,

MÁIS DE 260 VECIÑOS IMPLÍCANSE NO FUTURO USO DA AMPLIACIÓN DO CAMPO DA FEIRA

Un total de 265 veciños e veciñas participaron no proceso impulsado polo Concello para definir o futuro uso da ampliación do Campo da Feira. Do total de respostas, o 85,28% recibiuse a través do formulario en liña habilitado para a consulta, mentres que o 14,72% restante rexistrouse na urna presencial instalada polo Concello. A concelleira de Educación, Sanidade e Emprego, Cristina Casal, agradeceu “a colaboración e implicación da veciñanza, fundamental para atopar o uso máis axeitado para este espazo”. Como explica, o seguinte paso consistirá en analizar as opcións para determinar a súa viabilidade económica e técnica.

A creación dunha pista multideporte foi a opción que obtivo máis respaldo, con 88 votos, o que representa o 33,21% do total. Moi preto situouse a disposición dun espazo con mesas e bancos para o descanso, que recibiu 86 votos (32,45%).

Ademais, o 28,68% das persoas participantes optou por expor outras opcións distintas ás inicialmente propostas polo Concello (pista multideportiva, zona de patinetes ou área de mesas e descanso). Entre as suxerencias figuran o uso desta área como zona de aparcamento, a instalación de baños públicos, dunha pista de calistenia, parque biosaudable ou dunha área verde. A creación dunha zona de patinetes foi a menos escollida, acumulando un 5,66% dos votos.

Unha vez determinado o uso máis adecuado entre as distintas opcións expostas, o Concello destinará os preto de 650 metros cadrados que o Campo da Feira gañou para ampliar os servizos e equipamentos dos veciños e veciñas.