O CEIS As Mariñas renova a súa dirección para reforzar a ética na intervención social da comarca
O pasado 18 de setembro, tivo lugar a primeira reunión tras a renovación das persoas integrantes do Comité de ética en intervención social As Mariñas (CEIS As Mariñas).
O actual comité recolle as sensibilidades existentes nos concellos do Consorcio As Mariñas, xa que está composto por persoal dos servizos sociais comunitarios dos concellos, do terceiro sector, do ámbito sanitario, do ámbito xurídico e persoas relacionadas cos servizos sociais por distintas vías.
Na sesión do 18 procedeuse á renovación dos cargos, ostentando actualmente a presidencia Susana López Bogo, unha persoa cunha ampla traxectoria profesional na intervención social, que desempeña o seu labor nos servizos sociais do Concello de Culleredo. A secretaría está a cargo de Marta Piñeiro Arca, quen tamén conta cun importante bagaxe na intervención social, desempeñando actualmente o seu labor profesional nos servizos sociais do Concello de Betanzos.
Ambas contan con outras dúas importantes vogalías de apoio con dilatada experiencia, nos servizos sociais comunitarios e do terceiro sector.
Estamos convencidas de que este equipo vai dar outro pulo importante ao CEIS As Mariñas, para que continúe a ser un referente da ética na comarca e na nosa comunidade autónoma, que contribúa a mellorar os servizos prestados á cidadanía dos concellos do Consorcio As Mariñas, xa que a ética aporta aos servizos sociais o conxunto de valores e principios que orientan a intervención profesional para garantir a dignidade, a xustiza e os dereitos das persoas.





