,

O ALCALDE DESBLOQUEA UNHA “DEMANDA HISTÓRICA” AO ACADAR UNHA AXUDA PARA AS BANCADAS DO CAMPO DE FÚTBOL DE OS CAPELOS

O campo de fútbol Borja Rodríguez Ans do polígono dos Capelos terá novas bancadas. Así o confirma o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, despois de que a Xunta de Galicia publicase a listaxe de entidades beneficiarias das axudas do Fondo de Cooperación Local (FCL), entre as que se atopa o Concello de Carral. O rexedor lembra que a construción destas bancadas foi un dos “obxectivos prioritarios que me marquei cando accedín á Alcaldía e, agora, con esta axuda imos resolver unha demanda histórica dos usuarios e usuarias da instalación”.

A execución das bancadas suporá un investimento duns 858.885,54 euros. Do total, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegará 429.000 euros, mentres que a contía restante procederá de fondos municipais.

Na actualidade, o campo de fútbol dispón unicamente dun espazo cuberto, situado no lateral dos vestiarios, con capacidade para 30 persoas. Porén, esta dotación resulta insuficiente para atender a actividade que rexistra a instalación, con máis de 400 usuarios e usuarias semanais entre actividades federadas e de afeccionados. A actuación permitirá corrixir esta carencia mediante a disposición dunha nova bancada cuberta con capacidade para 300 espectadores, completando así a oferta de servizos do recinto deportivo.

Reformulación

Fernández Mouriño lembra que o anterior goberno local xa solicitara unha subvención ao organismo autonómico para acometer estas actuacións que foi finalmente denegada en setembro, pouco despois de que Fernández Mouriño recuperase a Alcaldía. A partir dese momento, o goberno local centrou os seus esforzos en revisar e reformular a documentación co obxectivo de emendar as deficiencias e retomar o proxecto.

En outubro, Fernández Mouriño e o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, mantiveron unha reunión co secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, ante quen presentaron o proxecto reformulado. Finalmente, a construción das gradas financiarase, en boa medida, a través do Fondo de Cooperación Local (FCL).