O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, participou esta mañá de martes, 27 de xaneiro, nun encontro de traballo convocado por Augas de Galicia con varios concellos, celebrado nas instalacións da Universidade da Coruña (UDC).

Á reunión asistiu o director xeral de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, así como representantes municipais, entre eles o concelleiro Óscar Bodelo, a concelleira Rocío Rabuñal e a técnica municipal de Medio Ambiente, María Couto.

No marco deste encontro, o executivo carralés trasladou a Augas de Galicia a necesidade de avanzar na segunda fase do Plan Xeral Galego de Saneamento (PXGS), así como a situación da depuradora do Quenllo, unha infraestrutura que levaba preto de seis anos sen recibir o mantemento idóneo.

Durante a reunión, desde o Concello de Carral incidiuse na urxencia de acometer actuacións que permitan garantir o correcto funcionamento da depuradora e mellorar o servizo de saneamento no municipio, poñendo de manifesto a importancia de priorizar esta actuación.

O alcalde destacou “a importancia da colaboración entre administracións para dar resposta a problemas estruturais que afectan directamente á calidade de vida da veciñanza” e remarcou que a depuradora do Quenllo “é unha actuación prioritaria que require unha solución áxil e eficaz”.

Fernández Mouriño subliñou ademais que a participación de Carral nestes encontros de traballo resulta fundamental para “defender os intereses do municipio e seguir avanzando na planificación e execución de actuacións en materia de saneamento”, reiterando o compromiso do goberno municipal de continuar traballando de maneira coordinada con Augas de Galicia para alcanzar melloras reais e sostibles para Carral.

O Concello iniciará, en febreiro, o proxecto de reforma interior do Complexo Deportivo de Carral. As obras supoñerán unha redistribución das diferentes zonas da instalación e a renovación dos acabados interiores. Co fin de minimizar as molestias ás persoas usuarias e axilizar a execución dos traballos, o Concello trasladará de forma provisional a actividade do Complexo Deportivo ao pavillón O Espiño.

Como explica o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, “a realización destas intervencións non é compatible co uso e o funcionamento diario da instalación”. Tendo en cuenta o elevado número de usuarios (máis de medio milleiro) e para reducir as molestias tanto á empresa adxudicataria das obras como á concesionaria da xestión do Complexo, a actividade desenvolverase temporalmente no pavillón.

O Complexo Deportivo estará pechado desde o 13 de febreiro. A partir desa data, o Concello traballará no traslado das máquinas da sala de musculación e en acondicionar O Espiño para que estea en funcionamento desde o 18 de febreiro.

O horario do servizo e das actividades será o mesmo. Así, estará dispoñible de luns a venres, de 9.00 a 15.00 e de 16.30 a 23.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Todas as actividades desenvolveranse neste recinto, fóra das clases de pilates, que se impartirán no Local Interxeracional no seu horario habitual.

Así é o proxecto

O proxecto municipal permitirá modernizar o Complexo Deportivo e mellorar a funcionalidade das salas destinadas á práctica deportiva, incrementando o espazo dispoñible. Para logralo, eliminarase a separación interior existente entre a actual sala de actividades e a de máquinas aeróbicas e musculación, unha medida que permitirá ampliar esta última. A sala de actividades trasladarase ao espazo que actualmente ocupa o SPA, en desuso desde hai anos. Ademais, o Concello habilitará un novo cuarto auxiliar vinculado á sala de actividades e un almacén que dará servizo a ambas as salas.

As intervencións inclúen tamén a renovación dos acabados interiores. Na sala de actividades instalarase un novo pavimento laminado sobre o existente, colocaranse dous grandes espellos en dúas das paredes e, nas outras dúas, procederase ao seu pintado e á colocación dun revestimento de taboleiros. Así mesmo, substituirase o falso teito actual por un novo. Na zona de máquinas eliminarase o pavimento de tarima de madeira para uniformarlo. Ademais, renovaranse os paramentos verticais e instalaranse novas espalderas.

As obras completaranse coa colocación de novas luminarias na sala de actividades, o cuarto auxiliar e o almacén, así como coa instalación de tomas de electricidade e telecomunicacións distribuídas polos distintos espazos. Por último, executarase unha nova instalación de ventilación e climatización para as salas de actividade deportiva.

O concelleiro da área explica que o obxectivo do proxecto “é pór a punto e modernizar a dependencia para adaptala ás necesidades dous usuarios, que gañarán en espazo e en comodidade á hora de facer deporte”.

O Concello avalía coa Consellería de Sanidade as necesidades da atención sanitaria no municipio. O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, mantivo esta semana unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada. Ao encontro asistiron tamén a concelleira de Sanidade de Carral, Cristina Casal, e o edil Francisco Bello. Entre as opcións que se abordaron durante o encontro atópase a posibilidade de construír un novo centro médico.

