O ALCALDE DE CARRAL PROPOÑERÁ AO PLENO A CESIÓN DUNHA PARCELA PARA A FUTURA RESIDENCIA DE MAIORES
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, propoñerá este xoves ao Pleno que o Concello manifeste formalmente a súa vontade de facilitar unha parcela para a futura residencia de maiores promovida pola Xunta de Galicia. Trátase dun punto esencial para garantir a atención ás persoas maiores do municipio, ampliar os servizos dispoñibles e favorecer que poidan permanecer na súa contorna habitual, sen verse obrigados a desprazarse fóra de Carral.
A iniciativa contempla que o Concello facilite unha parcela adecuada para a futura residencia e comprométase a poñela ao dispor da Administración autonómica nun prazo máximo dun ano, unha vez identificada e seleccionada de xeito conxunto. A proposta tamén prevé que os servizos técnicos e xurídicos municipais realicen as actuacións necesarias para avanzar no proceso.
Trátase, tal e como lembra o alcalde, dun proxecto especialmente importante para Carral e que xa se intentou materializar durante a súa anterior etapa a cargo do Concello. En 2018, o goberno municipal presidido por José Luis Fernández Mouriño conseguiu impulsar a tramitación e aprobación dunha subvención destinada á creación dun centro de maiores nas antigas instalacións do colexio Víctor Velasco, avanzando de forma concreta na posta en marcha deste equipamento. Aquel proxecto, con todo, non chegou a materializarse tras o cambio de goberno municipal.
Agora, anos despois, Carral volve ter a posibilidade de acoller unha residencia de maiores promovida pola Xunta. Para José Luis Fernández Mouriño, esta circunstancia supón recuperar un obxectivo que xa se expuxera durante o seu anterior mandato e ante o que agora o Concello debe actuar con responsabilidade e determinación para que o municipio poida contar finalmente con este servizo.
A Xunta comunicou recentemente ao Concello que Carral é un dos municipios seleccionados como posible localización destas novas instalacións, cuxo obxectivo é ampliar as prazas residenciais para persoas maiores e favorecer que poidan permanecer na súa contorna habitual. A comunicación recibida aclara que esta manifestación de vontade non supón aínda a adxudicación definitiva do equipamento, que deberá continuar posteriormente coa correspondente tramitación administrativa.
Outros asuntos do pleno
Alén da residencia de maiores, o Pleno tratará unha modificación de crédito por importe de 429.442,77 euros destinada a instalacións deportivas, así como a aprobación do Plan Estratéxico de Subvencións 2026-2029.
Na orde do día tamén figuran o convenio coa Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa”, a aprobación do proxecto de humanización da rúa do Souto, a Conta Xeral de 2025 e unha bonificación do 50% do ICIO para a ampliación do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel.





