos.

Unha vez determinado o uso máis adecuado entre as distintas opcións expostas, o Concello destinará os preto de 650 metros cadrados que o Campo da Feira gañou para ampliar os servizos e equipamentos dos veciños e veciñas.

O goberno local de Carral propoñerá ao pleno a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para acometer a humanización integral da rúa Souto, unha actuación estratéxica coa que o Concello busca transformar por completo unha das principais arterias do núcleo urbano. O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, apunta que se trata dun proxecto “esencial” para o municipio, xa que esta vía conecta coa N-550 e a DP-1704 e constitúe, ademais, un dos principais accesos ao IES de Carral.


Con esta intervención buscarase humanizar a rúa e continuar impulsando actuacións no núcleo urbano coas que darlle unha maior prioridade ao peón fronte ao vehículo.


Na actualidade, a rúa Souto conta con dous carrís de circulación (un por sentido), zonas de aparcamento en ambas as marxes e beirarrúas con dimensións que non cumpren cos criterios de accesibilidade. Con esta actuación, o Concello reorganizará a rúa mediante a creación dun único carril de circulación entre a estrada provincial e a nacional, novas prazas de estacionamento en batería e beirarrúas renovadas en ambos os lados da vía.


Ademais, na intersección co acceso ao instituto habilitarase unha plataforma compartida de tráfico peonil e rodado para reforzar a seguridade viaria e favorecer unha mellor convivencia entre vehículos e peóns nun punto especialmente transitado.


O proxecto incluirá tamén a creación de novas zonas verdes, a plantación de arboredo e a renovación da sinalización, reforzando así a integración paisaxística e a sustentabilidade da contorna urbana.


A execución deste proxecto requirirá un investimento de 233.658,19 euros. Para financiar a actuación, o alcalde propoñerá no pleno desta tarde (xoves, 28 de maio, ás 20.00 horas) pedir unha subvención á Deputación da Coruña.

A Consellería do Medio Rural adoptou a medida preventiva de suspender temporalmente todas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Esta decisión entrará en vigor a partir deste venres, 29 de maio de 2026, e manterase activa ata novo aviso. A consecuencia directa desta resolución é que non se concederán máis autorizacións a partir da data sinalada, e todas as que xa foran outorgadas previamente perderán por completo a súa validez.

Esta determinación cautelar estableceuse tras avaliar polo miúdo a evolución da situación meteorolóxica e despois de analizar os diferentes indicadores técnicos que inciden directamente no risco de incendios. A normativa actual estipula a obriga de paralizar este tipo de actividades co lume no momento en que as condicións do tempo poidan chegar a dificultar o seu control axeitado por mor do incremento das temperaturas.


O Concello de Carral recibirá 66.327,18 euros do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competenica municipal (Plan Único de Concellos) da Deputación da Coruña.

Esta partida, para o financiamento do POS + Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios no exercicio 2026, quedou aprobada no pleno do 27 de marzo.

A proposta publicouse no Boletín Oficial da Provincia, número 64, do 8 de abril, cunha marxe de 10 días para alegacións e reclamacións.

Transcurrido dito prazo sen queixas presentadas, o acordo provincial foi aprobado.

O Concello de Carral impulsa unha nova iniciativa baixo o título ‘Parroquia a parroquia. O Concello preto de ti’, un programa que levará a cabo unha serie de charlas informativas en distintas parroquias do municipio co obxectivo de achegar á cidadanía información crave sobre o Inventario de Camiños.

A través destes encontros, realizarase unha exposición detallada, incluíndo planos e información específica adaptada a cada zona. Así mesmo, durante as sesións explicarase o procedemento para a presentación de alegacións. No caso das parroquias de As Travesas, Sergude e Tabeaio, as charlas servirán tamén para informar sobre o proxecto ‘Fomento da movilidade sostible. Proxecto de trazado dos treitos comúns non Camiño Inglés de Santiago’, que afecta directamente a estes núcleos, así como sobre os mecanismos para formular alegacións ao mesmo.

O programa contempla un total de 12 charlas, nas que ademais se abrirá un espazo para escoitar e atender todas as dúbidas, suxerencias ou propostas que desexen trasladar os veciños e veciñas. A primeira das sesións terá lugar este xoves, 16 de abril, en O Xalo, a partir das 18.00 horas, na Local Urbanización. As charlas desenvolveranse ata o próximo 30 de abril, data na que se poñerá fin a esta iniciativa en Carral.

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, destacou a importancia deste programa como ferramenta de participación directa: “Con este programa queremos achegar o Concello aos veciños, explicar de primeira man os proxectos que lles afectan e escoitar as súas achegas para melloralos”.

O Concello de Carral finalizou recentemente tres actuacións destinadas á mellora da rede viaria municipal, reforzando a seguridade, a drenaxe e a accesibilidade en distintos puntos do municipio. O conxunto das obras supuxo un investimento total de máis de 140.000 euros.


O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, subliñou que “estas obras responden ao compromiso do goberno municipal co mantemento e mellora da nosa rede viaria, que é fundamental para a seguridade e a calidade de vida da veciñanza”, destacando a aposta municipal por este tipo de intervencións.


A primeira das actuacións levouse a cabo en marzo en Tabeaio, con traballos de mellora de cunetas ao longo de 275 metros. Procedeuse á limpeza de cunetas, foxos e marxes do camiño, así como á demolición de tres entradas de formigón. Posteriormente, estas foron repostas mediante pasos salvafoxos con cunetas de formigón, unha solución que permite ampliar a sección do vial e facilitar o paso de vehículos. O custo total desta obra ascendeu a 32.885,23 euros.