Durante a reunión apalabrouse a próxima visita de persoal técnico do departamento autonómico ao municipio para analizar as necesidades do centro de saúde a curto e medio prazo.

O primeiro edil agradece a boa disposición do conselleiro, que se mostrou interesado “polas nosas demandas, entendendo que un concello como Carral, en pleno crecemento, precisa de melloras nas infraestruturas de atención primaria que permitan ofrecer a mellor asistencia aos veciños e veciñas”.

Á espera desa visita, o conselleiro mostrou a súa predisposición para impulsar as melloras que se estimen necesarias.

Ambas as partes coincidiron na necesidade de manter en bo estado as instalacións actuais. Entre os problemas abordados durante a reunión figuran as humidades, a sensación térmica no interior do edificio e a necesidade de renovar as xanelas, entre outras melloras urxentes.

Mellores servizos

Fernández Mouriño explica que a mellora de servizos para a cidadanía é “unha das nosas liñas de traballo prioritarias”. Neste sentido, o rexedor lembra que Carral experimentou un incremento demográfico significativo nos últimos anos, chegando aos 7.000 habitantes. A isto hai que sumar, ademais, a chegada de máis familias tras o remate dos edificios inacabados da Sareb.

Como apunta o alcalde, este aumento da poboación “ten que ir da man de máis e mellores servizos para a veciñanza e falo, non só do centro de saúde, senón tamén dos centros de ensinanza”. O primeiro edil apunta que a colaboración da Xunta “está a ser fundamental para conseguir este obxectivo”. Tanto é así, que o organismo autonómico executará a ampliación do CEIP Vicente Otero Valcárcel e tamén a mellora na escola infantil, “dous proxectos cos que se avanzará de xeito decidido cara a mellora de infraestruturas para a veciñanza”.

Como parte dunha campaña para minimizar problemas de salubridade no termo municipal, o Concello retirou dous vehículos que se atopaban en estado de abandono na vía pública. Un deles levaba, desde o 2020, na DP-2104, a estrada que conecta con Quembre. O outro levaba máis de dous anos na DP-2106, nas Táboas (San Vicente de Vigo).

Trátase dun proceso que o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, iniciou á súa chegada ao Concello e que deriva dunha tramitación “prolongada na que se require do informe da Policía Local e do persoal técnico de Medio Ambiente”.

Desta forma, tras estudar cada caso e certificar o estado de abandono do automóbil, a Policía Local elabora un informe no que se conclúe esta circunstancia. O persoal técnico de Medio Ambiente fai o propio e encárgase, ademais, de contactar co propietario para informarlle de que dispón dun prazo para formular alegacións. Unha vez transcorrido este tempo sen que se presenten alegacións, proponse a declaración do automóbil como residuo e contáctase cun xestor autorizado que procede á súa retirada.

O rexedor avanza que se está tramitando a retirada doutro vehículo pero, neste caso, este atópase nun terreo privado, algo que “dilata máis os prazos”, explica Fernández Mouriño.

O Concello continúa aplicando melloras nas instalacións deportivas municipais. As últimas supuxeron a renovación da iluminación no pavillón do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e en O Espiño. As obras, executadas cun orzamento de 11.759,50 euros, “dan resposta ás solicitudes trasladadas polos propios usuarios e usuarias destas instalacións e, con elas, mellóranse as condicións lumínicas nestes recintos e avánzase tamén en materia de eficiencia enerxética”, explica o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo.

O goberno local actual decidiu executar estes traballos con fondos propios, levando a cabo un proxecto “máis ambicioso” no que se incluíse tamén ao pavillón O Espiño. Como apunta o concelleiro de Deportes, “non só acometemos os labores nas dúas dependencias, senón que o fixemos cun orzamento máis axustado”.

Tecnoloxía LED

O proxecto municipal ha suposto a substitución das antigas lámpadas de vapor de mercurio por novas luminarias tipo LED. Así, tras as intervencións, os pavillóns non só dispoñen de sistemas que favorecen unhas condicións lumínicas homoxéneas para unha mellor práctica deportiva, senón que tamén permiten un importante aforro enerxético.

Estas non son as únicas melloras que se foron acometendo ao longo dos últimos meses nos recintos deportivos. O Concello acaba de concluír a instalación dun aerotermo con bomba de calor no campo de fútbol Borja Rodríguez Ans dos Capelos. Trátase dun sistema máis moderno, eficiente e sostible co que a capacidade de auga quente verase incrementada nun 75%.

A Xunta de Galicia acaba de reanudar os permisos de queima para restos agrícolas. As persoas interesadas poderán facer a súa solicitude na Casa do Concello, a través do teléfono do 012 e da páxina web da Xunta de Galicia.

