MÁIS DE 50 NENOS E NENAS PARTICIPAN NOS CURSOS MUNICIPAIS DE NATACIÓN DO MES DE XULLO EN CARRAL
O Concello deu comezo esta semana aos cursos municipais de natación correspondentes ao mes de xullo, nos que participan un total de 54 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos.
A actividade, que se desenvolve na piscina municipal ao longo de todo o mes, forma parte da programación deportiva de verán impulsada polo Concello e ten como obxectivo favorecer a aprendizaxe da natación, mellorar as habilidades acuáticas e promover hábitos de vida saudables entre a rapazada.
O alumnado está distribuído en tres quendas en función da idade. A primeira está destinada aos participantes de maior idade, a segunda ao grupo intermedio e a terceira aos nenos e nenas máis pequenos. As clases teñen unha duración de 45 minutos e impártense en horario de mañá, entre as 11:45 e as 14:00 horas.
Dentro de cada quenda establécense, ademais, dous niveis —iniciación e perfeccionamento— co fin de adaptar as sesións ás capacidades e necesidades de cada participante. En todo momento, os grupos están atendidos por dous monitores e contan coa presenza dun socorrista, garantindo así o desenvolvemento da actividade nas máximas condicións de seguridade.
Desde o goberno local destacan a boa acollida que volven rexistrar estes cursos, unha proposta xa consolidada dentro da programación estival e que permite achegar a práctica deportiva e a aprendizaxe da natación á veciñanza máis nova.
Así mesmo, o Concello está a preparar xa os cursos de natación do mes de agosto. O prazo de inscrición abrirase o 13 de xullo ás 9:00 horas e permanecerá aberto ata as 14:00 horas do 21 de xullo. As solicitudes poderán tramitarse a través do rexistro municipal ou da sede electrónica.