Por outra banda, o Concello finalizou o proxecto de mellora do vial entre A Ribeira e Soavila, na parroquia de Cañás. A actuación desenvolveuse ao longo de 675 metros, nunha zona onde as cunetas estaban invadidas pola vexetación e os noiros presentaban deficiencias. Os traballos incluíron a limpeza e perfilado de cunetas, a execución de cunetas de formigón en gran parte do trazado e en ambas as marxes, así como tramos hormigonados. Tamén se instalou unha canalización de polietileno e reforzáronse tres noiros. O orzamento total foi de 74.035,19 euros, cunha axuda de 56.417 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.


Sobre esta actuación, o rexedor destacou que “a mellora do drenaxe, o reforzo dos noiros e a ampliación das seccións dos viarios contribúen a facer máis seguros os desprazamentos, especialmente nas zonas rurais”.


Finalmente, completouse a mellora da capa de rodadura do vial entre Cimadevila e Montecelo, na parroquia de Quembre, dentro do Plan de Obras e Servizos 2025. A actuación contou cun orzamento de 35.608,73 euros. Os traballos incluíron o estendido dunha nova capa de rodadura, a limpeza de cunetas, a mellora da drenaxe e a renovación da sinalización horizontal. A intervención abarcou dous tramos de 215 e 195 metros.


O alcalde concluíu que estes investimentos “son clave para garantir unha mobilidade máis eficiente e sostible e para dar resposta ás necesidades reais do territorio”.

O Concello de Carral habilitou na súa páxina web oficial unha nova pestana en portada que recolle toda a información relativa ao Inventario de camiños e vías municipais, co obxectivo de facilitar o acceso á documentación por parte de todos os veciños e veciñas.

Esta iniciativa púxose en marcha logo da publicación no Boletín Oficial da Provincia da aprobación inicial do Inventario de camiños e vías municipais do Concello de Carral. A partir de mañá, 2 de abril, ábrese un prazo de dous meses para a presentación de alegacións por parte das persoas interesadas.

Deste xeito, o Concello pon ao dispor de todos os veciños e veciñas tanto o documento completo como ferramentas dixitais para a súa consulta, incluíndo un visor específico e unha ligazón de descarga directa.

Ademais, o inventario será presentado polas distintas parroquias, co fin de achegar a información a todos os núcleos do municipio.

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, destacou a importancia deste proceso para a participación cidadá: “Queremos que toda a veciñanza teña acceso sinxelo a esta información e poida revisala con detalle, xa que se trata dun documento moi relevante para ou noso territorio”.

Así mesmo, o rexedor subliñou o compromiso do Concello coa transparencia e a implicación veciñal: “Abrimos este período de alegacións para garantir que o inventario recolla a realidade dos nosos camiños e vías, contando coa colaboración de todos os veciños”.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, elevará ao pleno do xoves os orzamentos de Carral do 2026. O documento do exercicio ascende a 6.921-901,26 euros, o que supón un crecemento de preto do 10% respecto ao último (de 6.321.018,87 euros). Trátase, como avanza o rexedor, dos orzamentos máis “altos da historia do municipio”. Con todo, a cifra total non é a única que despunta, senón que a esta hai que sumar tamén o dato relativo ao capítulo de investimentos, que sobe un 38,43% en comparación co orzamento de 2024, chegando a 1.437.523,64 euros. Todo isto mantendo unha forte aposta pola área de Servizos Sociais, cuxo gasto total é de 1.121.964,44 euros.

A confección do documento foi unha das pedras angulares do traballo do goberno local nos últimos meses: “era unha das prioridades que me marquei cando accedín á Alcaldía, porque un concello en pleno crecemento non pode permitirse carecer dun orzamento municipal axustado ás necesidades da veciñanza”. Como explica, “o último aprobárase no ano 2024, polo que o noso labor non foi de actualización, senón que se baseou en deseñar unha proposta ambiciosa, pensando no futuro de Carral”.

Investimentos

O apartado de investimentos chega ata 1.437.523,64 euros, e nel inclúense numerosas actuacións de reforzo das condicións de seguridade viaria como as seguintes: mellora do firme do camiño entre A Barciela e Balbén, a obra na rúa O Quenllo, a construción de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila ou as actuacións para acondicionar a infraestrutura viaria no polígono. A estas hai que sumar outros investimentos para dispoñer e mellorar espazos de encontro veciñal: adquisición de terreos e instalación dunha pista multideportiva en San Vicente de Vigo, infraestrutura verde para a conexión coa área recreativa do río Brexa e a mellora e actualización da contorna de Costa dá Égoa.

Axudas

Outro dos capítulos que experimentou unha subida considerable é o de transferencias correntes. Así, con respecto ao documento aprobado en 2024, o apartado viuse aumentado nun 13%. Neste caso, o Concello consigna 256.878,50 euros na proposta de 2026 fronte aos 227.329,19 do de 2024 para asumir as subvencións por bolsas de estudo, a asociacións e entidades e de emerxencias sociais. O capítulo de gastos correntes subiu tamén un 5,01% (2.790.219,94 euros), unha contía coa que o goberno local busca recoller os créditos suficientes para cumprir coas obrigacións do Concello e para poder licitar, ademais, contratos en precario como o do servizo de limpeza viaria e xardinería e a prestación da iluminación pública.

Asimismo, este apartado rexistra un aumento tamén debido ao incremento dos servizos asistenciais prestados desde os Servizos Sociais. O documento económico foi acordado cos dous concelleiros non adscritos, Francisco Bello e Mercedes Caridad.