,

O ALCALDE ACADA A COLABORACIÓN DA XUNTA PARA CONSTRUÍR AS BANCADAS DO CAMPO DOS CAPELOS

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, alcanzou o compromiso da Xunta de Galicia para facer realidade unha importante demanda en materia de infraestruturas deportivas: a construción das futuras bancadas do campo de fútbol dos Capelos. Así se acordou na reunión que o rexedor e o concelleiro, Óscar Bodelo, mantiveron co secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa. Durante o encontro, confirmouse que o proxecto se retomará a partir de xaneiro, a cargo dos orzamentos do organismo autonómico para 2026 e por medio dun acordo de colaboración entre a Xunta e o Concello.

Retomar a execución das bancadas foi un dos obxectivos que o primeiro edil marcouse cando recuperou a alcaldía no mes de setembro. Trátase, como apunta Fernández Mouriño, dunhas actuacións “moi necesarias e demandadas polos numerosos usuarios e usuarias da instalación municipal”.

O alcalde lembra que o anterior goberno local solicitara unha subvención do organismo autonómico para acometer estas actuacións. Con todo, o proxecto presentado polo Concello non obtivo a puntuación mínima necesaria para recibir a axuda. Co obxectivo de reiniciar a tramitación, Fernández Mouriño solicitou a reunión co secretario xeral, ao que agradeceu “a súa boa disposición e interese por atender as nosas peticións”.