Maís información no servizo de Medio Ambiente do Concello ou no teléfono 881 913 533.

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, alcanzou o compromiso da Xunta de Galicia para facer realidade unha importante demanda en materia de infraestruturas deportivas: a construción das futuras bancadas do campo de fútbol dos Capelos. Así se acordou na reunión que o rexedor e o concelleiro, Óscar Bodelo, mantiveron co secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa. Durante o encontro, confirmouse que o proxecto se retomará a partir de xaneiro, a cargo dos orzamentos do organismo autonómico para 2026 e por medio dun acordo de colaboración entre a Xunta e o Concello.

Retomar a execución das bancadas foi un dos obxectivos que o primeiro edil marcouse cando recuperou a alcaldía no mes de setembro. Trátase, como apunta Fernández Mouriño, dunhas actuacións “moi necesarias e demandadas polos numerosos usuarios e usuarias da instalación municipal”.

O alcalde lembra que o anterior goberno local solicitara unha subvención do organismo autonómico para acometer estas actuacións. Con todo, o proxecto presentado polo Concello non obtivo a puntuación mínima necesaria para recibir a axuda. Co obxectivo de reiniciar a tramitación, Fernández Mouriño solicitou a reunión co secretario xeral, ao que agradeceu “a súa boa disposición e interese por atender as nosas peticións”.

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e o concelleiro, Óscar Bodelo, mantiveron onte unha reunión co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para renovar a súa tramitación. Como avanza o rexedor, o de onte non será o único encontro, senón que se realizarán outros dous nas próximas semanas cun claro obxectivo: proceder á aprobación provisional deste documento.

O alcalde valorará xunto ao persoal municipal e á empresa redactora se as modificacións introducidas nos últimos anos requiren dunha nova exposición pública antes de promover a aprobación provisional.

Retomar o Plan Xeral foi un dos obxectivos que Fernández Mouriño se marcou cando recuperou a Alcaldía: “pois é un asunto que está pendente dende hai varios anos”. A intención do primeiro edil é continuar avanzando na súa tramitación, entendendo que del depende “o futuro e o crecemento de Carral”.

  • En el pleno extraordinario celebrado esta mañana se aprobó la segunda fase del POS+2025 adicional de la Diputación, que se destinará a la ejecución del proyecto.
  • Las obras permitirán, además, resolver los problemas de infiltraciones de auga y acometer otras actuaciones, como la sustitución de luminarias de la pista.

O Concello celebrou esta mañá un pleno extraordinario no que a corporación municipal aprobou, por unanimidade, a segunda fase do POS+2025 adicional da Deputación da Coruña. A achega provincial destinarase á execución do proxecto de mellora e ampliación do pavillón do Espiño. Trátase, tal e como explica o alcalde, Javier Gestal, “dunhas obras coas que se acondicionará o estado actual e coas que, ademais, se incrementará a capacidade desta instalación, cun gran uso ao longo de todo o ano”.

As intervencións do Concello contarán cun orzamento total de execución de 395.994,39 euros cos que se mellorarán as condicións e se ampliará a edificación. Por unha banda, proponse un incremento da superficie útil do pavillón cunha nova bancada. Na actualidade, as gradas teñen capacidade para 150 persoas, pero coa solución adoptada haberá espazo para outros 200 espectadores adicionais. Trátase dunha medida que se materializará coa construción dun volume compacto de 218 m² que estará adosado á edificación existente. Por outra banda, o Concello resolverá os problemas de filtracións de auga detectados nalgúns puntos.

As actuacións incluirán tamén outras melloras na dependencia deportiva e na súa contorna, como a substitución da varanda exterior, a colocación dunha valado e dun portal e o cambio das luminarias da cancha polideportiva por unhas novas de tipo LED.

Festivos locais

O pleno apoiou tamén por unanimidade a proposta de festivos locais para o 2026, que serán o 17 de febreiro (martes de Entroido) e o 8 de setembro, coincidindo coas festas do Socorro.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, formalizou, esta semana, a compra dunha nova parcela de 4.304 m2 situada en Polígono número 15. A compra deste terreo, correspondente coa parcela 85 de Ponche de A Brexa, despexará o camiño para facer realidade uno dos compromisos do rexedor ao comezo do mandato: a ampliación da área recreativa de A Brexa.

Como explica o primeiro edil, trátase dun paso “fundamental para seguir incrementando o uso e os servizos desta zona”. Na actualidade, o espazo conta cun skatepark, zona de mesas e áreas verdes e acolle, anualmente, a Festa da Familia do Concello.

A adquisición posibilitará a conexión co aparcamento e, ademais, a recuperación dos elementos etnográficos asociados coa auga, como o río de San Amaro e un antigo muíño localizado nesta contorna.