MÁIS DE 600 PERSOAS PARTICIPARON NAS ESCOLAS DEPORTIVAS DE CARRAL
Máis de 600 persoas participaron, entre os meses de outubro e xuño, nas escolas deportivas municipais de Carral. O Concello está a poñer estes días o broche de ouro a nove meses de intensa actividade con clausura das escolas e, ademais, da IV Liga de Pádel, na que se enfrontaron 26 parellas.
O Concello está a pechar as diferentes actividades que integran a oferta deportiva municipal, que incluíu propostas para todas as idades como xogos predeportivos, atletismo escolar, patinaxe escolar, pádel, judo, ximnasia rítmica, ximnasia de mantemento (desenvolvida en varias parroquias), baloncesto, zumba e equitación. Entre as modalidades con maior participación destacan as clases de ximnasia de mantemento, con preto de 90 persoas rexistradas, seguidas de ximnasia rítmica, con 57 participantes; patinaxe escolar, con 40, e pádel, que reuniu a preto de 40 alumnos e alumnas.
O Concello traballa xa na próxima edición das escolas deportivas municipais. O proceso de inscrición está previsto para finais de agosto ou principios de setembro.
Liga de Pádel
A IV Liga de Pádel tamén chegou esta semana ao seu fin tras preto de catro meses de competición. Manuel Cortés e Rubén Rodríguez proclamáronse campións da categoría A, mentres que Joel Sarmiento e Diego Sarmiento conquistaron o título na categoría B, pechando unha edición na que se disputaron preto de 90 partidos desde o pasado mes de marzo.
A competición comezou cunha fase de grupos e continuou coas eliminatorias ata a celebración das finais, poñendo fin a unha edición que volveu destacar pola elevada participación e o alto nivel deportivo mostrado polas parellas participantes.





