, ,

O ALCALDE RETOMA A TRAMITACIÓN DO PLAN XERAL COA VISTA POSTA NA PRÓXIMA APROBACIÓN PROVISIONAL

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e o concelleiro, Óscar Bodelo, mantiveron onte unha reunión co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para renovar a súa tramitación. Como avanza o rexedor, o de onte non será o único encontro, senón que se realizarán outros dous nas próximas semanas cun claro obxectivo: proceder á aprobación provisional deste documento.

O alcalde valorará xunto ao persoal municipal e á empresa redactora se as modificacións introducidas nos últimos anos requiren dunha nova exposición pública antes de promover a aprobación provisional.

Retomar o Plan Xeral foi un dos obxectivos que Fernández Mouriño se marcou cando recuperou a Alcaldía: “pois é un asunto que está pendente dende hai varios anos”. A intención do primeiro edil é continuar avanzando na súa tramitación, entendendo que del depende “o futuro e o crecemento de Carral”.