O CONCELLO CELEBRARÁ O VINDEIRO 23 DE AGOSTO A VII FESTA DA AUGA NAS PISCINAS MUNICIPAIS
O Concello de Carral, a través da Concellería de Deportes, celebrará o vindeiro domingo, 23 de agosto, a VII Festa da Auga, unha das citas máis esperadas do verán, que volverá converter as piscinas municipais nun gran espazo de lecer para nenos, nenas e familias.
A actividade desenvolverase entre as 16:00 e as 20:00 horas e ofrecerá unha completa programación de xogos e diversión acuática pensada para todos os públicos. Nesta sétima edición instalaranse dous hinchables acuáticos, entre eles un gran tobogán de auga, ademais dun hinchable específico para os máis pequenos, tamén acuático. A xornada completarase cunha Festa da Auga e unha Festa da Espuma.
Esta iniciativa ten como principal obxectivo promocionar o uso das instalacións deportivas municipais durante a tempada estival, fomentar hábitos de ocio saudable e ofrecer unha proposta lúdica para desfrutar en familia, converténdose tamén nunha ocasión especial para despedir o verán antes do remate da tempada das piscinas.
As persoas abonadas ás instalacións deportivas municipais poderán acceder gratuitamente á actividade. O resto de usuarios e usuarias poderá participar mediante o pagamento da entrada habitual da piscina, sen ningún custo adicional.
Co obxectivo de garantir a máxima seguridade, os hinchables estarán supervisados en todo momento por monitores especializados neste tipo de instalacións. Ademais, o recinto contará coa presenza permanente dunha ambulancia con dous técnicos sanitarios e reforzarase o servizo de socorrismo durante toda a actividade para ofrecer unha resposta inmediata ante calquera incidencia.
O Concello de Carral anima á veciñanza a participar nesta sétima edición da Festa da Auga, unha actividade xa consolidada no calendario estival municipal que combina diversión, convivencia e seguridade nun ambiente pensado para toda a familia.





