,

O ALCALDE CONFIGURA UN GOBERNO DE CATRO ÁREAS COA VISTA POSTA EN RESOLVER “AS DEMANDAS DE CARRAL”

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, xa ten distribuídas as áreas de goberno. O rexedor propón a creación de catro áreas ocupadas polos seus catro concelleiros e desde as que se traballará seguindo unha folla de roteiro claro: “traballaremos para que Carral avance e para resolver as demandas do noso municipio, como é a aprobación do PXOM, a ampliación do polígono dos Capelos e o arranxo da depuradora do Quenllo, entre outras”.

Para lograr estes obxectivos, o rexedor expón a configuración das seguintes áreas:

Urbanismo, Infraestruturas, Medio Ambiente, Mobilidade, Deportes e Xuventude: Óscar Bodelo Gómez (2º tenente de alcalde)

Obras e Servizos: Carlos Barbeito Rey (4º tenente de alcalde)

Sanidade, Educación e Emprego: Cristina Casal Diz (3ª tenente de alcalde)

Cultura, Turismo e Comercio: Isabel López Pérez (1ª tenente de alcalde)

En canto liñas de traballo, durante a súa investidura, o primeiro edil xa marcara algunhas das prioridades para os próximos meses. Desta listaxe, Fernández Mouriño iniciou, nas últimas semanas, unha rolda de contactos para avanzar no proceso de ampliación do parque industrial e retomou as reunións coa empresa redactora do PXOM para unha próxima aprobación provisional do documento. Así mesmo, Fernández Mouriño alcanzou o compromiso da Xunta de Galicia para colaborar na construción das novas bancadas do campo de fútbol Os Capelos. En canto á depuradora de O Quenllo, na reunión co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, acordouse estudar diferentes vías de cooperación para a execución deste proxecto.