, ,

O alcalde propón investir 800.000 euros do Plan Único en seguridade viaria e instalacións deportivas

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, propoñerá destinar 755.064,34 euros do Plan Único da Deputación da Coruña á execución de tres actuacións “clave” para o municipio: a mellora da seguridade viaria na estrada do Quenllo, a rehabilitación da pista polideportiva do local social de O Canedo, e á rehabilitación da pista polideportiva de Tabeaio. A proposta someterase a debate no pleno ordinario deste xoves, 29 de xaneiro (ás 20.00 horas).

Tal e como explica o rexedor, trátase de tres actuacións “moi demandadas polos veciños e veciñas” e que responden a dous obxectivos prioritarios para o goberno: reforzar a seguridade viaria, no caso do Quenllo, e mellorar as infraestruturas públicas ao servizo da cidadanía en Tabeaio e O Canedo.

No que respecta a a estrada do Quenllo, as obras contemplan a ampliación do ancho da vía, a execución de cunetas de seguridade e a realización de traballos de sinalización e balizamento.

Pola súa banda, na pista polideportiva de Tabeaio, o investimento provincial permitirá mellorar o rendemento e o uso da instalación mediante a execución dunha nova cuberta.

As actuacións incluirán, ademais, a rehabilitación do pavimento deportivo, coa reparación da superficie existente e un novo marcado para diferentes modalidades, como fútbol sala e baloncesto. Así mesmo, mellorarase a accesibilidade, adaptando os accesos desde o vial e a contorna do centro social Xente Nova de Tabeaio, renovarase o peche perimetral e instalarase novo equipamento deportivo (redes de protección, bancos e papeleiras).

En O Canedo, as obras comprenderán a instalación dun novo pavimento mediante soleira de formigón, a marcaxe das pistas de fútbol sala e baloncesto, así como a subministración e colocación de porterías e canastras.

Plan Complementario 2026

O goberno municipal someterá tamén a debate a súa proposta de actuacións para o Plan Complementario 2026, que ascende a 1.073.373,70 euros. O executivo local expón destinar integramente esta cantidade a obras de mellora da seguridade viaria en distintos puntos do municipio, a través das seguintes intervencións:

• Mellora da pavimentación das beirarrúas en Belvís de Paleo

• Mellora da pavimentación da beirarrúa da rúa José Boga

• Mellora da capa de rodadura da estrada en Abrigosa (San Vicente de Vigo)

• Mellora da capa de rodadura, formación de cunetas e canalización da rede de pluviais na rúa da Chousa

• Mellora da pavimentación das beirarrúas desde Paleo ata o centro de saúde de Carral

• Mellora da pavimentación das beirarrúas da rúa Manuel Ferrol

  • Saneamento en Cañás

Costa da Égoa

Por último, o alcalde elevará ao pleno a ratificación dun decreto para solicitar unha subvención á Deputación da Coruña. A axuda serviría para executar o proxecto de mellora e actualización da contorna do conxunto hidráulico Costa da Égoa-Batán.