Concello e Xunta axuntan esforzos para ampliar o espazo e a funcionalidade da escola A Galiña Azul
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, visitou esta mañá, xunto ao xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, a escola infantil pública A Galiña Azul con motivo do inicio das obras de mellora que se executarán no centro. Ao encontro asistiron tamén as concelleiras Isabel López, Cristina Casal e o edil Óscar Bodelo. As actuacións, financiadas cunha axuda da Xunta de Galicia de preto de 30.000 euros, permitirán construír un novo almacén exterior para o almacenamento de xoguetes e outros materiais. Ademais, cubrirase o patio exterior, conectando a cuberta xa existente con este novo espazo, o que permitirá ampliar a superficie de uso do alumnado e mellorar a funcionalidade das instalacións.
O primeiro edil subliñou a importancia destes traballos, indicando que son froito “da colaboración entre ambas as as institucións e que redundarán no beneficio de toda a comunidade educativa”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para agradecer a implicación da Xunta de Galicia e, en particular, da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, para “atender as peticións que lles trasladamos desde o Concello”.
As melloras que se executarán no centro enmárcanse nun programa de actuacións dirixido a escolas infantís públicas de titularidade municipal e autonómica de toda Galicia. No caso de Carral, as obras contarán cunha axuda de 30.000 euros. O alcalde destacou que este financiamento é “esencial para continuar mellorando as infraestruturas educativas do municipio, especialmente tendo en conta o crecemento que está a experimentar Carral coa chegada constante de máis familias con nenos e nenas en idade escolar”.





